ESTO LO HACE MI HIJO DE SEIS AÑOS, de Marco Biturbo (autoeditado): unha teoría da arte con moita retranca.
No século primeiro antes de Cristo o arquitecto e enxeñeiro romano Marco Vitruvio escribiu De architectura, un monumental tratado en dez volumes que tivo unha gran relevancia na súa época e unha extraordinaria importancia séculos despois, tanto na Idade Media como no Renacemento. Como exemplo disto último podemos poñer o famoso e archicoñecido debuxo de Leonardo da Vinci sobre as proporcións humanas titulado O home de Vitruvio e baseado nas indicacións do autor romano.
Precisamente esta imaxe, mesturada de xeito retranqueiro cunha obra pictórica que tivo unha gran sona hai poucos anos, é a portada da banda deseñada da que hoxe vos falamos: Esto lo hace mi hijo de seis años, unha obra onde un enigmático historietista actual que responde ao nome artístico de Marco Biturbo recolle o testemuño do mítico Vitruvio coa intención de analizar e desmontar moitos dos estereotipos que rodean o concepto de arte.
Paseniñamente, ao longo de dezanove capítulos e un epílogo, Biturbo disecciona con precisión e abondosas doses de humor os grandes tópicos que xiran arredor desta actividade humana, que todas e todos coñecemos pero que non resulta tan doado definir dun xeito que compraza a todo o mundo –de feito cada persoa pode ter a súa propia definición-. Algo etéreo, moi persoal e –ao noso entender- tan fundamental como respirar.
Biturbo, do que só vos podemos adiantar que conta cunha extensa traxectoria como polifacético artista e tamén como docente no eido da arte, emprega esta bagaxe para poñer os puntos sobre os íes de moitas destas ideas preconcebidas. Deste xeito visitamos conceptos e estereotipos como a síndrome de Stendhal, as musas, o talento innato ou a idea do artista como alguén en continuo desacougo existencial. Non quedan, por suposto, sen o seu correspondente repaso os museos, as galerías de arte ou os críticos e críticas de arte. Cómpre dicir que, como podedes imaxinar, a arte contemporánea, especialmente a conceptual, é revisada (ou desmontada) con lupa por este altruista divulgador.
A nivel gráfico, en Esto lo hace mi hijo de seis años Biturbo amosa un fondo coñecemento pictórico e cinematográfico, empregando multitude de cadros ou fotogramas e mesturándoos con experiencias persoais do seu pasado ou presente, construíndo así unha lectura xeitosa e divertida.
Evidentemente todo o contado neste libro é a propia opinión do seu misterioso autor, en termos de teoría artística hai poucas cousas dogmáticas e inamovibles, pero de seguro que concordaredes con el en máis dunha ou dúas cousiñas…
Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, un libro, en palabras do propio Marco Biturbo, “imperdible para calquera amante da arte”. Unha reflexión crítica e ao mesmo tempo divertidísima do universo da arte que fará as delicias de entendidos e profanos.
E aproveitamos para vos comentar que este vindeiro venres 23 de febreiro teremos entre nós a este autor, rodeado da súa aura de misterio, para que vos asine exemplares de Esto lo hace mi hijo de seis años. A cita será a partires das 18 horas, agardámosvos!!!