OBRAS EN GALEGO 2024



Neste 2024 a produción de bd galega non foi tan abondosa como en anos anteriores, mais isto viuse compensado pola calidade das obras publicadas e tamén por algo que non lle sobra ao noso sistema comiqueiro: a tradución de obras estranxeiras.   Foron varios os títulos, tanto clásicos como modernos, todos eles moi recomendables, que saíron do prelo na nosa lingua durante este ano.  Unha aposta esta, iniciada por Rinoceronte Editora e continuada por Retranca e Xerais, que aplaudimos e agradecemos.

Xa que logo, aquí vos deixamos as nosas escollas, todas elas dirixidas cara o público adulto, xa que publicaremos as recomendacións para os lectores e lectoras máis novas nos vindeiros días:


HERBA

Keum Suk Gendry-Kim
Rinoceronte

Sen dúbida un dos títulos máis relevantes dos últimos anos, unha historia de non ficción que recupera as lembranzas dunha anciá coreana e os numerosos atrancos que tivo que afrontar ao longo da súa vida, como ser vítima da escravitude sexual por parte dos soldados xaponeses que ocuparon Corea durante a Segunda Guerra Mundial.


GLORIA, TODO É OBRA DE ARTISTAS

Pío Barreiro e Lola Garcerá
Demo

O alma mater desta casa, Pío Barreiro, escribe a ficción histórica que ilustra Lola Garcerá e que nos transporta á Compostela do século XII para nos plantexar unha reflexión sobre o traballo artístico centrada na construción do Pórtico da Gloria e sobre a que podedes ler máis aquí.



altCANDO O VENTO SOPRA

Raymond Briggs
Retranca

Todo un clásico do cómic inglés, ben coñecido tamén pola súa versión en filme de animación, que relata un hipotético ataque nuclear cara o Reino Unido durante os anos máis quentes da Guerra Fría e como afronta esta situación un entrañable matrimonio que vive no rural.  Unha historia estremecedora e emotiva que recupera con acerto Retranca Editorial.



CARNE PARA CANS

Manuel López Poy e Kundo Krunch
Demo

Un gran traballo editorial recupera a case descoñecida historia do galego Soto, un varudo rapaz de forte personalidade emigrado en Arxentina que foi foi un dos principais dirixentes anarcosindicalistas nas folgas rurais de 1921 na Patagonia.  Escrito con precisión polo prolífico e versátil Manuel L. Poy e ilustrado co seu persoal e atractivo estilo polo arxentino Kundo Krunch.   


VOITRES

Miguelanxo Prado
Retranca

Hai anos xa que Miguelanxo escribiu e debuxou Presas fáciles, unha atípica historia de vinganza inspirada na estafa das preferentes, agora recupera a parella de policías protagonistas para nos presentar un novo caso, a morte dunha moza que agocha máis dunha pregunta.


altA PROFECÍA DO ARMADILLO

ZeroCalcare
Rinoceronte

O popular historietista italiano aparece na nosa lingua co título co cal debutou hai anos, cos expresivos relatos autobiográficos  nos que rememora a súa mocidade, con agarimo, humor e máis profundidade da que semella.


OS MISTERIOS

Bill Watterson e John Kascht
Retranca

Malia non ser unha banda deseñada propiamente dita, senón máis ben un contiño ilustrado, fermosamente ilustrado, non podemos evitar falar deste libro co cal o autor da famosa e admirada tira Calvin & Hobbes rachou con case 30 anos de silencio.


BICHERO XIII: AGORA DE VELLOS

Luís Davila
Autoeditado 

A escolma anual que recolle boa parte das tiras do humorista gráfico de Bueu chega ao seu decimoterceiro volumen coa retranca intelixente que lle caracteriza.


EU MATO XIGANTES

Joe Kelly e Ken Niimura
Rinoceronte

Esta obra, orixinariamente dirixida cara o público xuvenil pero recomendable para lectores de tódalas idades, preséntanos a unha rapaza que atopa na fantasía e na imaxinación o xeito de fuxir da dura realidade que a rodea, pero que terá que aprender a afrontar os problemas sen evadirse.

Cómpre sinalar tamén a aparición de numerosos, variados e interesantes álbumes coa autoría de artistas de aquí pero publicados en castelán, dende nomes tan consagrados como Miguelanxo Prado (co tomo integral de Presas fáciles), Fran Jaraba (Rosario Goya) ou David Rubín (Operación Amanecer, Mind MGMT) pasando por debutantes que xa son realidades, como é o caso de Pepa Prieto Puy (Mis agendas semanales) ou Aldara Prado (Nimue), sen esquecer propostas tan interesantes e persoais como El buen ciudadano, de Andrés Magán, El cóndor y la caníbal, de Víctor Coyote, Lejos, de Alicia Jaraba Abellán ou a edición do Premio Castelao 2023, El beso de la sirena, de Uxía Larrosa e Luis Yang.


Así mesmo salientamos a publicación de obras onde a participación galega tamén foi relevante, o traballo de Miguel Robledo en Territorio, o de Álex Rozados en Y llegó la tormenta ou o de Ángela Curro en La gota de sangre.