El Folies Bergère, de Zidrou e Francis Porcel: unha viaxe ao inferno da guerra

Komic Librería: El Folies Bergère


Algo teñen as historias de Zidrou que sempre nos tocan por dentro e nos levan á reflexión tras a súa lectura. Así nos fale dun teimudo contacontos africano, da infatigable nai dun discapacitado psíquico ou dun vello mafioso no solpor da súa vida, o prolífico guionista belga posúe unha estraña, por pouco frecuente, capacidade para dotar, sen adobíos, dunha enorme humanidade aos seus relatos e personaxes, característica que o convertíu, dende a aparición do seu primeiro álbum en castelán, Lydie, nun dos historietistas preferidos de Komic Librería.

Komic Librería: El Folies BergèreHai poucas semanas saíu do prelo El Folies Bergère (Norma Editorial), unha excelente e durísima narración ambientada na Primeira Guerra Mundial que retrata de xeito cru a vida nas trincheiras e expón de maneira maxistral a tolemia da guerra. Afastándose do documentalismo co que tratan o tema autores como Jacques Tardi, Zidrou emprega de novo os recursos do realismo máxico para achegarnos a historia da 17ª Compañía de Infantería do exército francés que, tratando de fuxir do horror da guerra, chaman ao seu barracón o Folies Bergère, coma o famoso cabaré parisino onde soñan con atoparse todos ao rematar a contenda.

Komic Librería: El Folies Bergère

Todos eles teñen tamén cadanseu alcume, como mascota usan un espantallo bautizado coma o Soldado Melón e presentan sempre o aborrecible rancho coma se de pratos de alta cociña se tratara. O humor fronte a desesperación, a ilusión coma bálsamo ante as atrocidades que ven cada día, estas son as armas que este fato de soldados emprega para seguir sendo homes no medio da lama e da morte e non perder a razón.

Komic Librería: El Folies Bergère

Pero a lóxica vai ser desafiada por un sorprendente episodio que acontece tras a execución de tres soldados condenados a morte polo Alto Mando, e que coincide coa chegada ao Folies Bergère dun sacerdote capellán militar, amigo da infancia do propio capitán do rexemento. E mentras tanto, o ataque alemán semella máis e máis inminente.

Komic Librería: El Folies Bergère

Esta paisaxe infernal, chea de goldra, sangue e desolación, está excepcionalmente debuxada polo granadino Francis Porcel, cun deseño realista e descarnado, cheo de tonalidades agrisadas e ocres que enlaman as noventa e seis páxinas do álbum, e onde outras cores tan só aparecen en contadas (e positivas) ocasións, e que reproduce de maneira certeira as poderosas metáforas visuais que poboan o guión de Zidrou.

Komic Librería: El Folies Bergère

De xeito paralelo ao fío principal atopamos pequenos relatos, flashes onde os personaxes lembran ou imaxinan outros tempos, outras vidas ás que non saben se volverán, e entre os que destaca aquel que nos conta a relación que mantén o irmán pequeno dun dos soldados co seu veciño, o pintor impresionista Claude Monet.

Komic Librería: El Folies Bergère

En definitiva, unha obra estremecedora e moi ben construída que xa é, por méritos propios, unha das lecturas máis recomendables destes últimos meses, e que lembra en varios aspectos a outro título bélico no que o realismo fantástico tamén é protagonista: o magnífico La línea de fuego do noso aprezado Manu Larcenet.


Komic Librería: El Folies BergèreEl Folies Bergère
Zidrou / Francis Porcel

Norma
Tomos: 1