Top 10 de Komic Librería: selección de cómics infantís e xuvenís editados en 2016
Comezamos o noso particular e persoal repaso ás bandas deseñadas máis salientables editadas en 2016 cos títulos dirixidos cara o público xuvenil e infantil, entre os que hai non poucas marabillas...
10
El Rey Escualo
R. Kikuo Johnson
Fulgencio Pimentel e Hijos
Nesta fermosísima edición a editora rioxana achéganos un conto tradicional de Hawai ilustrado cun trazo e unhas cores exquisitas, e moi recomendable para lectores de todas as idades.
09
Súper Agente 327
Martin Lodewijk
Dolmen
Dentro da extraordinaria tarefa que está a facer Dolmen Editorial recuperando títulos clásicos da historieta xuvenil europea chégalle o turno a este afouto espía holandés capaz das maiores fazañas.
08
Súper Patata #5
Artur Laperla
Bang / Mamut
O mutante máis popular dos últimos tempos regresa cunha nova e emocionante aventura, onde este tubérculo superpoderoso deberá enfrontarse a un temible robot para salvar á prestixiosa científica Clementina Mandarina.
07
Solos #4
Vehlman / Gazzotti
Dibbuks
Un novo álbum integral desta emocionante serie chea de tensión argumental que ten enganchadísim@s a moit@s komiqueir@s. Imos coñecendo máis datos relevantes sobre o grupo de rapazas e rapaces que tentan sobrevivir nun mundo do que desapareceron todos os adultos, pero, ao tempo que atopamos respostas a cuestións anteriores, aparecen novas preguntas nesta tremenda saga.
06
Pequeño Vampir
Joann Sfar
Fulgencio Pimentel e Hijos
Este estupendo libro recolle os sete volumes das aventuras de Vampir, un dos personaxes máis atractivos creados polo prolífico e polifacético Joann Sfar, cando era neno. Con moita imaxinación e un aquel poético e onírico o autor francés emociona por igual a pequenos e maiores.
05
El hombre que mató a Lucky Luke
Mathieu Bonhome
Kraken
Bonhome, un autor a seguir dentro da bd franco-belga contemporánea, realiza unha marabillosa homenaxe ao popular cowboy creado por Morris neste álbum que contén unha aventura autoconclusiva moi ben construída e cun debuxo excelente. Unha obra imperdible para todos aqueles que sexades fans do pistoleiro máis rápido cá súa sombra.
04
Marcopola #4
Jacobo Fernández Serrano
Xerais
Sen dúbida a obra máis agardada polos primeiros lectores, a cuarta entrega das andainas de Marcopola, a illa remeira, onde coñeceremos á avoa do seu amigo Libro, unha muller fascinante dotada de poderes máxicos, e xuntos tratarán de deter os continuos roubos de Blake o Tigre.
03
Philemon
Fred
ECC
Unha auténtica xoia da bd francesa por fin publicada en castelán en tomos integrais (dous, polo de agora) nos que podemos aprezar a enorme e fantástica imaxinación do seu autor ao contarnos ás surrealistas aventuras dun rapaz e o seu asno Anatole. Con razón levaba Álvaro Pons anos e anos reclamando unha boa edición para este personaxe.
02
Aleida, cidade sen alma
Víctor Boullón
Demo Editorial / Komic Librería
Na Compostela do século XII unha intrépida rapaza investiga unha estraña morte acontecida na catedral. Todas as pistas levan ata un lobishome, pero Aleida sospeita que hai algo máis agochado tras este asasinato. Un relato en galego de intriga e aventura con trasfondo histórico e un espectacular debuxo da man dun autor debutante que vai dar moito que falar.
01
Leñadoras
Stevenson / Ellis / Watters / Allen / Laiho
Sapristi
Acción a mancheas, amizade a tope, fenómenos paranormais, humor delirante e criaturas sobrenaturais son algúns dos ingredientes que as cinco mozas protagonistas desta obra atopan no campamento no que están a pasar unha tempada. Cun ritmo e un debuxo altamente dinámicos chega o primeiro arco narrativo desta exitosa serie estadounidense.