O salón de té do oso malaio, de David Rubín: unha obra fundamental da nosa banda deseñada, por fin na nosa lingua

Komic Librería: O salón de té do oso malaio


Temos o inmenso pracer de vos anunciar unha nova visita de David Rubín a Komic Librería. Nesta ocasión será para presentar e asinar exemplares de O salón de té do oso malaio, a edición en galego dun título fundamental na carreira deste autor, e a única das súas obras dispoñible na nosa lingua a día de hoxe. Unha publicación enormemente especial para nós, xa que este libro está coeditado por Demo Editorial e Komic Librería. A cita será o vindeiro venres 15 de novembro, a partires das 18:00 horas: non faltedes!.

Alguén dixo nunha ocasión que para escribir unha historia o único que se precisaba era ter unhas ganas irrefrenables de contala. Se aplicamos esta idea á banda deseñada poucos exemplos tan claros imos atopar como o de David Rubín. O ourensán, dende os inicios da súa carreira, demostrou —e demostra— posuír un entusiasmo, unha enerxía e unha necesidade fóra do común por chegar ata onde soñaba sendo neno: facer da súa paixón comiqueira o seu oficio e, a forza de talento e traballo, moito traballo, podemos falar del como un dos autores europeos máis salientables e exitosos a día de hoxe.

Malia a súa valoración en mercados tan esixentes como son o francés, o italiano ou o estadounidense moi pouca parte da súa obra foi editada en galego, tan só un par de álbumes. E estes dous títulos —Onde ninguén pode chegar, a obra coa cal acadou o primeiro Premio Castelao no 2005, e Uxío Novoneyra: a voz herdada, con guión de Kike Benlloch— hai tempo que non están dispoñibles. Que un dos nomes máis relevantes do cómic actual sexa galego e que non o poidamos ler na nosa lingua constitúe, sen dúbida, un dos grandes paradoxos do sistema comiqueiro autóctono.

Komic Librería: O salón de té do oso malaio

Por este motivo é para nós unha enorme satisfacción vos anunciar a recente publicación de O salón de té do oso malaio, nunha edición que xorde da colaboración de Komic Librería con Demo Editorial e que conta con dous magníficos prólogos: un a cargo da escritora e poeta María Lado, e o outro escrito pola actriz e presentadora Neves Rodríguez.

Komic Librería: O salón de té do oso malaio

Falamos da segunda das obras de David, aparecida orixinariamente en castelán a finais do ano 2006 e que supuxo a confirmación de Rubín, coa súa edición en varios países europeos e catro nominacións no Salón Internacional do Cómic de Barcelona. Trátase dunha compilación de relatos co fío común do local que dá título ao libro, un salón de té moi especial rexentado por Sigfrido, un oso antropomórfico cunha sensibilidade tal que el mesmo define o seu negocio como un consultorio psicoanímico.

Komic Librería: O salón de té do oso malaio

Oito historias de distinta extensión nas que están presentes algúns dos temas recorrentes da traxectoria de Rubín, e onde podemos aprezar moi claramente as características máis rechamantes do seu persoal estilo. Unha escolma chea de corazóns rotos, de coitas de amor e de perdas, mais tamén de liberdade, vida e esperanza. É dicir, a vida mesma.

A visceralidade e a honestidade que emprega David Rubín para plasmar as súas historias son tanxibles xa dende as páxinas introdutorias, nas cales o propio autor dá a benvida ao seu universo, un cosmos poboado por personaxes enfeitizantes que atrapa sen concesións ao lector dende o momento que nos mergullamos nel. Unha boa mostra, polo tanto, dese aquel rubiniano que aqueles de vós que visitedes a cotío esta páxina —ou a libraría— teredes escoitado da nosa boca en máis dunha ocasión: «David debuxa como se utilizase o seu propio sangue no canto de tinta, pon tanto de si no seu traballo que é como se se desangrase en cada viñeta…».

Komic Librería: O salón de té do oso malaio

Así pois entenderedes a nosa ledicia e o noso orgullo por darvos esta gran nova e colaborar neste, para nós, acto de xustiza. Rubín en galego. Xa tardaba, arre demo!


Komic Librería: O salón de té do oso malaio

O salón de té do oso malaio
David Rubín

Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1