Jiro Taniguchi (1947-2017): o adeus do poeta do manga

Jiro taniguchi (1947-2017)


Non estamos afeitos a escribir obituarios nesta páxina, pero sempre hai excepcións. A pasada fin de semana sorprendeunos a triste nova do pasamento dun autor moi querido e aprezado por nós mesmos e por boa parte da clientela habitual da librería: o xaponés Jiro Taniguchi. Dende aquí queremos rendir unha pequena homenaxe a este grandísimo narrador e á súa obra, chea de títulos inesquecibles.

Como ben conta no seu título máis autobiográfico, Un zoo en invierno, Taniguchi, que nacera na prefetura de Tottori no ano 1947, trasladouse a Tokyo a finais dos anos sesenta coa firme intención de convertirse en mangaka. Engaiolado pola obra de Yoshihiro Tatsumi e o gekiga (un xénero de manga aparecido nos anos cincuenta que procuraba unha maior madurez estética e temática nas súas historias) comeza a traballar como axudante de varios autores, pulindo o seu estilo, mostrando unha das paixóns, que é o debuxo de animais, e realizando numerosos títulos en colaboración co guionista Natsuo Sekikawa.

Jiro taniguchi (1947-2017)

Froito deste tándem chega, a finais da década dos oitenta unha obra clave na súa carreira: a publicación do primeiro tomo de La época de Botchan, unha serie que tardarán dez anos en rematar e na que realizan un minucioso retrato da Era Meiji (1868-1912), unha das etapas máis importantes na historia do país do sol nacente que lles valería o recoñecemento do público e mais da crítica.

Tamén nos anos oitenta acontece algo que marcará fondamente a súa obra: a descoberta da banda deseñada europea, daquela moi afastada do manga en canto ao tratamento das historias, ao debuxo e mesmo á edición dos títulos. Todo un mundo novo que lle serviu de inspiración e estímulo para, de xeito paralelo á realización de Botchan e case sempre en solitario, irse especializando en obras menos extensas onde desenvolve o seu aquel máis intimista e evocador.

Jiro taniguchi (1947-2017)

Desta maneira, ao longo dos anos noventa, van aparecendo obras como El caminante, El olmo del Cáucaso ou Tierra de sueños, e tamén dous títulos que están entre os nosos preferidos e nos que reflexiona sobre o paso do tempo e a necesidade de aceptar o pasado para vivir o presente: El almanaque de mi padre e Barrio lejano, dúas auténticas xoias que ademais o introduciron pola porta grande en Francia, ata o punto de convertirse nun dos máximos representantes da nouvelle manga (un movemento que mestura as características propias da bd europea co manga xaponés).

Amosou tamén unha grande versatilidade, demostrada en títulos tan intensos coma o thriller El rastreador, o atípico xénero negro de El sabueso ou o western con samurais Sky Hawk. Na serie La cumbre de los dioses mostraba a súa paixón polo alpinismo e a natureza, algo tanxible tamén en Seton, a biografía gráfica do célebre naturalista. Podémolo considerar tamén como un cronista do Xapón contemporáneo e dos seus costumes, mesmo cando fala de gastronomía como en El gourmet solitario (e a súa secuela Paseos de un gourmet solitario), ou viaxa a comezos do século XX na biografía de Tomoji Uchida. En definitiva, un autor que tratou temas moi diversos pero sempre cunha visión moi persoal, moi poética, e con acertadas reflexións sobre a vida e a morte, a natureza, a soidade ou o amor.

Jiro taniguchi (1947-2017)

O trazo limpo e nítido do seu debuxo, a claridade na composición das páxinas e, sobre todo, a sensibilidade e o agarimo que puña nas súas historias e nos seus personaxes, fan que gardemos a súa lembranza, e a da lectura das súas obras, nun lugar ben quentiño dos nosos corazóns. Isto non é algo que aconteza a cotío, pero de cando en vez hai autores, poucos, moi poucos, cos que establecemos un lazo especial, unha conexión case afectiva que vai máis aló da relación entre creador e lector. Como se mergullarse nas súas páxinas fose algo semellante a entrar na casa dun amigo.

E por iso mesmo custa tanto dicirlle adeus. Preferimos agradecerlle todo o seu traballo e delicadeza cun deica logo, mestre Taniguchi, seguirás a estar entre nós nos teus libros.