Licor café: unha escolma fundamental para a nova bd galega

Komic Librería: Licor café


En Komic Librería témolo comentado en máis dunha ocasión: o extraordinario momento creativo que vive a banda deseñada galega nos últimos anos non dá atopado o apoio necesario (e merecido) por parte do mundo editorial. Esta falla de correspondencia por parte das grandes empresas do libro do país vese compensado por voluntariosos proxectos coma o de Rinoceronte, El Patito Editorial ou, sobre todo, Demo Editorial. Moito temos que agradecer á entusiasta editora coruñesa que, dende o seu nacemento en 2008, apostou sen dúbidas pola nosa ilustración e pola nosa lingua e que hoxe nos sorprende cunha iniciativa espléndida: Licor café, trece relatos procedentes de autoras e autores galegos, seleccionados entre as novas xeracións de historietistas e reunidos neste álbum que rende homenaxe ao licor café, unha bebida espirituosa con grande arraigamento na nosa terra.

Komic Librería: Licor café

Estes trece groliños conforman unha escolma que nos atrevemos a catalogar dende xa como fundamental pola calidade e talento que conteñen as súas páxinas, pero tamén porque é unha boa mostra do que se está a facer na banda deseñada galega a día de hoxe. Unha saborosa mestura de estilos gráficos e xéneros que asenta ben no estómago e na cabeciña e que, ademais, inaugura unha nova colección adicada ás antoloxías de autores autóctonos, BDG13, que promete darnos moitas alegrías.

Unha das consecuencias da espectacular efervescencia creativa da que falabamos ao comezo deste texto é a agradecida proliferación de fanzines, obras autoeditadas e colectivos nos últimos tempos, todo un universo heteroxéneo que vos animamos a descubrir e do que proceden a meirande parte dos integrantes da aliñación de Licor café. En publicacións como Sacoponcho, Nimio, Compota de Manatí, Altar Mutante ou Finnegans atopamos exemplos dos interesantes traballos deste selecto grupo e debemos recoñecer que nos resulta especialmente satisfactorio poder aprezar de primeira man a súa evolución. A moitos e moitas delas seguímolos dende hai anos e cada novo chanzo das súas obras confirma (e supera) as nosas expectativas. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que Licor café agocha nas súas páxinas non o futuro, senón o presente da banda deseñada galega (ou boa parte del, que son tod@s @s que están, pero non están tod@s @s que son).

Komic Librería: Licor café

Así pois temos entre as mans unha variada colección de historias, trece imaxinativos relatos de seis páxinas cada un que abanean entre distintos estilos e xéneros: un combate etílico-onírico onde Kike J. Díaz amosa a súa versatilidade, un minithriller negrísimo con protagonismo de animais antropomórficos feito por Santiago Paredes, o realismo máxico de Xulia Vicente, unha revisitación do mito artúrico cun aquel postapocalíptico a cargo de Xulia Pisón, o intimismo deliberadamente naíf de Luís Yang, un delicado conto realizado por Uxía Larrosa que narra unha das posibles orixes do escuro beberaxe, costumismo hardcore con certa crítica social da man de Cristian Fojón, outro fenomenal delirio surrealista e escatolóxico procedente do maxín de Pille Debelius, un fermoso epitafio dobre por parte de Paula Esteban, a estupenda descoberta de Inés Vázquez e o seu relato fantástico, un método infalible para afastar a friaxe recomendación de Mateo Alvarellos, unha advertencia sobre os posibles efectos secundarios (e futuristas) do licor café obra de Alejandro Gaudino e a reformulación do nacemento desta bebida a través do prisma sempre abraiante de Dani Xove. A todos eles témoslle que sumar a figura de Jorge Peral, que realiza a totémica cuberta deste álbum.

É dicir, variedade e calidade para dar e tomar. Un libro que vos recomendamos para degustar a calquera hora, non só despois das comidas, acompañado ou non, deixámolo ao voso gusto, dunha copiña de licor café…

Aproveitamos para vos anunciar que este vindeiro venres 22 de setembro, a partires das 18:00 horas, teremos a súa presentación en Komic Librería, onde contaremos coa presenza de varios dos seus autores, entre eles Xulia Pisón (coordinadora editorial do volume), e o seu editor, Manel Cráneo, e, por suposto, algún que outro groliño de licor café. Agardámosvos!


Komic Librería: Licor café

Licor café
VV.AA.

Demo Editorial
Tomos: 1