OS NOSOS TÍTULOS PREFERIDOS DE 2024
Como adoitamos facer cada nadal botamos a vista atrás e seleccionamos as obras que máis nos gustaron entre as publicadas nestes doce meses, unha tarefa esta –a de escoller- que sempre resulta complicada pero que en anos como neste 2024 faise aínda máis difícil pola cantidade de álbumes que, dun xeito ou doutro, chamaron a nosa atención. Unha colleita ben diversa e variada da cal eliximos estes catorce títulos:
LA CASA DE LAS MAGNOLIAS
Flavia Biondi
La Cúpula
Da man dunha das autoras italianas máis salientables da actualidade chega este fermoso relato de reconstrución vital ambientado na Toscana e protagonizado por dúas mulleres que se coñecen por casualidade
REVOLUCIÓN #2, Igualdad –libro primero
Florent Grouazel y Younn Locard
Planeta
Prosegue con paso firme esta monumental e documentadísima crónica da Revolución Francesa con esta segunda entrega que nos leva a uns meses despois dos acontecementos narrados no primeiro volume.
LOS PIZZLYS
Jérémie Moreau
Norma
Un dos nosos artistas preferidos destes últimos anos, autor de xoias como La saga de Grimr ou Penss, regresa con esta sorprendente historia que nos convida a replantexar o noso xeito de vivir, as nosas prioridades e necesidades.
APRENDIENDO A CAER
Mikael Ross
Reservoir Books
Cunha gran delicadeza e humanidade, pero tamén con dinamismo e humor, este historietista alemán vainos contar unha historia sobre a discapacidade e a superación do dó. Un libro que conmove e ao mesmo tempo fai rir, e sorrir.
RAÍCES DE GINSENG
Craig Thompson
Astiberri
Retomando en certa maneira os temas autobiográficos que xa tratara na súa exitosa obra Blankets Craig Thompson regresa á súa vila natal en Wisconsin, onde a economía e a vida xiran arredor do cultivo de ginseng, para lembrar tempos pasados e plasmar o presente amosando o seu enorme talento.
LO QUE MÁS ME GUSTA SON LOS MONSTRUOS #2
Emil Ferris
Reservoir Books
A conclusión dunha das obras máis aclamadas da última década, o Chicago dos anos 70 –e moito máis- visto a través dos ollos de Karen, unha nena enfeitizada polos cómics de monstros, o cine de terror e a arte, a quen acompañamos nunha viaxe de autocoñecemento imprescindible e cun debuxo abraiante.
TERAPIA DE GRUPO
Manu Larcenet
Norma
Un dos nomes fundamentais da bd europea fixo do 2024 o seu ano, pola publicación do integral da súa paquidérmica obra Blast ou a saÍda da adaptación de La carretera, a famosa novela de Cormac McCarthy, ou deste álbum integral que recolle a súa divertida serie sobre a creación artística e os seus variados problemas, a posible neurose conseguinte e como xestionar ao mesmo tempo as relacións familiares.
SAINT-ELME
Serge Lehman y Frederick Peeters
Astiberri
Coa recente publicación da súa segunda e derradeira parte por fin podemos recomendar este abraiante e atípico thriller coral, unha sorte de “Twin Peaks” suízo nun futuro próximo con personaxes misteriosos, intrigas finamente dosificadas e a excelencia gráfica habitual na obra de Peeters.
DOMINGO FLAMENCO
Olivier Schrauwen
Fulgencio Pimentel
O xenial autor belga volve sorprender ao plasmar un domingo enteiro na vida do seu curmán Thibault, experimentación, monólogo interior, hipóteses, entelequias, unha chea de personaxes delirantes e moito máis para volver engaiolar ao seu público.
¡UNIVERSO! #2
Albert Monteys
Astiberri
Despois do tremendo éxito do primeiro volume desta serie con relatos curtos e autoconclusivos de ciencia-ficción regresa Albert Monteys con máis historias nas que amosa o seu talento como debuxante e guionista.
LA DEBACLE
Pascal Rabaté
Norma
A escasa e insuficiente resistencia que o exército francés amosou como resposta á invasión alemá durante a Segunda Guerra Mundial é o argumento principal deste magnífico traballo do sempre interesante Rabaté, outro dos nosos autores preferidos.
TERRITORIO
David Muñoz y Miguel Robledo
Astiberri
O experimentado guionista David Muñoz achéganos un dos seus mellores traballos neste álbum ilustrado de xeito magnífico polo ourensán Miguel Robledo, un relato que mestura ciencia-ficción clásica con asuntos máis mundanos e próximos, como o acoso escolar, o perdón ou a redención.
NIMUE
Aldara Prado
Norma
Na súa primeira obra longa a coruñesa Aldara Prado asume, con éxito e acerto, o risco de revisitar unha figura clásica, neste caso a da Dama da Lagoa procedente dos mitos artúricos, nun relato fantástico que serve de excelente presentación para esta prometedora autora que é xa unha realidade. Unha obra sobre a que podedes ler máis aquí.
AVA
Emilio Ruíz y Ana Miralles
Astiberri
O dúo Ruíz-Miralles aproveita un intre moi concreto na vida da estrela do cinema Ava Gardner –a visita que fixo no ano 1954 a Brasil para presentar A condesa descalza- para afondar, coa elegancia, rigor e fermosura gráfica que merece, na interesantísima personalidade desta fascinante figura.
OBRA HERMÉTICA
Moebius
Reservoir Books
Este monumental e agardadísimo volume recolle as historias que Moebius realizou para a revista Métal Hurlant e coas cales revolucionou a novena arte. Unha antoloxía de obras mestras recuperadas con agarimo nunha edición exquisita.