NIMUE, de Aldara Prado (Norma): a Dona do Lago coma nunca a miraras.

alt


En máis dunha ocasión temos comentado o moito que agradecemos e valoramos a valentía e a inquedanza das artistas á hora de crear e levar adiante os seus proxectos, así que estamos de noraboa, xa que esta afouteza e coraxe son notables na obra sobre a que vos imos falar hoxe, un álbum que supón o debut na banda deseñada da historietista, ilustradora e tatuadora coruñesa Aldara Prado e no cal esta creadora atrévese a revisitar a mitoloxía artúrica ofrecéndonos un relato fantástico moi ben artellado e fermosamente ilustrado.  E debemos dicir, tras ler as súas máis de cen páxinas, que sae moi ben parada do seu atrevemento.

A materia de Bretaña, o conxunto de textos escritos arredor dos mitos fundacionais célticos, o  lendario nacemento das illas británicas e as andainas do Rei Artur e os Cabaleiros da Táboa Redonda, é unha tradición fundamental en varias culturas atlánticas europeas, como a francesa ou a anglosaxona, e que conta tamén cun forte arraigamento e influencia na literatura galega case dende a súa orixe.  Con presenza en numerosas cantigas do século XIII, de diversa autoría e mesmo anónimas, o seu ronsel chega ata os nosos días, con sorprendentes e moi recomendables achegamentos a cargo de escritores como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, X.L. Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, unha xeira de nomes na cal podemos engadir agora o de Aldara.

alt

E engadilo con letras ben grandes, xa que a súa ollada resulta anovadora e intelixente, achegándonos a proposta de revisitar a historia dun dos personaxes máis importantes e ao mesmo tempo máis descoñecidos do extenso elenco que vagan por estas lendas: a da Dona do Lago, a gardiá de Excalibur, aquela que lle entrega a poderosa espada ao futuro rei e tamén quen acompaña a Artur ferido cara Ávalon, o reino do cal é rexidora.  Un rol fundamental tratado de xeitos moi distintos dependendo da versión que leamos ou escoitemos e que Aldara, noutro dos seus acertos, reformula dunha maneira moi persoal e cunha perspectiva feminina e contemporánea.

Constrúe así un relato que vai xirar arredor de procurarnos a nós mesmas, de coñecer os nosos pasados, saber de onde vimos para saber cara onde ir, pois estes son os propósitos de Anna, unha nena de cabelos de prata que aparece misteriosamente nun lago e que vai ser adoptada por unha familia golpeada pola traxedia. Porque os mitos son así, lendas que empregamos para explicar ou buscar respostas a preguntas da nosa vida real.  A través da procura desta moza imos descubrir vellas historias e outros mundos, na viaxe iniciática dun personaxe fortemente construído que parte na busca de si mesma nunha narración moi ben tramada que dosifica con precisión a emoción e a intriga. Para isto Aldara Prado emprega as ferramentas axeitadas: fondo coñecemento da tradición literaria que visita, a necesidade –palpable- de contarnos a súa versión e a capacidade de transmitila con claridade.  

alt

Todo isto vai ser transladado ás imaxes cun debuxo fermoso e un cromatismo excepcional, que reproduce á perfección as bretemosas paisaxes, as fragas e animais, o mundo que se agocha baixo a auga…Sobresae tamén a coidada construción da páxina, que atopa –especialmente nos seus intres máis oníricos- resultados simplemente abraiantes.

alt

Estamos, xa que logo, ante unha moi recomendable carta de presentación, a primeira obra dunha autora que promete moitísimo e a quen seguiremos atentamente.

Para comezar comentámosvos que este vindeiro venres 8 de outubro contaremos coa súa presenza en Komic Librería, a partires das 17:30 horas, para asinar exemplares de Nimue, este álbum que máis tarde, dende as 19:00, presentaremos no Centro Sociocultural do Ensanche.  Agardámosvos!!!


alt