BAJO LOS GUIJARROS, LA PLAYA, de Pascal Rabaté (Planeta): a descoberta da liberdade e do amor.



Chega setembro e con el a fin desa paréntese das rutinas cotiás que son as vacacións. As acomodadas familias que veranean nunha pequena vila costeira bretona abandonan paseniñamente o seu retiro estival deixando baleiras as súas fermosas casas ao pé da praia.  Tan só Albert, Edouard e Francis, tres mozos de dezaoito anos a piques de comezar os estudos universitarios, fican uns días máis, sen a vixilancia dos seus pais, mentras se preparan para camiñar cara os prestixiosos futuros que auguran as súas tradicións familiares e posicións sociais.

Estamos en 1962, uns poucos meses despois do remate da cruenta guerra entre Francia e Alxeria, e estes inexpertos rapaces non poden sospeitar que esas dúas semanas de liberdade antes de entrar, oficialmente, na idade adulta van estar cheas de sorpresas e descobertas tras cruzar os seus pasos cos de Odette, unha misteriosa e atractiva muller de distinta clase social.  


Con estes vimbios iniciais constrúe Pascal Rabaté un intenso relato no que mestura, de xeito preciso e elegante, diversos xéneros e temas.  Do proceso iniciático do paso da mocidade á madurez saltamos cara o thriller policiaco ou a crítica social e política que conleva a loita de clases, sen esquecer unha emotiva e gran historia de amor.  O autor francés, sempre sorprendente, sempre interesante, moldea sabiamente os personaxes, tanto física como psicoloxicamente, e dosifica con mestría o ritmo narrativo e os numerosos xiros e reviravoltas do guión, atrapando aos lectores como só un grandísimo contador de historias sabe facer e levándonos a reflexionar sobre a inmutabilidade ou non do destino, as relacións entre pais e fillos e as expectativas que os primeiros depositan nos segundos ou a moralidade da revolución contra un sistema inxusto pero aceptado por (case) todo o mundo.


Dende o propio título atopamos unha declaración de intencións, unha certa paráfrase primaria –os croios son menos refinados que as lastras- dese lema tan ligado ao mitificado pero escasamente produtivo Maio do 68, como se os acontecementos que imos presenzar nas páxinas deste libro fosen unha precuela do que ía ocorrer en París uns anos despois, pero con maior determinación, e onde Rabaté volve amosar a súa persoal e comprometida visión da xustiza e da sociedade a través, sobre todo, do espertar da consciencia social dun dos protagonistas.  Espertar, por certo, que vai unido inevitablemente á descoberta do amor, da sexualidade e do autocoñecemento, intres que tan ben transmite un estilo gráfico fino, versátil e axeitadísimo ao que nos quere contar.

Bajo los guijarros, la playa convértese, xa que logo, nun dos mellores álbumes recibidos por nós durante este 2023, unha lectura que, nestes tempos anestesiados onde triunfa o individualismo mal entendido, consideramos ben necesaria e na cal o responsable de  títulos tan notables e variados como Un gusano en la fruta, ¡Vivan las vacas!, Río abajo ou Revienta, cerdo espreme ao máximo as súas virtudes e talentos deixando ben claros, unha vez máis, os motivos polos cales é un dos nosos autores preferidos.