Aleida II. Cruzada, de Víctor Boullón: o regreso da heroína máis intrépida

Aleida II. Cruzada


Hai poucas semanas, para a nosa ledicia e a dos numerosos lectores e lectores que gozaron co primeiro álbum, saía do prelo a segunda entrega de Aleida, a serie de aventuras ambientada na Compostela do século XII creada por Víctor Boullón. Unha colección dirixida cara o público infantil e xuvenil e protagonizada pola intrépida rapaza que lle dá nome. Nela mestúranse a intriga, acción e humor propios do xénero cunha serie de episodios históricos acontecidos na realidade.

Se o primeiro volume, Cidade sen alma, xiraba arredor do conflito entre os arcebispados de Braga e de Santiago por asuntos de poder e mais o roubo de varias reliquias, este segundo continúa a ter isto como motor principal pero, titulándose Cruzada, algo terá que ver o argumento coa terceira cruzada, a enésima tentativa dos reis europeos por reconquistar Terra Santa das mans de Saladino.

Aleida II. Cruzada

Desta volta o protagonismo, mesmo sen discutir o rol fundamental da nosa moza heroína, recae nun grupo a quen se lle confía unha difícil e delicada misión formado por varios dos personaxes que coñecimos na aventura anterior (a propia Aleida, León —o seu pai—, Casto e Lucas —bos amigos da rapaza— e Telmo, capitán da garda santiaguesa) xunto cun novo secundario, Crispo, que aporta un certo aquel cómico e a quen o autor inclúe con bo criterio.

Iso si, a acción non se vai limitar tan só á nosa cidade, senón que a importante encarga que deben levar a cabo vai guiar os seus pasos ata Navarra e posteriormente ata Mesina, en Sicilia. Deste xeito van coñecer a persoeiros da realeza medieval como Sancho VI, a súa filla Berenguela ou ao mesmísimo Ricardo Corazón de León.

Aleida II. Cruzada

Atopamos, pois, a unha Aleida máis crecida, igualmente inqueda e intrépida e que, ademais dun enorme espírito aventureiro, amosa unhas grandes dote de liderado. Aprezamos tamén unha agradecida e notable melloría no traballo de Víctor, cunha maior fluidez no desenvolvemento da acción e un debuxo con fondos máis traballados e, especialmente, unha gran progresión no tratamento da cor. Dámoslle a noraboa por isto e agradecémoslle enormemente a súa achega a un dos eidos nos cales a banda deseñada galega está máis feble, o das obras dirixidas cara aos lectores e lectoras entre oito e catorce anos.

Aproveitamos tamén para vos comentar que, cos protocolos axeitados para a situación que estamos a vivir, o vindeiro venres 25 de setembro, a partires das 18:00 horas, teremos a Víctor Boullón en Komic Librería para asinar exemplares desta nova aventura de Aleida: agardámosvos!


Aleida II. Cruzada

Aleida II. Cruzada
Víctor Boullón

Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1