Top 10 de Komic Librería: Selección de cómics nacionais editados en maio de 2016
Pois nada, que volvemos estar nas mesmas... A grande avalancha de títulos novos e interesantes títulos que provoca o Salón do Cómic de Barcelona fixo que o mes de maio estivera cargado de obras recomendables. Ante a imposibilidade de elixir tan só dez delas optamos por facer un Top 10 coas novidades máis salientables de autoría nacional, que son as que hoxe vos presentamos e nas que hai unha numerosa presenza galega, e outro coas de procedencia estranxeira que publicaremos proximamente. Agardamos que vos resulten interesantes!
10
Alfa, Beta, Bronson
Ramón Rodríguez / José Ramón Grela
La Cúpula
Unha oportunidade estupenda para coñecer a Chema, un rapaz amante das pelis de Charles Bronson que traballa nunha librería especializada en bd e que mira como a súa vida dá un xiro de 180 graos dun día para outro. Cun agradecido trasfondo musical asistimos ás súas derrotas e vitorias nesta historia realista chea de frescura e ilusión.
09
Como viaja el agua
Juan Díaz Canales
Astiberri
O guionista da multipremiada serie Blacksad «debuta» como autor completo neste relato de xénero negro con gran carga social ambientado no Madrid actual.
08
O Bichero VI
Luís Davila
Autoeditado
Nova escolma, e xa van seis, das divertidísimas e populares tiras gráficas de Davila. A representación retranqueira dos costumes da fauna galaica mesturada coa actualidade nun libro para esmendrellarse da risa.
07
I.D.
Emma Ríos
Astiberri
Vaia tebeazo que nos regala a autora de Vilagarcía!! Nun futuro distópico coñecemos a tres personaxes moi distintos que comparten a esperanza de mellorar as súas vidas a través dun “trasplante de corpo”. Cun debuxo espectacular este relato de ciencia ficción é, para nós, un dos mellores traballos desta experimentada historietista.
06
Los dientes de la eternidad
Gustavo Rico / Jorge García
Norma
Na Noruega do século IX asistimos a esta saga de aventuras e fantasía baseada na mitoloxía nórdica, narrada con mestría e ilustrada cun estilo espectacular.
05
Permanezcan en sus asientos
Jano
Fosfatina
Cun preciso e elegante estilo gráfico Jano presenta a tres estraños personaxes que contan as súas experiencias nunha sesión de terapia. Unha obra sorprendente e xenial da que xa vos falamos aquí.
04
Mujer
Los Bravú
Fulgencio Pimentel
Non somos imparciais. Diego e Dea, Dea e Diego, son unha parella de artistas que nos ten totalmente enfeitizados, e maís aínda con este pedazo de álbum, un collage delirante, surrealista e cheo de personalidade no que mesturan pintura, bd, ilustracións, fotografías e galletas de Dinosaurus. Un gustazo.
03
Los buenos veranos #1: ¡Rumbo al sur!
Zidrou / Jordi Lafebre
Norma
Este tándem, que xa nos deixara obras como Lydie ou La Mondaine, regresa co retrato dunha familia belga á que vemos nas que poden ser as súas derradeiras vacacións de verán. Unha serie delicada e sinxela, chea da humanidade coa cal o guionista belga adoita contar as súas historias e á que tan ben lle acae o debuxo vivo e coidado de Jordi.
02
Presas fáciles
Miguelanxo Prado
El Patito / Norma
A agardadísima nova obra do autor coruñés, un thriller policial no que ten moito peso a brutal crise económica e a responsabilidade das entidades bancarias. Aproveitamos para vos anunciar que o propio Miguelanxo Prado estará o vindeiro mércores 15 de xuño en Komic Librería para presentar estas «presas fáciles».
01
Los dos amigos
Andrés Magán
Fosfatina
Dous amigos camiñan pola rúa. Algo estraño acontece. Un deles é o que nos conta o que pasou. É un intre fugaz e mínimo. Contado con toda a xenialidade deste interesantísimo autor. Un microrelato evocador e fermoso, dentro da estupenda colección de risografías de Fosfatina.