AS OBRAS XUVENÍS E INFANTÍS QUE MÁIS NOS GUSTARON DE 2023
Despois de compartir convosco os nosos títulos preferidos entre os editados en 2023 e destinados ao público adulto hoxe é o turno daqueles que van dirixidos cara os lectores e lectoras máis novas. Entre eles, por suposto, cómpre lembrar a aparición de novos números de series ben coñecidas (e ben queridas polos pequenos komiqueiros) como Policán, Avni, El lobo en calzoncillos, Miñoca e…, Yakari ou Calle de los suspiros, 109, pero para facer as nosas escollas preferimos falar de títulos novos.
Seleccionamos, xa que logo, sete obras en galego e outras tantas en castelán, bandas deseñadas moi variadas e recomendables. Velaquí están:
EN GALEGO
ULA E VINCA, O FEITIZO DA PRIMAVERA
María Brenn
Antela
Un conto cheo de tenrura protagonizado por unha bruxa, o seu gato e unha nena moi especial, fermosamente debuxado e coloreado e que recomendamos a partires dos 9 anos.
BRAIS E CHISCO, EXTREMO RISCO
Santy Gutiérrez
Demo
Un divertidísimo álbum no cal cada páxina é unha pequena historia protagonizada por un (non tan) abominable home das neves e un pingüín afeccionados aos deportes de risco. Humor e pasatempos para lectores dende os 8 anos.
A BRIGADA IRIDISCENTE. O LABIRINTO DOS INCHABLES
Elena Andrés
Galaxia
Un grupo de mozas e mozos visita un parque de atraccións e pérdese nunha delas para vivir unha emocionante aventura.
INCOLORO, A PROFECÍA DOS SANGUES
José Malvárez Carleos
Xerais
Neste relato fantástico viaxamos ata o país de Aórtica, onde as persoas están divididas pola cor do seu sangue, aquelas que o teñen vermello dominan ás de cor verde, ata que chega unha rapaza descoñecida que podería mudar as cousas.
MICRO ALGAS, MÁIS ALÁ DA TERRA
Xulia Pisón
Universidade da Coruña
A terceira entrega desta banda deseñada de divulgación científica coa que aprendemos moito sobre estes microorganismos a través das andanzas de Spirulina e os seus amigos. Neste novo álbum viaxamos ata Marte, un planeta que pode agochar a última esperanza para a humanidade.
O GRANDE AVIARIO
Eli García
Antela
Mesturando realidade e imaxinación esta bd fainos acompañar a dúas nenas nunha descoberta marabillosa relacionada cos paxaros que nos rodean.
SENTINELAS DA LÚA CARMESÍ
Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande
Xerais
A primeira parte dun emocionante relato cheo de tensión que ten que ver cunha antiga lenda que fala dun tempo no que coexistían os seres míticos e os humanos e cunha maldición que podería implicar á fin do mundo tal e como o coñecemos.
EN CASTELÁN:
BÁRBARA, LA ÚLTIMA BERSERKER
Jason Patterson e Dan Abdo
SM
Unha súper recomendable colección de humor, acción e fantasía ambientada nun mundo onde os humanos e os monstros están sempre en conflito, ata que chega Bárbara, unha pequena guerreira chea de afouteza e boas intencións.
LOS DEMONIOS DE ALEXIA
Benoit Ers e Vincent Dugomier
Nuevo Nueve
Un relato paranormal protagonizado por unha exorcista descendente dunha bruxa que é reclutada para traballar na institución que vixía e loita contra os fenómenos ocultos que acontecen por todo o planeta.
A TODA PASTILLA
Josephine Mark
Astiberri
A disparatada e frenética fuxida dun estrafalario dúo formado por un lobo e un coello, unha persecución cómica e conmovedora con suspense, solidariedade, amizade e moitas risas.
LA GUARDIANA DE LAS POLILLAS
Katie O´Neill
Brúfalo/La Cúpula
O novo traballo da neozelandesa, exitosa autora da saga dos Dragóns de té, cóntanos, con virtuosismo e delicadeza, a historia de Anya, unha moza que se debate entre a responsabilidade que está a piques de asumir como protectora dunhas avelaíñas que son fundamentais para a supervivencia do seu pobo e o seu desexo de saber que é o que se sente ao vivir baixo a luz do sol.
HAMMERDAM
Enrique Fernández
Astronave
Un martelo máxico cae nunha vila, esta arma mítica escollerá ao seu portador para realizar unha misión trascendental e…a elixida resulta ser Melina, unha nena de seis anos.
ARCHIBALD
Kim Hyun-Min
Nuevo Nueve
Un neno detective que, xunto ao seu compañeiro, un can cíclope, resolve casos sobrenaturais nos que están involucrados seres e criaturas de todo tipo.
MOLLY WIND, BIBLIOTECARIAS A CABALLO
Toni Galmes e Catalina González
Astronave
Baseada na historia real das “mulleres dos libros”, un grupo de bibliotecarias que na década de 1930 montaban a cabalo e levaban material de lectura ás ailladas comunidades montañosas de Kentucky, este deliciosa lectura preséntanos a unha pequena voluntaria desta fermosa iniciativa de amor polos libros.