Segunda venida, de Abel Alves e Juan Caminador: nas súas páxinas encomendamos os nosos espíritos

Komic Librería: Segunda venida


Con moita ilusión vos presentamos hoxe a nova obra do ferrolán Abel Alves, que a través dos debuxos do arxentino Juan Caminador vainos contar a historia de Evangelina, unha rapaza de dezaoito anos á quen lle vai mudar a vida por completo dun xeito totalmente inesperado nunha aventura de, literalmente, proporcións bíblicas.

Vaites co Abel! Este inquedo escritor e guionista, nado en Ferrol e que durante catro anos residiu en Uruguai e Arxentina, presentou as súas credenciais na banda deseñada galega con Aram o armenio, unha novela gráfica publicada no 2016 por Demo Editorial na que trataba o xenocidio armenio de 1915 a mans dos turcos. A valentía que demostrou ao meterse de cheo nunha temática tan complicada e inusual no cómic galego e a corrección mostrada á hora de contala resultaron gratamente sorprendentes e fixeron ben grandes as ganas por ler máis relatos da súa autoría.

Komic Librería: Segunda venida

O que non podíamos agardar é que o seu seguinte paso fora, como diría John Cleese: «algo completamente diferente». Do realismo histórico de Aram o armenio pasamos a un trepidante relato de acción divina con grandes doses de humor e irreverencia, xa que o que narra Segunda venida é a descoberta por parte dunha adolescente da súa condición de filla de Deus. Si, si, de Deus. A irmá de Xesucristo, pero dous mil anos máis nova. Un concepto que xa foi desenvolvido en máis dunha ocasión no cine, na literatura e mesmo na banda deseñada, pero que poucas veces atopamos tan divertido e resolto con tanto acerto como nestas páxinas.

Komic Librería: Segunda venida

A protagonista, Evangelina, vive nunha pequena cidade coa súa nai e pasa os días coa súa mellor amiga, Susi. Os medos, as dúbidas e as inseguridades propios da súa idade ameazan o seu ánimo e a súa felicidade, ata que descobre unha trascendental revelación sobre si mesma que cambiará por completo o seu destino…e o da humanidade enteira. O seu pai, a quen nunca coñeceu, resulta ser, nin máis nin menos, que o mesmiño Deus. A partires desta descoberta a súa vida pega unha reviravolta que a arrastra cara unha espiral de persecucións, sorpresas e combates nos que emprega os seus recén adquiridos poderes divinos.

Komic Librería: Segunda venida

Hai moitas cousas que atopamos salientables en Segunda venida, por exemplo, a intelixente mesura coa que se utiliza o humor nas súas páxinas, cunha chea de guiños á cultura relixiosa tradicional pero tamén á cultura popular, xa que, a fin de contas, non está tan lonxe a capacidade milagreira de Deus dos superpoderes das heroínas e heroes do cómic ou dos jedis de Star Wars. Sen caer no politicamente incorrecto ou ofensivo Abel plantéxanos unha hipotética situación de, digamos, conflito de intereses entre as entidades celestiais con cameos sorpresa e moita acción.

Komic Librería: Segunda venida

Pero, no fondo e como ben apunta o propio autor no prólogo, o que nos conta este libro é a loita dunha rapaza por quererse, aceptarse e ser feliz. E faino cun ritmo magnífico e moi ben dosificado, facendo da súa unha lectura amena e sorprendente que engancha dende o principio. Nisto é importantísimo o traballo, excelente tamén, do seu ilustrador. Ao igual que en Aram o armenio Abel tira das súas conexións austrais para atopar o debuxante do seu relato, e se daquela a encargada foi a arxentina Majox en Segunda venida a responsabilidade recae no seu compatriota Juan Caminador. O seu estilo, moderno, dinámico e divertido, encaixa á perfección coas necesidades do texto e convértese nun dos atractivos desta banda deseñada.

Unha obra sorprendente, divertida e entretida que, por suposto, vos recomendamos enormemente e que confirma a un dos talentos emerxentes das viñetas galegas. Aproveitamos así mesmo para vos anunciar a súa presenza en Komic Librería o vindeiro venres 22 de xuño para presentar e asinar exemplares desta Segunda venida, agardámosvos!


Komic Librería: Segunda venida

Segunda venida
Abel Alves / Juan Caminador

Dibbuks
Tomos: 1