SELECCIÓN DE CÓMICS PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO 2023
Achégase unha das datas máis importantes para libreir@s,
lectores e lectoras: o Día do Libro, e, como decote, querémosvos convidar a
celebralo connosco cunha pequena e variada selección de bandas deseñadas onde
poderedes atopar adaptacións de obras literarias, biografías de escritoras e
escritores e títulos onde o libro acada un protagonismo ben relevante.
Aproveitamos para vos comentar que este ano, ao coincidir o
día 23 en domingo, celebraremos esta xornada o sábado 22. Lembrade que durante todo o día os libros que
merquedes terán un 10% de desconto sobre o seu prezo, unha boa oportunidade
para vos achegar a Komic Librería.
Así pois aquí vos deixamos esta decena de obras que vos recomendamos. E se quedades con ganas de máis sempre podedes revisar as propostas que vos ofrecimos en anos anteriores:
O HOME QUE VALÍA POR MIL
Antón Mascato y Pepe Carreiro
Galaxia
- A biografía gráfica do polifacético e prolífico Francisco Fernández del Riego, un dos persoeiros fundamentais da cultura galega e a quen se lle adica este ano o Día das Letras.
DE OTRO PLANETA
Grace Ellis y Hannah Templer
Sapristi
- Un atractivo retrato da vida e obra da escritora Patricia Highsmith, famosa polas súas novelas de suspense e pola súa complexa personalidade.
EL LADRÓN DE LIBROS
Alessandro Tota y Pierre Van Hove
El Mono Libre
- A través das aventuras e desventuras dun
aspirante a poeta no medio da bohemia literaria do París dos anos 50 os autores
presentan unha interesantísima reflexión sobre o mundo da arte e os procesos
creativos, ademais de reflectir traxicomicamente un tempo e un lugar
mitificados por xeracións posteriores.
EL RATÓN DE BIBLIOTECA
Miya Kazuki, Suzuka y You Shiina
Kitsune
- Nesta serie de manga composta por sete volumes atopamos unha auténtica oda de amor aos libros, grazas á súa protagonista, unha universitaria bibliófila que se vai ver transportada, convertida nunha nena pequena, cara un mundo medieval onde os libros son case inexistentes.
O REICIÑO DE GALIZA
Inacio y Iván Suárez
Demo
- De novo vos recomendamos a adaptación da epopea
escrita polo francés Víctor Hugo a mediados do século XIX e na que se conta a
tentativa de traizón para se facer co trono de Galiza. Iván e Inacio, unha parella xa clásica no
panorama comiqueiro galego, trasládaa de xeito impecable á bd.
MATADERO CINCO
Albert Monteys y Ryan North
Astiberri
-
A novela satírica de Kurt Vonnegut mestura
ciencia-ficción, autobiografía existencialista, xénero bélico e unha chea de
cousas máis, polo que a súa adaptación á banda deseñada semellaba algo
imposible. Isto fai que valoremos aínda
máis o espectacular esforzo de North e Monteys nunha das versións literarias
máis sorprendentes e orixinais que lembramos.
LEYENDAS DE LOS OTORI
Stéphane Melchior y Benjamin Bachelier
Tengu
- Nunha triloxía de álbumes estes autores
franceses presentan a adaptación do primeiro ciclo das novelas fantásticas
escritas por Lian Hearn e ambientadas nun mundo ficticio inspirado no Xapón
feudal.
O BOSQUE DOS RAPOSO AFORCADOS
Nicolas Dumontheuil
Rinoceronte
-
A editora canguesa, especialista en publicar
narrativa estranxeira en coidadas traducións á nosa lingua, sacou do prelo hai
uns cantos anos esta divertidísima novela do escritor finés Arto Paasinlinna e
recentemente tamén a súa versión en viñetas.
Un gran traballo que nos permite gozar desta delirante comedia de enredo
no seu formato de banda deseñada.
KANIKOSEN
Go Fujio
Gallo Nero
-
Reeditado tras varios anos sen estar dispoñible
esta manga é a adaptación dunha novela escrita por Takiji Kobayashi en 1929, un
relato proletario que critica ao capitalismo e do cal vos falamos neste artigo que publicamos hai anos.
UN ENEMIGO DEL PUEBLO
Javi Rey
Planeta
Este autor, que xa nos sorprendera e cativara en 2016 coa adaptación da novela Intemperie, de Jesús Carrasco, achéganos agora a súa versión dunha das obras teatrais máis interesantes do noruegués Henrik Ibsen, actualizando esta reflexión sobre a democracia e a manipulación da opinión pública.