A tumba de Breogán, de Abel Alves e Esteban Tolj: na procura dos devanceiros na Coruña do século XIX
Cando hai pouco máis de dous anos coñecimos a Abel Alves e descubrimos o seu talento como escritor a través de Aram o armenio (2016, Demo Editorial), decatámonos de que estabamos ante un guionista moi prometedor e ficamos expectantes polos seus futuros traballos. E cómpre dicir que non nos decepcionou en absoluto, máis ben ao contrario. Da súa rebuldeira cabeciña saíu hai uns meses a divertida Segunda venida (2018, Dibbuks), e hai uns días recibimos con ledicia A tumba de Breogán, de novo editado por Demo Editorial, e no que, outra vez máis, Abel bota man dos seus contactos «austrais» (viviu varios anos en Uruguai) encargándolle a parte gráfica ao veterano e solvente ilustrador arxentino Esteban Tolj, que realiza un traballo moi axeitado á historia que conta.
Desta volta atrévese cunha ficción histórica moi atractiva, un relato de aventuras ambientado na Coruña do ano 1870 no cal a historia e o patrimonio da cidade herculina xogan un rol fundamental e no que se mesturan personaxes históricos con outros ficticios.
Todo comeza cun achado fortuito nunhas obras realizadas na Torre de Hércules, os obreiros atopan unha inscrición en latín onde Caio Sebio Lupo, o arquitecto do faro romano, fala da tumba onde repousan os restos do mítico rei celta. Esta descoberta chega ata Eduardo Pondal que, entusiasmado, proponse atopar a devandita sepultura sen ser consciente de que pode haber xente con intereses opostos… Comeza así unha interesante e frenética sucesión dos acontecementos na cal o bardo de Ponteceso vai contar coa axuda do intrépido e afouto Antón Dedo d’Ouro, un antigo bandoleiro cheo de recursos.
Como diciamos antes, polas súas páxinas desfilan personaxes salientables da vida coruñesa da época, coma o matrimonio formado por Manuel Murguía e Rosalía de Castro ou a aristócrata e escritora Emilia Pardo Bazán. Ademais da Torre de Hércules na trama resulta especialmente relevante a Colexiata de Santa María do Campo e, malia permitirse certas licenzas artísiticas, os autores reproducen con acerto a Coruña da época.
Un novo chanzo, pois, na ata agora máis que interesante carreira de Abel Alves, un guionista cun gran talento para contar historias, un ollo certeiro para escoller os seus compañeir@s de «armas» e esa inquedanza creativa que tanto nos gusta e que fai que estea sempre a matinar en novos proxectos.
Aproveitamos esta recensión para vos anunciar a vindeira presentación de A tumba de Breogán, que terá lugar en Komic Librería o venres 14 de decembro a partires das 18:00 horas e onde contaremos coa presenza do mesmo Abel e do seu editor Manel Cráneo.
A tumba de Breogán
Abel Alves / Esteban Tolj
Demo Editorial
Tomos: 1