CINZA, de Manel Cráneo: a adaptación dun experto.
Falámosvos hoxe da chegada dunha das obras máis agardadas dos últimos anos, o novo traballo de Manel Cráneo, alguen que se tivesemos que definir en dúas palabras para nós serían “proximidade” e “acción”. Cómpre dicir que, alomenos no ámbito da bd galega, foi e segue a ser unha figura clave nos últimos vinte anos. Dende a súa editora Demo foi quen de impulsar e visibilizar multitude de proxectos doutros autores, editar catálogos, montar exposicións, facer incursións no campo do audiovisual ou organizar as actividades de eventos como o “Viñetas desde o Atlántico” na edición deste 2023.
Seguramente por todo isto a súa faceta de autor de bd viuse minguada na produción mais podémosvos asegurar que ben pagou a pena agardar porque a obra que hoxe vos presentamos é a máis madura e completa que ata agora culminara como guionista e debuxante.
Aló polo 2017 Cráneo recibiu unha chamada de Xavier Alcalá para converter o seu relato A nosa cinza nunha novela gráfica. Manel aceptou o reto sen ter que meditalo moito e é agora, nada máis nin nada menos que seis anos despois, cando podemos gozar do magnífico resultado.
Xavier Alcalá, nado en Ciudad Real no ano 1947, viviu dende ben cativo en Ferrol a sitúa a novela e ao seu protagonista, Xoán, nos mesmos lugares e no mesmo tempo que a el lle tocou vivir. É, polo tanto, un relato de experiencia persoal e cotiá que comezou a escribir con só vintecinco anos, tendo ben frescas as lembranzas de infancia e mocidade, e que foi publicado no 1980. Foi unha novela de lectura obrigatoria nos institutos galegos durante xeracións chegando a vender 80.000 exemplares na nosa lingua.
Na adaptación do guión de Manel Cráneo hai aportacións novidosas, un coidado equilibrio entre o diálogo interior do protagonista (e narrador) e a narrativa visual, metáforas e escenas que non estaban no texto orixinal e un final diferente e quizais máis pechado que o da novela.
No aspecto gráfico o estilo de Cráneo, máis solto que nunca e claramente recoñecible en todo momento, vai virando cara un realismo máis acentuado sobre todo nas arquitecturas do Ferrol máis señorial, da cidade en expansión así como nas paisaxes da contorna.
A técnica de tinta chinesa e auga vaille como anel ao dedo para nos amosar eses tempos documentados nas imaxes da televisión e o cine en branco e negro e as sutilezas dos degradados transmiten certas sensacións de nostalxia ben agradables creando un contraste cos feitos tráxicos ou perturbadores que vive o protagonista.
Xavier Alcalá escribiu nos anos 70 unha obra eterna e atemporal no sentido en como trata o paso da nenez á mocidade e á idade adulta, tivo daquela unha visión moi acertada no tratamento dos personaxes e na ambientación e hai seis anos volveu acertar na escolla de quen tería que converter esta novela en imaxes, non podería ter elixido mellor porque elixiu a todo un experto: Manel Cráneo.