Top 10 de Komic Librería: Selección de cómics editados en xuño de 2016

Top 10 de Komic Librería


Pois nada, que non hai maneira, pensabamos que despois da avalancha de novidades do mes de maio xuño sería un mes máis tranquiliño... pero unha vez máis tivemos serias dificultades para elixir tan só dez títulos entre os que arribaron durante o pasado mes a Komic Librería. Eis a nosa selección, agardamos que vos resulte interesante:


10

Golem

Golem
Lorenzo Ceccotti
Sapristi

Cunha grande influencia do manga (imposible non lembrar Akira ao pasar as súas páxinas) e moitísima imaxinación chega este relato da man dun prometedor autor italiano. Ciencia ficción mesturada con socioloxía e política nesta hipotética Roma do futuro onde o capitalismo triunfou ata pasar a ser a nova relixión maioritaria.


09

Algunos días de verano

Algunos días de verano / Un oasis de felicidad
Chabouté
Planeta

Dous relatos curtos en branco e negro coa humanidade que o experimentado autor francés sabe imprimir ás súas historias e que cada vez nos gusta máis.



08

Nuestro universo en expansión

Nuestro universo en expansión
Alex Robinson
Astiberri

O autor de Malas ventas regresa ao costumismo con este retrato dun grupo de amigos que rozan os corenta, a través do cal reflexiona sobre a paternidade, a vida adulta e as amizades perdidas.



07

Hoy es un buen día para morir

Hoy es un buen día para morir
Colo
Dibbuks

Colo, unha desas rara avis da historieta española, confirma as boas sensacións que nos deixara De perros y huesos, a súa primeira novela gráfica, con este relato apocalíptico situado nun futuro próximo no que a humanidade sufre a expansión dun virus que provoca fondas depresións nas persoas infectadas. Con este «mal da tristura» de fondo e unha gran presenza da música o autor plantexa dúbidas máis que razoables sobre a nosa propia existencia e as cousas realmente importantes.


06

El castillo de las estrellas #2

El castillo de las estrellas #2
Alex Alice
Norma

Unha das obras orientadas cara o público xuvenil máis salientables dos últimos tempos remata o seu primeiro ciclo narrativo con este tomo. Unha obra ambientada no século XIX e que conta as aventuras dun grupo de intrépidos exploradores que botan as súas olladas cara o espazo.


05

Soñadores

Soñadores
Villani / Baudoin
Astiberri

Pois si, semella que o xénero biográfico e a banda deseñada lévanse a mar de ben, como ben demostra esta marabilla, a camiño entre o documental gráfico e a poesía visual, onde unen forzas o debuxante Baudoin e o matemático Villani e que trata sobre catro científicos que mudaron a historia: Heisenberg, Turing, Szilard e Dowding, catro nomes fundamentais para entender a Segunda Guerra Mundia.


04

Futbolín

Futbolín
Alessio Spataro
DeBolsillo

Manda truco que esta magnífica biografía de Alexandre Finisterre estea feita por un historietista italiano! Cun estilo fluído e desenfadado Spataro viaxa a través dos numerosos episodios fascinantes na vida do creador do futbolín, onde aparecen como secundarios algúns dos principais persoeiros da cultura do século XX. Mesmo sitúa un episodio na Feira das Mentiras que se celebrou na nosa cidade aló polo ano 1998. Unha agradecida sorpresa que ademais funciona coma homenaxe á andaina vital deste galego universal.


03

Democracia

Democracia
Alecos Papadatos / Abraham Kawa / Annie Di Donna
Alianza

Malia a súa apariencia non estamos perante un sesudo ensaio sobre esta forma de goberno, senón diante da historia de Leandro, un mozo ateniense do século V a.C.. O seu relato, narrado por el mesmo, fala das súas aventuras e desventuras nunha época na que nace a primeira democracia. Política, historia, mitoloxía e aventuras nun libro interesantísimo.


02

El regreso del halcón abejero

El regreso del halcón abejero
Aimée de Jongh
Ponent Mon

Como xa vos comentamos hai uns días, esta historia protagonizada por un libreiro a piques de pechar o seu negocio mestura con naturalidade costumismo e realismo máxico, nun sinxelo conto contemporáneo que agradará aos lectores e lectoras que se acheguen ás súas páxinas.


01

Talco de vidrio
Marcelo Quintanilha
La Cúpula

Talco de vidrio

Se xa nos gustara Tungsteno, o atípico thriller co cal facía a súa presentación en España este brasileiro residente en Barcelona, con este novo relato deixounos coa boca aberta, ao introducirnos con mestría nos pensamentos, frustracións e complexos dunha odontóloga de mediana idade e clase acomodada no Rio de Janeiro dos nosos días. Un descenso aos infernos íntimos narrado cunha precisión sorprendente.