GLORIA. TODO É OBRA DE ARTISTAS, de Pío Barreiro e Lola Garcerá (Demo Editorial)
Co mes de agosto chega, por fin, una obra agardadísima por moit@s de vós e por nós mesmos, Gloria (Todo é obra de artistas), a primeira novela gráfica de Pío, alma mater desta casa, que ve deste xeito materializado o traballo de varios anos de documentación e coidada elaboración do guión plasmado en viñetas pola ilustradora e historiadora da arte valenciana Lola Garcerá.
Trátase dun ambicioso proxecto que nos traslada ata a Compostela dos séculos XII e XIII e sitúa a acción nun intre especialmente relevante da historia e da creación artística medieval, tanto galega como europea: a construción do Pórtico da Gloria, considerado un dos cumios da arte universal.
En Gloria (Todo é obra de artistas) Pío e Lola plantexan unha ficción histórica arredor da entrada occidental da catedral compostelá, a principal deste templo orixinariamente románico, aportando unha interesante visión que transcorre ao longo de máis de tres décadas e que está protagonizada principalmente por Gloria, unha talentosa moza que resulta ser sobriña do Mestre Mateo e filla dun dos principais colaboradores deste na construción desta peza artística, obra mestra tanto na escultura e na arquitectura como na pintura (como amosa a recente restauración da súa policromía inicial).
Con case corenta anos de experiencia como libreiro especializado en banda deseñada -e algúns máis como lector- Pío aproveita o seu coñecemento acumulado e dá renda solta as súas inquedanzas artísticas e espirituais para construír un relato denso e complexo, tanto no seu contido como na súa estrutura, sobre a cal poderiamos dicir que muda o coñecido periplo ou viaxe do heroe (neste caso heroína) polo da artista, ao focalizar a trama na propia creación artística e presentar como obxectivo e motor vital dos personaxes a concreción dunha obra chea de simbolismo e significado. Para acadar esta fin terán que superar diversos obstáculos que van dende os puramente materiais (xestionar e negociar o patrocinio ou mecenazgo dun proxecto desta envergadura, obtención dos materiais necesarios para facelo, así como da man de obra precisa para isto) ata intrigas que teñen que ver con distintas esferas de poder, pasando por atrancos máis etéreos como pode ser a falla de inspiración.
Precisamente neste último eido é onde a aportación de Gloria, a nosa intrépida protagonista, vai ser esencial para atopar solución a diversos problemas. Na construción deste personaxe atopamos tamén un dos elementos máis salientables e consistentes deste álbum, xa que ademais das súas virtudes convértese nun símbolo da igualdade ao reivindicar o seu lugar nun mundo predominantemente masculino.
E do mesmo xeito que Gloria, ben acompañada pola súa parella, Nathan, o seu pai, Pierre, e o propio Mestre Mateo, tentará salvar as dificultades que vaian aparecendo no seu camiño, Pío procurou unha excelente compañeira para levar a bo porto o seu proxecto no talento de Lola Garcerá, unha ilustradora debutante pero non falta de experiencia, que achega un debuxo agradable e unha suave paleta de cores para representar con acerto tanto os personaxes como os elementos propios do medievo e que acada algunha páxinas extraordinarias, especialmente nunha fundamental escena final. Lola é a responsable, así mesmo, dun interesante texto explicativo engadido como epílogo na estupenda edición de Demo Editorial apoiada por Komic.
Así pois aquí vos deixamos esta novidade, obviamente moi especial para nós e vos anunciamos tamén que será presentada na Feira do Libro da Couña este vindeiro xoves 8 de agosto ás 18:00 horas e no Viñetas desde o Atlántico o xoves 15 ás 17:00 horas.