Top 10 de Komic Librería: selección de cómics internacionais editados en 2016
Pois non foi nada doado, xa que 2016 trouxo unha boa colleita en canto a obras realizadas por autores e autoras estranxeiras, pero aquí vos deixamos as dez que máis nos gustaron a nós e ao público de Komic Librería. Non están todas as que son, pero son todas as que están...
10
Intrusos
Adrian Tomine
Reservoir Books
Este «poeta do baleiro existencial»presenta en Intrusos seis relatos curtos, narrados e debuxados con técnicas distintas, que teñen en común as dificultades dos seus protagonistas para atopar o seu lugar no mundo.
09
Futbolín
Alessio Spataro
DeBolsillo
Con moito agarimo e documentación este autor italiano plasma a biografía gráfica dun galego ilustre, Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín e todo un personaxe que na súa axitada vida coñeceu a un bo número de persoeiros e persoeiras da cultura e da política, polo que esta obra é tamén un paseo por algúns dos grandes acontecementos históricos do século XX.
08
La virgen roja
Bryan Talbot / Mary M. Talbot
La Cúpula
A educadora, poetisa e oradora Louise Michel é toda unha institución en Francia por ser unha defensora da igualdade, o laicismo, o matrimonio libre e o coidado dos oprimidos. Ademais disto foi unha das figuras máis salientables da Comuna de París, un movemento social de autoxestión que se rebelou contra a ineptitude dos dirixentes e durante dous meses tocou o ceo da utopía anarquista. Cómpre lembrar e coñecer máis a súa figura, e esta rigurosa biografía en banda deseñada é un xeito estupendo de facelo.
07
Melancolía
Simon Hanselmann
Fulgencio Pimentel
Unha nova entrega das aventuras de Megg, Mogg e Búho. Un delirante retrato da náusea existencial chea de amoralidade, humor negro e politoxicomanía a cargo dun autor xenial e fascinante.
06
Glenn Gould, una vida a contratiempo
Sandrine Revel
Astiberri
Con moita delicadeza e unha elegancia extrema a autora francesa presenta un documentado retrato gráfico dun dos grandes xenios da música do século XX, Glenn Gould, o pianista clásico nado en Canadá que asombrou ao mundo polo seu inmenso talento e mais polas súas excentricidades.
05
Los buenos veranos
Zidrou / Jordi Lafebre
Norma
Coa humanidade, o humor e o aquel poético que adoitan ter as historias do guionista belga chega ata nós esta serie, da que xa hai publicados dous tomos autoconclusivos, na que somos espectadores das vacacións dunha divertida familia a finais dos sesenta e comezos dos setenta. Unha obra costumista e nostálxica chea de tenrura e maxia e magnificamente debuxada polo catalán Jordi Lafebre.
04
Talco de vidrio
Marcello Quintanilha
La Cúpula
Tras a boa acollida de Tungsteno, este historietista brasileiro sorprende cun intenso thriller psicolóxico no que consegue introducir aos seus lectores na mente dunha odontóloga de Rio de Janeiro, de clase acomodada, que está a piques de ver como a súa vida cambia por completo.
03
Namibia
Rodolphe / Leo / Marchal
ECC
O segundo ciclo da serie que comezou con Kenia e que mestura o xénero de espías coa ciencia-ficción resultounos aínda máis intrigante que o primeiro. De novo no continente africano, pero desta volta na Namibia de 1949, a axente británica Kathy Austin deberá investigar unha serie de fenómenos estraños que desafían á razón e á lóxica.
02
Juliette, los fantasmas regresan en primavera
Camille Jourdy
La Cúpula
O agardadísimo retorno da autora de Rosalie Blum cumpre coas expectativas ao presentarnos a nostálxica e temporal volta a casa de Juliette, unha muller que está a pasar por unha etapa de desacougo e que decide botar unha tempada na súa vila natal coa súa disparatada familia. Co seu característico debuxo minucioso e coidado Camille Jourdy volve atraparnos co retrato dun grupo de personaxes realistas e delirantes a partes iguais.
01
Paciencia
Daniel Clowes
Fulgencio Pimentel
Un dos nomes fundamentais do underground norteamericano demostra o ben que lle está a sentar a madurez con este título no que mestura o amor eterno e a ciencia-ficción co seu particular estilo. Sen dúbida, unha das mellores obras da súa extensa carreira.