Léo, Léa, de Zidrou e Springer: a pesada lousa das lembranzas

Komic Librería: Léo, Léa


Unha vez máis, e xa van tantas que non é sorpresa, ficamos conmovidos ante un álbum escrito polo belga Zidrou. Este guionista, afincado en España dende hai anos e convidado na edición de Viñetas desde o Atlántico deste pasado agosto, volve mostrar a súa especial capacidade para dotar ás súas historias e aos seus personaxes dunha tremenda humanidade. En Léo, Léa (recentemente editado por Norma) revisita algúns dos lugares recorrentes da súa narrativa ao contarnos o relato dunha moza que se ve na obriga de remexer nas lembranzas da súa propia historia persoal e familiar.

Komic Librería: Léo, Léa

Léa, a guapa presentadora dun exitoso programa musical na TV, recibe unha noite a nova da morte do seu proxenitor. Isto abrirá a caixa de Pandora dos seus recordos, polos que nos guiará ela mesma nun íntimo e sincero monólogo no que irá revisando a conflictiva relación co seu pai ou a ausente figura da súa nai nunha familia golpeada (e marcada) por unha durísima traxedia.

Komic Librería: Léo, Léa

É notable o talento de Zidrou para buscar situacións extremas e tráxicas, enfocalas de maneiras pouco habituais e construír con elas historias que inevitablemente tocan o interior dos seus lectores sen caer no dramatismo excesivo, e das que mesmo podemos sacar ideas positivas. O autor de Lydie, El cuentacuentos ou El Folies Bergère retoma aquí o tema da perda, algo constante na súa obra (neste caso unha perda tan dura e incomprensible que funciona coma un burato negro emocional para os protagonistas de Léo, Léa), outorga outra vez máis un papel fundamental ás lembranzas e volve tocar a relación entre pais e fillos.

Komic Librería: Léo, Léa

Ao igual que os protagonistas de títulos xa clásicos como El almanaque de mi padre, de Jiro Taniguchi, ou Los combates cotidianos, de Manu Larcenet, Léa descubrirá tras o pasamento do seu pai detalles e circunstancias sobre el e o pasado da súa familia que descoñecía. E estas novas descobertas mudarán os sentimentos que ela albergaba cara a figura paterna pero tamén cara a vida.

Komic Librería: Léo, Léa

Ademais de narrar esta historia con elegancia e gran tino á hora de administrar o ritmo, o escritor belga volve demostrar o seu acerto á hora de procurar colaboradores gráficos na súa carreira. Desta volta faise acompañar polo francés Benoît Springer, un autor case descoñecido por estes lares, posuidor dun trazo limpo e correcto que acompaña perfectamente ás lembranzas de Léa, xa que a súa mesura contén o dramatismo dalgunhas escenas e o emprego da cor dálle ao álbum un vitalismo que contrasta coa morte, tan presente neste libro que, malia todo, deixa un gran sabor de boca tras a súa lectura e que vos recomendamos agardando que vos guste tanto coma a nós.


Komic Librería: Léo, Léa

Léo, Léa
Zidrou  / Benoît Springer

Norma
Tomos: 1