Top 10 de Komic Librería: selección de cómics nacionais editados en 2016

Top 10 de Komic Librería


A semana pasada falámosvos das obras dirixidas cara o público infantil e xuvenil, e tamén daquelas realizadas por historietistas estranxeiros, que máis salientamos entre as publicadas en 2016. Chégalle agora o turno á nosa particular selección de títulos feitos por autoras e autores españois, nunha lista ecléctica a máis non poder que reflicte a tremenda variedade (de xéneros e estilos) que hai nas viñetas dos nosos días...


10

Todos los hijos de puta del mundo

Todos los hijos de puta del mundo
Alberto González Vázquez
Astiberri

O autor, colaborador habitual de programas televisivos como El Intermedio, recolle neste libro algunhas das súas mellores páxinas publicadas en Orgullo y Satisfacción e en El Mundo Today. Humor negro, ácedo, politicamente incorrecto…pero divertidísimo, con pequenas e hilarantes historias protagonizadas maiormente por políticos actuais.


09

Hoodoo voodoo

Hoodoo voodoo
VV.AA.
Fosfatina

Canto hai que lle agradecer ao entusiasmo de Rubén Romero á fronte de Fosfatina, esa rara avis editorial con base en Vigo que non nos deixa de sorprender. Entroutras delicatessens, no 2016 sacaron do prelo esta antoloxía de 21 autores e autoras na vangarda da ilustración deste país, editada cun gusto exquisito e que nos deixou coa boca aberta.


08

Palos de ciego

Palos de ciego
El Irra
Astiberri

Dende Andalucía chega este guionista e debuxante autodidacta cun relato descarnado ambientado nun dos arrabaldos de Sevilla. As súas páxinas desprenden marxinalidade, espontaneidade e, sobre todo, honestidade nunha historia sen concesións que vai do costumismo á violencia máis primaria e que nos permite darlle a benvida pola porta grande a este autor.


07

Mujer

Mujer
Los Bravú
Fulgencio Pimentel

Dea e Diego, ou o que vén sendo o mesmo: Los Bravú, teñen dende hai tempo un lugar preferente no noso corazonciño. E máis despois desta pequena gran marabilla, unha sorte de catálogo da súa arte onde a banda deseñada conflúe, a través de pequenos fragmentos de historias, coa ilustración, a pintura, a fotografía ou a cerámica. Toda unha demostración do talento desta polifacética parella da que agardamos, arelantes, a súa próxima obra.

Ler reseña »


06

I.D.

I.D.
Emma Rios
Astiberri

A autora galega presenta unha historia fascinante sobre a posibilidade de mudar de corpo a través da experiencia dos seus tres personaxes protagonistas, que agardan polos seus respectivos trasplantes. Cun debuxo excelente Emma crea un relato interesantísimo que está, sen dúbida, entre o mellor da súa carreira.


05

Enter the Kann

Enter the Kann
Víctor Puchalski
Autsaider

Unha banda deseñada que impacta xa dende a abraiante portada holográfica na que Kann, o protagonista, golpea ao lector en todos os fuciños antes de ponerse coa complicada tarefa de viaxar por afastados mundos e dimensións extrañas na procura dos seus sete Mestres de Kung Fu Escuro para liquidalos. Experimentando con diversos estilos ao longo de todo o libro o señor Puchalski dá renda solta á súa perversa e divertida imaxinación con esta historia esaxerada e excesiva chea de homenaxes, referencias e labazadas das boas.


04

Lamia

Lamia
Rayco Pulido
Astiberri

Esta historia de xénero negro, atípica, moi documentada e sorprendente, transcorre na Barcelona dos anos 40 e está protagonizada por unha misteriosa muller embarazada que traballa nun popular consultorio sentimental. Cun estilo limpísimo no que se mestura unha liña clara coa experimentación á hora de construír as páxinas Rayco Pulido achéganos unha das lecturas obrigatorias do ano.


03

Intemperie

Intemperie
Javi Rey
Planeta Cómic

Nun tempo e nun espazo hostiles un rapaz fuxe da súa vila e do seu pai, iniciándose así unha dramática persecución por parte do alguacil na que o mozo só contará coa axuda dun vello pastor. Esta adaptación da exitosa novela de Jesús Carrasco recolle a prosa poética do texto orixinal e confirma a Javi Rey como un autor cheo de talento e recursos.


02

Gran Hotel Abismo

Gran Hotel Abismo
Marcos Prior / David Rubín
Astiberri

A unión das forzas de dous autores fundamentais na historieta española contemporánea dá como resultado unha obra graficamente espectacular cunha altísima carga social. Un mosaico de pequenas historias cunha base común que funciona como unha bomba de reloxería na consciencia dos seus lectores.

Ler reseña »


01

Jamás tendré 20 años
Jaime Martín
Norma

Jamás tendré 20 años

Tras Las guerras silenciosas Jaime Martín volve mergullarse no pasado da súa familia cunha obra magnífica na que conta a historia real de Isabel e Jaime, os seus avós, e o xeito no que sobreviviron ao golpe de estado fascista e á Guerra Civil, e como saíron adiante nos anos seguintes, cheos de miseria e represión cara o bando perdedor, ao que pertencían. Unha novela gráfica excepcional chea de dureza e tenrura.

RECTIFICACIÓN A ESTE TOP 10

Nesta selección de títulos esquecémonos de incluír un fundamental. Como tampouco se trata de retirar ningunha das que xa están, decidimos aumentar o seu número a 11 e agardamos que saibades comprender o noso descoido. E a esquecida é (redobre de tambores)...


11

El ala rota

El ala rota
Antonio Altarriba / Kim
Norma

Con El arte de volar Antonio Altarriba e Kim acadaron, hai uns anos, un tremendo éxito de crítica e vendas ao retratar a dramática vida do pai do guionista. A través das desventuras deste home, anarquista, republicano e exiliado, os autores plasmaban tamén a historia social e política da España do século XX. Chamaba a atención daquela o minúsculo papel que na obra tiña a nai de Altarriba e, para solventar esta inxustiza, o mesmo equipo creativo repite esquema e época para contarnos a súa existencia, marcada pola traxedia dende o seu nacemento. É este tamén un retrato de toda unha xeración de mulleres, a da posguerra, invisible, resignada e sometida ás figuras masculinas de pais e maridos. Unha homenaxe, de novo cunha calidade altísima, a todas estas mulleres silenciosas, silenciadas e fundamentais.