ASALTO AL TREN DE GLASGOW, de Abel Alves e Miguel Carmona (Serendipia): entre pillabáns anda o xogo.
Aló por 1963 quince homes asaltaron un tren postal nocturno que cubría o traxecto entre Glasgow e Londres e transportaba unha importante cantidade de cartos en efectivo, facéndose cun botín superior aos dous millóns e medio de libras esterlinas, unha cifra estratosférica para a época. O rechamante da contía roubada e a meticulosidade da planificación da operación fixeron que o suceso tivera unha grandísima repercusión mediática, tanto dentro como fóra do Reino Unido, ata o punto de ser chamado pola prensa do momento “o roubo do século”e acadar unha certa celebridade posterior algúns dos compoñentes da banda.
Como podedes imaxinar este audaz golpe criminal quedou indeleblemente gravado no imaxinario colectivo de xeito tal que segue a provocar interese a día de hoxe, máis de sesenta anos despois. Nestas décadas realizáronse varias adaptacións cinematográficas deste espectacular roubo, e son numerosísimas as referencias ao asunto noutros filmes, series e mesmo cancións. Xa que logo non é estraño que unha mente inqueda como a do guionista Abel Alves, unindo forzas co ilustrador Miguel Carmona, decidise levar esta historia á banda deseñada no álbum que hoxe vos presentamos.
Abel, responsable como escritor de títulos como Aram o armenio, A tumba de Breogán, Segunda venida ou O destino de Kameko, volve amosar a súa solvencia como guionista construíndo unha historia moi ben armada e tremendamente documentada (tanto que mesmo se permite algunha sutil referencia que as persoas expertas no tema atoparán moi divertida). Pero é que, ademais de nos presentar inicialmente aos protagonistas principais e desenredar polo miúdo o plan dos ladróns, tamén vai presentar ao personaxes a reflexionar sobre a moralidade dos seus actos.
O debuxo de Miguel Carmona, de estilo caricaturesco con certas influencias “bruguerianas”, axuda a desenvolver o relato como unha lectura de gran fluidez, axeitada, ademais, para un amplo número de lectoras e lectores, tanto no público xuvenil como adulto.
Así pois, aquí vos deixamos este novidade, unha recomendación ben interesante sobre un espectacular roubo que forma parte xa da cultura popular do século XX. E aproveitamos para vos lembrar que este vindeiro venres 22 de marzo, a partires das 18 horas, teremos o pracer de contar coa presenza do propio Abel Alves en Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste Asalto al tren de Glasgow. Agardámosvos.