Mas futvol por fabor, de Leandro Barea: tirando a dar, pero con cariño

Komic Librería: Mas futvol por fabor


Cada vez que me atopaba con Leandro Barea repetíalle a mesma cantarela: «o día que me toque a quiniela o primeiro que vou facer vai ser publicar as túas tiras». E ía en serio, estaba convencido diso, parecíame incrible que un humorista tan certeiro non tivera unha publicación física da súa obra, que só se podía degustar a través do formato dixital das redes sociais. Pero antes de que a deusa Fortuna se decidira a me bendicir cunha importante cantidade monetaria adiantáronseme o incansable Manel Cráneo, de Demo Editorial, e unha divertida campaña de micromecenazgo para facer realidade o libro do que hoxe vos estamos a falar: Mas futvol por fabor, un tomo que recolle boa parte do traballo realizado nestes últimos cinco anos polo ilustrador procedente de Lugo.

Komic Librería: Mas futvol por fabor

E é que Leandro Barea ten un aquel especial, algo perceptible dende que o coñecimos, a través do seu personaxe Pocholo (un entrañable alieníxena azul de bigote hitleriano) na extinta revista Golfiño, ou as súas colaboracións posteriores para publicacións como El Jueves, La Voz de Galicia, Mister K ou Retranca, ben en solitario, ben como parte da inefable parella artística que de cando en vez forma con outro ilustre lugués como é Alberto Guitián.

Komic Librería: Mas futvol por fabor

A medida que foi pasando o tempo Leandro, gran debuxante e caricaturista, foi derivando cara un estilo gráfico máis sinxelo e minimalista, case naif, pero totalmente recoñecible. Isto, sumado a unha incrible capacidade para atopar motivos de risa nos recunchos máis insospeitados –froito do constante rebulir da súa imaxinativa cabeciña– e á enorme expansión das redes sociais na última década fixo que comezara a publicar na Internet tiras de humor gráfico que axiña acadaron a complicidade e a aceptación dun bo número de internautas.

Komic Librería: Mas futvol por fabor

Nas duascentas páxinas das que consta Mas futvol por fabor compílanse, especialmente seleccionadas para a ocasión, moitas destas ilustracións e ademais diversas fotografías que mostran algunha das súas intervencións artísticas (entre as que salientamos unha realizada na fermosa illa de Madeira ou o recorrente graffitti que dá título ao álbum).

Komic Librería: Mas futvol por fabor

Como podedes comprobar nas imaxes que acompañan esta recensión en todas elas sobresae un cinismo ácedo a proba de tabúes e correccións políticas, unha retranca que non se centra na actualidade (ao contrario do que adoita ser habitual no mundo do humor gráfico) senón sobre cousas ou pensamentos que todos e todas experimentamos ou podemos experimentar nun momento dado. Isto outórgalle a este libro un certo carácter atemporal e existencialista que vai máis aló da chanza gratuíta e que aprezamos enormemente.

Komic Librería: Mas futvol por fabor

Aproveitamos a ocasión para vos anunciar que o vindeiro venres, 5 de outubro, teremos a Leandro Barea, mais o seu editor Manel Cráneo, en Komic Librería para presentar e asinar exemplares de Mas futvol por fabor: garantimos ironía e bo humor, así que non faltedes!


Komic Librería: Mas futvol por fabor

Mas futvol por fabor
Leandro Barea

Demo Editorial
Tomos: 1