Érase una vez en Francia, de Fabien Nury e Sylvain Vallée: crime ou supervivencia no París ocupado

Komic Librería: Érase una vez en Francia


Vén de chegar a Komic Librería o terceiro e derradeiro volume dunha das mellores series aparecidas nos últimos anos na bd europea: Érase una vez en Francia, unha obra publicada orixinariamente en seis tomos na súa edición francesa e que Norma Editorial achega ao público español en tres entregas dobres.

Nesta saga que mestura o xénero negro co bélico imos atopar a historia de Joseph Joanovici, un xudeu romanés que chega a Francia nos anos vinte e, malia ser analfabeto, fai fortuna como chatarreiro grazas á súa intelixencia e á súa pericia cos metais. Pero conservar o seu imperio, e máis no París ocupado polos nazis, vai obrigar a Joseph a meterse de cheo nun universo convulso cheo de intrigas e ambigüidade moral, onde demostrará ser un sobrevivente disposto a todo por manter o seu status.

Komic Librería: Érase una vez en Francia

O guionista Fabien Nury, ue xa demostrara a súa destreza en series como Yo soy legión ou W.E.S.T., recrea con precisión milimétrica un tempo incerto cheo de contradicións e que mesmo a día de hoxe segue a ser tabú na sociedade francesa. Para isto vaise inspirar nun personaxe real, o do propio Joanovici, convertido en protagonista dunha complexa trama na que participan tanto personaxes reais como ficticios e que, posiblemente, non se afaste moito do que aconteceu na realidade.

Komic Librería: Érase una vez en Francia

O seu relato atopa un excelente apoio no debuxo sobrio e espectacular de Sylvain Vallée (coñecido por estes lares polo seu traballo en Gil Saint-André) que reproduce de maneira fiel e moi documentada as distintas épocas polas que transcorre a historia, plantexada polos autores con certa complexidade (numerosos personaxes, continuos saltos temporais na narración) pero resolta con mestría.

Komic Librería: Érase una vez en Francia

Ademais da súa innegable calidade narrativa e gráfica, a obra reflexiona sobre a moral humana e a súa capacidade para mudar dependendo das nosas necesidades, e tamén sobre as súas consecuencias que os nosos actos teñen. ¿Ata onde chegarías por protexer á túa familia? ¿e a ti mesmo? Nesta época, onde as fronteiras, físicas e morais, resultan tan especialmente difusas, o noso protagonista vai ir percorrendo un camiño que, xa dende o seu título (que parafrasea o maxistral filme de Sergio Leone), lembra a grandes clásicos cinematográficos como a triloxía de O Padriño. Cada tomo vén introducido por unha acertada cita, entre as que salientamos unha tomada do propio Nietzche: "quen con monstros loite teña coidado de non converterse á súa vez en monstro".

Komic Librería: Érase una vez en Francia

Acción, intriga, sentimentos encontrados, ficción histórica, guerra, amor... moitos ingredientes interesantes, pois, os que atopamos nesta saga, que fará as delicias das e dos que vos acheguedes a ela.


Komic Librería: Érase una vez en FranciaÉrase una vez en Francia
Fabien Nury / Sylvain Vallée

Norma
Tomos: 3