Komic Librería e o Día das Letras Galegas 2017

Komic Librería: Día das Letras Galegas 2017


Mañá mércores, 17 de maio, celébrase o Día das Letras Galegas, a data que adicamos a lembrar e reivindicar a nosa lingua e a nosa literatura. Este día desprazaremos Komic Librería á Praza de Mazarelos de Santiago de Compostela, onde participaremos na «Romaría das Letras» organizada por Compostela Literaria: esperamos a vosa visita!

Un ano máis, desde Komic Librería animámosvos a celebrar esta data lendo banda deseñada, e para isto lembrámovos as recomendacións que xa vos fixemos en anos anteriores, que podedes ver aquí e aquí. Por suposto, todas están incluídas na listaxe de obras recomendadas que dedicamos a autores e autoras galegas, así como as obras de procedencia foránea traducidas ao noso idioma.

Dende a última vez que tratamos a bd galega neste artigo, debemos suliñar dúas novidades que moito nos gustaron: A carreta do diaño e Fóra de mapa, as respectivas gañadoras das dúas últimas edicións do Premio Castelao de Banda Deseñada que outorga (e nestes casos tamén edita) a Deputación da Coruña. Un galardón que cada edición vai adquirindo máis prestixio, ata se converter no máis importante da bd en galego:


A carreta do DiañoA carreta do Diaño
Fernando Llorente
Deputación da Coruña

A obra merecente do Premio Castelao no ano 2015 é un divertido relato fantástico protagonizado por unha congregación de monxes que percorren o mundo na procura das portas do Paraíso, mais se cadra son outras as que abren... Cun debuxo desenfadado e dinámico, a súa particular peregrinación resulta ser unha lectura orixinal e entretida que vos recomendamos vivamente.


Fóra de mapaFóra de mapa
Emilio Fonseca
Deputación da Coruña

Unha interesante obra coral ambientada na Venecia de finais do século XV, unha época onde a cartografía e as descobertas tiveron unha grandísima importancia e, precisamente arredor destes temas, xira a intriga da historia. Moi ben construída narrativamente, esta obra engancha ao lector dende o comezo, aportando un novo e atractivo exemplo de bd histórica en galego.