ESTO LO HACE MI HIJO DE SEIS AÑOS, de Marco Biturbo (autoeditado): unha teoría da arte con moita retranca.
19/02/2024
No século primeiro antes de Cristo o arquitecto e enxeñeiro romano Marco Vitruvio escribiu De architectura, un monumental tratado en dez volumes que tivo unha gran relevancia na súa época e unha extraordinaria importancia séculos despois, tanto na Idade Media como no Renacemento. Como exemplo disto último podemos poñer o famoso e archicoñecido debuxo de Leonardo da Vinci sobre as proporcións humanas titulado O home de Vitruvio e baseado nas indicacións do autor romano.
OS NOSOS TÍTULOS PREFERIDOS DA BD GALEGA EN 2023
29/01/2024
Hai unha semanas, como adoitamos facer cada Nadal, compartimos convosco as nosas obras preferidas entre as editadas ao longo do ano, tanto as destinadas cara o público adulto (de autoría española e internacional) como aquelas dirixidas a lectores e lectoras máis novas. Hoxe, cun chisquiño de retraso, completamos estas seleccións anuais coa correspondente á banda deseñada galega.
Escollemos unha ducia de títulos entres os publicados durante 2023, aos que habería que engadir, por suposto, aqueles orientados ao público infantil e xuvenil que xa comentamos no devandito artigo publicado no nadal: Ula e Vinca, o feitizo da primavera; Brais & Chisco, extremo risco; A brigada iridiscente, o labirinto dos inchables; Incoloro, a profecía dos sangues; O grande aviario; Sentinelas da lúa carmesí e Micro algas, máis alá da terra.
Cómpre nomear tamén algún título publicado anteriormente (Miñoca e Coello, Uxío e amigos) e a tradicional entrega anual do Bichero de Luís Davila.
Aquí vos deixamos, xa que logo, os doce títulos elixidos:
AS OBRAS XUVENÍS E INFANTÍS QUE MÁIS NOS GUSTARON DE 2023
07/01/2024
Despois de compartir convosco os nosos títulos preferidos entre os editados en 2023 e destinados ao público adulto hoxe é o turno daqueles que van dirixidos cara os lectores e lectoras máis novas. Entre eles, por suposto, cómpre lembrar a aparición de novos números de series ben coñecidas (e ben queridas polos pequenos komiqueiros) como Policán, Avni, El lobo en calzoncillos, Miñoca e…, Yakari ou Calle de los suspiros, 109, pero para facer as nosas escollas preferimos falar de títulos novos.
Seleccionamos, xa que logo, sete obras en galego e outras tantas en castelán, bandas deseñadas moi variadas e recomendables. Velaquí están:
OS NOSOS TÍTULOS PREFERIDOS DE 2023
28/12/2023
Chegan os derradeiros días do ano, un intre axeitado para voltar atrás e escoller as obras que consideramos máis salientables e recomendables entre aquelas editadas nos últimos doce meses.
Eliximos catorce títulos en total, sete de procendencia española e sete de autoría internacional, á espera, claro está, de publicar a nosa selección de banda deseñada galega. Eis as nosas escollas:
OBRAS ESPAÑOLAS:
LAS ALEGRES AVENTURAS DEL TRISTE PERRO CORNELIUS
Marc Torices
Apa-Apa
Unha impresionante edición para unha obra abraiante onde o autor catalán explora ao máximo o seu personaxe máis coñecido, un can antropomórfico e miñaxoia que non sabes se abrazar ou estrangular. Unha novela gráfica inclasificable e monumental que amosa tamén a pericia gráfica de Torices.
RONSON
César Sebastián
Autsaider
Outra bd cunha espectacular edición e un magnífico traballo gráfico, neste caso unha sorte de escolma de lembranzas de nenez nun tempo pasado. Fragmentos costumistas que se achegan ata o neorrealismo e cos que, malia as diferenzas temporais e espaciais, non é difícil que o público se sinta identificado.
EL ABISMO DEL OLVIDO
Rodrigo Terrassa e Paco Roca
Astiberri
Sen dúbida, unha lectura necesaria. A crónica da exhumación dunha fosa común de represaliados polo bando franquista no cemiterio valenciano de Paterna, feita cun tratamento xornalístico pero aproveitando ao máximo os recursos expresivos do cómic e deixando para o futuro un testemuño fundamental sobre a memoria histórica.
EL PÁJARO Y LA SERPIENTE
Borja González
Reservoir Books
O autor estremeño, flamante gañador do Premio Nacional de Cómic, volve enfeitizar co peche da súa triloxía “Las tres noches”, onde retoma o personaxe de Teresa tras The Black Holes e Grito Nocturno. Co seu estilo único, tanto gráfico como narrativo, Borja mantén o aquel enigmático e suxestivo que conquistou a lectores e lectoras de todo tipo.
