O LUME, de David Rubín (Demo): a loita contra os nosos demos interiores no medio da apocalipse.

alt


Poucas ocasións lembramos nas que unha obra fose tan agardada, e con razón, xa que había moito tempo que non tiñamos a oportunidade de gozar co traballo de David como autor total.  No ano 2012 saía do prelo o segundo e definitivo volume de El Héroe, a súa persoal e celebrada visión dos doce traballos de Heracles, unha obra magnífica que supuxo a consolidación dunha carreira emerxente e o salto con éxito cara o esixente mercado estadounidense, mais tamén a última vez que se ocupaba de guión e debuxo nunha obra longa.  Ata que chegou O Lume.

Por decisión persoal do autor a súa publicación faise directamente para o mercado nacional no canto de saír primeiro no norteamericano, e ademais faino nunha edición simultánea en castelán –da man da súa editora habitual, Astiberri- e en galego –que nos chega da nosa benquerida Demo Editorial-, algo que a converte en todo un acontecemento para a banda deseñada galega.  Unha aposta chea de compromiso e voluntarismo –tanto do propio Rubín como da editora coruñesa e tamén da meirande parte das librarías especializadas galegas que colaboramos neste proxecto- que non podemos deixa de agradecer.

alt

En O Lume David vainos presentar unha historia ambientada nun futuro próximo que cobra dimensións apocalípticas cando se anuncia a inminente colisión dun enorme meteorito de reminiscencias wagnerianas contra a Terra.  Alexander Yorba, arquitecto de sona e talento, recibe a encarga de construír na Lúa unha colonia para a supervivencia dunha parte da humanidade, mais unha serie de circunstancias o van levar cara unha especie de odisea por distintas partes do mundo nunha desacougante loita contra os seus demos interiores e o desastre que se achega –tanto persoal como global-.

Con estes vimbios Rubín non constrúe unha aventura chea da acción espectacular á que nos ten afeitos, senón que emprega este escenario para proxectar moitas das inquedanzas vitais dos nosos tempos, aumentadas polas estrañas circunstancias pandémicas destes últimos anos.  O Lume céntrase máis nas relacións humanas e no existencialismo, en lidiar con nós mesmos, en nos asomar aos nosos propios abismos, os individuais e os colectivos.

A través de Yorba, antiheroe magnificamente construído, David explora o sentimento de culpa que cada persoa, en maior ou menor medida, levamos dentro, a autoaceptación e a procura da redención, fainos reflexionar sobre as nosas prioridades vitais  ao tempo que fai unha crítica das sociedades contemporáneas actuais e o camiño que nos marca o neoliberalismo salvaxe.  Íspese nas súas páxinas cunha honestidade tan brutal que deixa pequena a expresión que acuñamos hai anos ao falar da  súa obra: “un artista que se desangra en cada páxina, coma se empregase o seu propio sangue no lugar da tinta”.    Porque, se cadra, estamos perante a obra máis persoal de Rubín e, en certa maneira, tamén o seu traballo máis maduro.

E non, non é un relato doado nin cómodo, non é unha lectura de evasión que estea a agardar por lectores pasivos que paseen polas súas páxinas.  Pero, como ben di Fernando de Felipe no fantástico texto que asina a modo de epílogo, estamos ante unha obra necesaria.

Xa que logo motivos non nos faltan para vos recomendar este tomo monumental que David presentará e asinará este vindeiro luns 26 de decembro, a partires das 18:00 horas, na nosa libraría.  Agardámosvos!!

alt