Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en febreiro de 2016

Top 10 de Komic Librería


Como é habitual aquí estamos, outro mes máis, para presentarvos os dez títulos que máis nos gustaron de todos os que chegaron a Komic Librería durante febreiro.


10

La resistencia

La resistencia
VV.AA.
Dibbuks

Grazas ao voluntarismo e fe de Juanjo el Rápido e de Ricardo Esteban chega esta enésima tentativa de realizar unha revista de banda deseñada. Nomes tan salientables do tebeo nacional como Manel Cráneo, Miguel Ángel Martín, Fermín Solís ou Juan Berrio reúnense nesta publicación da que xa vos falamos na nosa páxina.


09

Acero y Sangre

Acero y Sangre
Benjamin Marra
Autsaider

Tralo éxito de Sangre americana e de C.A.U. El azote del terror chega outra mostra do excesivo, imaxinativo e violento estilo de Marra. Unha historia sobre os irmáns Gearson, un mestre da espada e un experto no emprego do láser, que conforman o mellor dúo de exterminadores de demos cósmicos de toda a galaxia.


08

Bim Bom, historias de lucha

Bim Bom, historias de lucha
Arturo Infante / Renier Quer
Diábolo

Unha rareza, por procedencia e por temática. A primeira novela gráfica que nos chega dende Cuba presenta tres relatos distintos coa temática común da prostitución homosexual masculina na Habana. Ao igual que na escrita o seu debuxo emprega un estilo realista que encaixa á perfección co narrado.


07

Robert Moses, el maestro olvidado de Nueva York

Robert Moses, el maestro olvidado de Nueva York
Pierre Christin / Olivie Balez
Norma

Outra mostra de biografía gráfica, neste caso centrada na figura de Robert Moses, o urbanista que deseñou moitas das infraestruturas da cidade de Nova York entre os anos 20 e 70. Unha aproximación documentada e crítica á vida deste persoeiro fundamental para entender a icónica cidade norteamericana, acompañada da ilustración clásica de Balez, que lle acae como unha luva.


06

Tomoji

Tomoji
Jiro Taniguchi
Ponent Mon

Achégase Taniguchi ao xénero biográfico dunha maneira pausada, elegante e pouco habitual. Recibiu a encarga dun templo budista da rexión de Tokyo, que lle solicitaba plasmar a vida da súa creadora, Tomoji Uchida, e o noso aprezado mangaka optou por retratar a súa nenez e mocidade neste álbum costumista.


05

Descender #1

Descender #1
Jeff Lemire / Dustin Nguyen
Astiberri

Outro exemplo do bo momento que está a vivir a ciencia-ficción na actualidade, outra serie a seguir que comeza cun plantexamento moi atractivo, da man do canadense Jeff Lemire, que trata a relación entre homes e máquinas nun futuro ilustrado co estilo pictórico de Dustin Nguyen.


04

Escapo

Escapo
Paul Pope
Norma

Case vinte anos despois da súa publicación recibimos a primeira obra do inconfundible Paul Pope, un relato de escapismo que reflexiona sobre o amor e a mortalidade e no que sobresae o espectacular debuxo, que agradece a boa edición que presenta Norma Editorial.


03

La república de la lucha

La república de la lucha
Nicolas de Crécy
Ponent Mon

O inclasificable artista francés, unha das nosas debilidades, espreme o seu surrealismo e o seu magnífico debuxo con esta serie, recollida aquí de xeito íntegro, que foi unha encarga dunha editora xaponesa. Un relato fantasioso protagonizado por un coitadiño vendedor de pianos que, sen querelo, se vai enfrontar á organización mafiosa e de loitadores de pressing catch que lidera o seu sobriño Enzo.


02

Gavrilo Princip, el hombre que cambió el siglo

Gavrilo Princip, el hombre que cambió el siglo
Henrik Rehr
Ponent Mon

Un coidado exemplo da bd histórica e biográfica que focaliza a súa atención na figura de Princip, o mozo bosnio que, ao asasinar en Saraxevo no 1914 ao príncipe Francisco Fernando, herdeiro do Imperio Austro-húngaro, provocou o inicio da Primeira Guerra Mundial, e moitas outra cousas. Un libro interesante e moi documentado sobre o propio magnicidio pero tamén sobre os motivos que levaron ao protagonista a facer isto.


01

Paciencia
Daniel Clowes
Fulgencio Pimentel

Paciencia

A última obra dun autor fundamental dentro do cómic underground estadounidense, un excelente thriller con grandes doses de amor e de ciencia-ficción que comentamos máis a fondo hai uns días.