Top 10 de Komic Librería: Selección de cómics internacionais editados en maio de 2016

Top 10 de Komic Librería


Hai un par de días comentamos as dez obras de autoras ou autores españois que máis nos chamaron a atención entre as que chegaron durante o mes de maio a Komic Librería, agora é o turno de comentarvos os títulos estranxeiros máis salientables na nosa opinión:


10

La muerte de Stalin

La muerte de Stalin
Fabien Nury / Thierry Robin
Norma

A morte do líder soviético, en 1953, desata unha complicada trama de estratexias, conspiracións e traizóns para sucedelo ou simplemente para sobrevivir. Cunha fonda documentación histórica os seus autores plasman estes intres cruciais na historia da URSS nun relato moi recomendable.


09

Sidetrack City

Sidetrack City
Kaz
Autsaider

Tras os dous estupendos tomos de Submundo aquí chega outra entrega do traballo lisérxico, surrealista e cheo de humor negro de este autor, un nome fundamental no cómic underground.


08

El Dios Rata

El Dios Rata
Richard Corben
Planeta

O retorno deste gran clásico das historias de terror non defraudará aos seus numerosos seguidores, pois estamos ante un relato aterrador que mestura un marcado arrecendo á literatura de Lovecraft con lendas dos indios norteamericanos.


07

La comedia literaria, de Roldán a Boris Vian

La comedia literaria, de Roldán a Boris Vian
Catherine Meurisse
Impedimenta

Cun estilo moi divertido e desenfadado esta historietista francesa convídanos a un abraiante percorrido pola historia da literatura francesa, dende a Idade Media ata o século XX. Céntrase especialmente na narrativa, e polas súas páxinas desfilan nomes tan ilustres como Rabelais, Víctor Hugo, Balzac, Proust ou Céline.


06

La profecía del armadillo

La profecía del armadillo
Zerocalcare
Reservoir Books

Os protagonistas desta obra, un dos maiores éxitos no fumetti italiano destes últimos anos, son o propio autor e a súa consciencia, representada por un armadillo antropomórfico. A nova do pasamento dunha amiga da nenez lévaos a mergullarse nunha chea de lembranzas, contadas con moita frescura e orixinalidade.


05

Un verano en las dunas

Un verano en las dunas
Seth
Fulgencio Pimentel

Nunha coidadísima e fermosa edición recupera Fulgencio Pimentel dúas historias autobiográficas realizadas por este autor canadense a comezos dos anos noventa. Co seu característico aquel nostálxico e un grafismo impecable Seth volta a vista cara ao seu pasado e móstrase ante nós coma nunca antes o fixera.


04

Paletos cabrones #1: Aquí yace un hombre

Paletos cabrones #1: Aquí yace un hombre
Jason Aaron / Jason Latour
Planeta

Aaron, un dos guionistas norteamericanos máis interesantes deste século, regresa con esta serie na que volve revisitar o xénero negro máis atípico, cunha historia coral ambientada na América profunda (o Condado de Craw, Alabama) e debuxada visceralmente por Jason Latour. Falámosvos dela máis polo miúdo hai uns días, aproveitando tamén a reedición da súa obra mestra Scalped.


03

El olor de los muchachos voraces

El olor de los muchachos voraces
Loo Huai Phang / Frederik Peeters
Astiberri

O prestixioso autor de Píldoras azules une forzas coa guionista Loo Huai Phang para nos presentar este anómalo western con trazas fantásticas e oníricas, na que un xeólogo, un fotógrafo e un rapaz exploran os territorios comanches tras o remate da Guerra de Secesión.


02

Perramus

Perramus
Alberto Breccia / Juan Sasturain
001 Ediciones

Outra obra esencial, neste caso na historieta arxentina. Un relato borgiano contra as ditaduras e os autoritarismos co escuro e magnífico debuxo de Breccia.


01

Philémon (Integral #1)
Fred
ECC

Philémon (Integral #1)

Todo un clásico da bd franco-belga felizmente recuperado nesta edición integral na que acompañamos ao seu protagonista, xunto co seu burro Anatole, nunha surrealista e imaxinativa viaxe por mundos fantásticos.