2016, un ano agridoce para a banda deseñada galega

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016


Nestas últimas semanas revisitamos o ano 2016, falándovos das nosas elixidas en canto a obras de procedencia estranxeira, títulos de autoría española e álbumes dirixidos ao público infantil e xuvenil. Concluímos este repaso analizando a situación da banda deseñada galega, para a cal, tristemente, o ano pasado non foi precisamente para botar foguetes, pero, ao mesmo tempo, estivo cheo de boas novas.

Explicámonos: se ben a produción editorial de banda deseñada na nosa lingua viviu en 2016 un dos seus peores momentos na última década, o número de autoras e autores autóctonos e de obras interesantes non deixou de medrar, confirmando cada día máis a artistas consagrados e descubríndonos novos nomes a seguir.

Como xa comentamos en máis dunha ocasión, o grandísimo momento que estamos a vivir respecto á calidade dos nosos historietistas non atopa a complicidade e o apoio institucional nin das grandes editoras tradicionais na nosa lingua, e só o voluntarismo e o esforzo de editores máis modestos, especialmente Demo Editorial, dalgunhas librarías (El Sindicato del Cómic, Alita ou Komic Librería son bos exemplos disto) ou dos propios autores fai que se editen títulos en galego.


OBRAS EN GALEGO

Deste xeito durante o 2016 apareceron as seguintes obras, a maioría das cales están xa comentadas na nosa páxina:


Presas Fáciles

Presas fáciles
Miguelanxo Prado
El Patito

O prestixioso artista coruñés presentou en maio o seu último e moi agardado traballo, un intenso thriller relacionado coa estafa bancaria das preferentes no que mestura o xénero policial coa crítica social.

Ler reseña »


Aleida, cidade sen alma

Aleida, cidade sen alma
Víctor Boullón
Demo Editorial / Komic Librería

Unha atractiva historia de aventura e intriga ambientada na Compostela do século XII, protagonizada por unha intrépida rapaza e con trasfondo histórico que se convertiu, con todo merecemento, nunha das obras xuvenís de maior éxito no pasado ano.

Ler reseña »


Marcopola 4: Avoa Power

Marcopola #4: Avoa power
Jacobo Fernández Serrano
Xerais

A marabillosa banda deseñada que nos conta as aventuras dunha illa remeira chega á súa cuarta entrega, para felicidade dos lectores e lectoras máis cativas. Unha historia chea de imaxinación e fantasía perfecta para iniciarse no mundo da banda deseñada.


A Tumba do Terror

A Tumba do Terror
Juan Carlos Abraldes
Autoeditado

O autor recolle nesta revista con arrecendo a épocas pasadas cinco relatos de terror ilustrados por el e publicados orixinariamente nos Estados Unidos, nunha homenaxe agradecida a cabeceiras como Creepy ou Eerie.

Ler reseña »


Manual de escola

Manual de escola
Xosé Tomás
ASPG

O ilustrador e docente Xosé Tomás presenta neste libro unha colección de ilustracións e tiras gráficas sobre o ensino tratado con moito humor e unha certa crítica, nunha obra que fará sorrir a profesoras e profesores, pero tamén ao alumnado.


Aram o armenio

Aram o armenio
Abel Alves / Majox / Lara Lee
Demo Editorial

Mesturando xénero de aventuras coa lembranza histórica este guionista galego fala do xenocidio armenio, un triste episodio de comezos do século XX no cal o Imperio Otomano perseguiu e asasinou a unha gran parte da poboación armenia.

Ler reseña »


Desconhecido

Desconhecido
Berlai
Axóuxere

Un libro-disco ou un disco-libro onde a música, a poesía, a narrativa e a ilustración se xuntan nun evocador relato con banda sonora. Unha poética reflexión sobre o amor imposible e a liberdade.

Ler reseña »


Verne imaxinado

Verne imaxinado
VV.AA.
O Garaxe Hermético

A escola profesional de bd e ilustración que dende hai anos opera en Pontevedra presenta o seu xa tradicional álbum compilatorio anual no que recolle o traballo dos seus alumnos, este ano centrado na figura de Xulio Verne.


Curuxa, a voz de Azazel

Curuxa, a voz de Azazel
Fonso Barreiro
Retranca

Tamén procedente do Garaxe Hermético chega este autor cun divertido relato orientado cara os máis pequechos e protagonizado por unha bruxiña nun mundo máxico.