EL ENEMIGO DEL PUEBLO
Javi Rey
Planeta
Con mestría, precisión e acerto Javi Rey asina unha magnífica adaptación (e actualización) dunha obra teatral de Ibsen sobre os mecanismos do poder para manipular ás masas e o emprego dos medios de comunicación nesta innoble tarefa. Máis de 140 anos despois da aparición do texto orixinal este continúa a ter plena vixencia, como demostran as páxinas deste álbum estupendamente debuxado e coloreado.
CONTRITION
Carlos Portela e Keko
Norma
Dúas figuras históricas da historieta unen as súas forzas para nos presentar un thriller impactante e existencial, ambientado nunha vila habitada na súa meirande parte por ex convictos condenados por delictos sexuais, que se cuestiona se é posible a redención.
PLANETA
Ana Oncina
Planeta
A historia de amor entre unha parella de mozas en dous tempos distintos, o agradable presente e o inhóspito futuro, separados por unha difusa barreira onírica. Cal é o tempo do soño e cal o da realidade? Un quebra cabezas magnificamente ensamblado no que a autora de Croqueta & Empanadilla confirma o seu talento e acada niveis extraordinarios no guión e no debuxo.
OBRAS INTERNACIONAIS:
AL SON DE UN FADO
Nicolás Barral
Planeta
Na Lisboa de 1968 un médico, comodamente posicionado respecto á ditadura de Salazar, vai ver cuestionado o seu compromiso por unha serie de circunstancias. Un relato costumista cun trasfondo histórico real e un debuxo magnífico.
LA FILÓSOFA, EL PERRO Y LA BODA
Bárbara Stock
Salamandra Graphics
Para nós unha das grandes sorpresas do ano, a biografía gráfica, feita cunha linguaxe sinxela e moi accesible, de Hiparquía, unha figura fascinante pero pouco coñecida. Posiblemente a primeira filósofa occidental e tamén unha pioneira do feminismo e de buscar e reivindicar o seu lugar do mundo.
LOS CINCO DE CAMBRIDGE
Valérie Lemaire e Olivier Neuray
Cartem
Cun estilo de “liña clara” ben clásico a parella autora de Los cosacos de Hitler volve de novo ao pasado para nos contar a historia do entramado de espías máis sorprendente do século XX, o grupo de cinco británicos que durante anos funcionaron como axentes dobres soviéticos no comezo da Guerra Fría.
HYPERICON
Manuele Fior
Salamandra Graphics
Unha estudante italiana chega ao Berlín dos anos noventa para participar nunha exposición sobre Tutankamón. As súas vivencias entrelázanse co vivido por Howard Carter no achado da tumba do faraón, no ano 1923, dun xeito poético e fermoso.
PENSS Y LOS PLIEGUES DEL MUNDO
Jérémie Moreau
Norma
Unha historia existencial ambientada na Prehistoria onde o protagonista, Penss, non se contenta con ser un cazador ou recolector e quere entender como funciona o mundo e a natureza. Un relato cheo de poesía e reflexións interesantes co fermoso estilo gráfico dun autor que xa é un dos nosos preferidos. Aquí podedes atopar máis información sobre esta obra.
LA BIBLIOMULA DE CÓRDOBA
Wilfrid Lupano e Léonard Cheminau
Norma
A finais do século X o visir Almanzor ordena queimar a meirande parte da riquísima e variada biblioteca de Córdoba, un dos epicentros do coñecemento da época. Dous escribas escravos tentan salvar algúns dos libros coa axuda dun ladrón e dunha mula neste excelente relato de aventuras con agradables toques de humor e base histórica que nos leva a reflexionar sobre a intolerancia, a censura e a importancia da cultura.
BAJO LOS GUIJARROS, LA PLAYA
Pascal Rabaté
Planeta
Un título sorprendente que nos leva ata a Francia de comezos dos sesenta e que mestura un relato iniciático de paso da mocidade á idade adulta cunha intriga de xénero negro, erotismo, loita de clases e consciencia social. Todo servido co particular e único estilo do mestre Rabaté. Aquí atoparedes máis información sobre este título.
CINZA, de Manel Cráneo: a adaptación dun experto.
13/12/2023
Falámosvos hoxe da chegada dunha das obras máis agardadas dos últimos anos, o novo traballo de Manel Cráneo, alguen que se tivesemos que definir en dúas palabras para nós serían “proximidade” e “acción”. Cómpre dicir que, alomenos no ámbito da bd galega, foi e segue a ser unha figura clave nos últimos vinte anos. Dende a súa editora Demo foi quen de impulsar e visibilizar multitude de proxectos doutros autores, editar catálogos, montar exposicións, facer incursións no campo do audiovisual ou organizar as actividades de eventos como o “Viñetas desde o Atlántico” na edición deste 2023.
2/149