Cómics recomendados para celebrar o Día do Libro 2021

Oleg


Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, unha data especialmente sinalada e querida para aquelas persoas que amamos estes pequenos e máxicos artefactos cheos de historias, soños e coñecemento. Un día que festexaremos cunha ledicia, se cadra, maior do habitual por non ter podido facelo o ano pasado.

Queremos aproveitar tamén esta data para vos agradecer a todos vós, komiqueiros e komiqueiras, o voso apoio, confianza e fidelidade. Cómpre dicir que é algo que sempre temos en conta, pero do que fomos aínda máis conscientes nestes últimos meses. Graciñas.

Lembrámosvos así mesmo que durante toda a xornada de hoxe os libros terán un 10% de desconto sobre o seu prezo. Para que poidades aproveitar isto do mellor xeito deixámosvos tamén dez recomendacións publicadas nestes primeiros meses de 2021, unha selección variada e diversa tanto para o público adulto como para o infantil e xuvenil:

RECOMENDACIÓNS PARA PÚBLICO ADULTO

Revolución. 1-Libertad

Revolución. 1-Libertad
Grouazel / Locard
Planeta

Poucas veces unha obra nos impresionara tanto como o fixo este fresco histórico realizado a catro mans e ambientado, obviamente, na Revolución Francesa. Imprescindible.


Oleg

Oleg
Frederik Peeters
Astiberri

Nesta nova obra o autor suízo, un dos nosos preferidos, invéntase un alter ego que aproveita para reflexionar sobre o seu oficio de historietista, a vida e as grandes mudanzas sociais dos últimos anos. Coma sempre, unha delicia.


Grandes espacios

Grandes espacios
Catherine Meurisse
Impedimenta

Con moitísimo humor esta artista (que xa nos conquistara con La comedia literaria) amósanos a súa nenez e mocidade no rural onde impera, ao igual que na arte ou na literatura que vai coñecendo aos poucos, unha agradable sensación de liberdade.


A froita do coñecemento

A froita do coñecemento
Liv Strömqvist
Catroventos

Recibimos con emoción a tradución ao galego deste ensaio en formato gráfico, interesantísimo e necesario, sobre a historia da sexualidade feminina. Unha obra extensamente documentada, moi ben plantexada e que posúe un tremendo espírito crítico acompañado dun sutil humor.


Muhammad Ali. Kinsasa 1974

Muhammad Ali. Kinsasa 1974
Abbas / JD Morvan / Rafael Ortiz
Diábolo

Outra obra editada en colaboración coa mítica axencia de fotografía Magnum, neste caso centrada en Abbas, o reporteiro que cubriu e tirou as imaxes máis relevantes do histórico combate de 1974 entre Muhammad Ali e George Foreman no Congo.

RECOMENDACIÓNS PARA PÚBLICO INFANTIL E XUVENIL

Raowl. La bella y el feo

Raowl. La bella y el feo
Tebo
NuevoNueve

Unha divertidísima revisión das historias de fantasía, espada e bruxería, protagonizada por un afouto (e peludo) guerreiro.



Microalgas. O mar de Ardora

Microalgas. O mar de Ardora
Xulia Pisón
Universidade da Coruña

A segunda entrega desta obra didáctica na cal, a través das aventuras dun grupo de mozas e mozos, aprendemos sobre as características das distintas familias de microalgas.


Tekis

Tekis
Gómez
NubeOcho

As fascinantes peripecias de tres nenas inventoras e as marabillas que lles acontecen cando deciden deseñar un medio de transporte cara outros planetas.


Superman contra el Klan

Superman contra el Klan
Gene Luen Yang / Gurihiru
Hidra

Co protagonismo do Home de Aceiro os autores plantexan unha obra chea de humanidade e valores positivos onde o famoso superheroe loita contra o racismo.


Snapdragon

Snapdragon
Kat Leyh
Astronave

Un magnífico relato protagonizado por unha adolescente no cal se mesturan maxia e realismo dun xeito máis que sorprendente.