Infinito-1

∞ - 1
Xulia Pisón
Alita

Esta prometedora artista, que xa nos cativara co seu divertido fanzine McCactus, ofrécenos un cambio de rexistro e amosa a súa versatilidade nesta escolma de varios relatos curtos.


Así pois, agás estes variados e interesantes títulos e algún que outro detalle (como que se volvan editar, paseniñamente, en galego os álbumes de Astérix tras anos sen estar dispoñibles e con novas traducións, ou que Através reedite todo un bestseller na historia da bd galega: História da lingua en banda desenhada), o panorama editorial comiqueiro en galego durante o ano 2016 resultounos escaso de máis e agardamos que mellore neste 2017.

História da lingua en banda desenhada

Non obstante isto non quere dicir, nin moito menos, que a historieta galega estea a pasar un mal momento, de feito semella non haber fondo na canteira de novos artistas.


OBRAS DE AUTORES GALEGOS

Deste xeito congratulámonos do éxito acadado, mesmo alén das nosas fronteiras, por autores consagrados como David Rubín (coa publicación de títulos feitos para o mercado estadounidense como La Ficción ou Ether, ademais do tremendo éxito que por terras norteamericanas está a ter Beowulf e a saída, case a finais de ano, do espectacular Gran Hotel Abismo) ou Emma Ríos (outra historietista que é tamén toda unha realidade no cómic americano, con obras como  I.D., Mirror o Pretty Deadly -Bella Muerte-).

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016

E tamén cos traballos de autores menos experimentados que, con esforzo e talento, van atopando o seu lugar no mundo da bd, como Xulia Vicente (que, a catro mans con Núria Tamarit, presentou Duerme pueblo), Los Bravú (Mujer) ou Iván Sende (El secreto del salmo 46).

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016

Outros títulos imprescindibles serían Corre, mono, corre, unha obra sobre o exitoso grupo musical infantil Furious Monkey House que nos chegou da man de Santiago Paredes e Rodrigo Cota, e, por suposto, a agardada versión definitiva de todo un clásico da bd galega dos noventa como é Impresiones de la isla, de Fernando Iglesias e Carlos Portela.

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016

Salientamos igualmente o importante papel de Fosfatina, a editora viguesa que segue a sorprendernos e a apostar por unha bd máis experimental.

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016

Ademais dos títulos monográficos que edita periódicamente, deixounos coa boca aberta coas dúas antoloxías que publicou o pasado ano: Hoodoo Voodoo, unha fermosa escolma de 21 autores coidadosamente editada, e Teen Wolf, onde diversos artistas retoman o tema do lobishome adolescente que interpretou no cine Michael J. Fox aló polos anos oitenta.


AUTOEDICIÓN E EXPO

Cómpre falar tamén do excelente momento que está a vivir a autoedición (ou os formatos de edición máis humildes e persoais), con eventos específicos como o Autobán (A Coruña), o FunFunFun! (Santiago de Compostela) ou o Salir del Ghetto (Vigo), lugares perfectos para coñecer de primeira man as marabillas que nos achegan artistas que dan e darán moito que falar. Tantos que sería imposible recollelos todos neste artigo, pero entre os cales destacamos a Debelius (Gresca), Roberta Vázquez (Desubicado), Brais Rodríguez (La chica con el sol en la cabeza), Miguel Robledo (Binomios fantásticos), Alejandro Gaudino (Llegaron los mosquitos), Dani Xove (5 tracks), Inés Casarejos (ABC of Non-sense) ou o delirante Los Conguitos, ideado e coordinado por Camila Vieitez.

Komic Librería: selección de cómics galegos 2016

E xa para rematar, non podiamos rematar este breve paseo polas viñetas galegas de 2016 sen falar de BDG70, A revolta do cómic galego, a exposición que o entusiasmo do estudoso Xulio Carballo, coa colaboración inestimable de Demo Editorial, organizou na Coruña sobre os pioneiros da banda deseñada galega.

Agardamos que este percorrido polo que deu de si o pasado ano vos resultara interesante, e pedímosovos desculpas de antemán se esquecemos nomear algunha obra ou autor que consideredes salientable.