Recomendacións para os Reis Magos: os nosos cómics españois preferidos de 2020

Komic Librería: cómics recomendados


Tras lembrar as obras galegas e as internacionais que máis nos gustaron neste 2020 hoxe tócalle o turno aos títulos de autoría española. Pregunta por eles o Rei Mago Gaspar, xa que o seu compañeiro Baltasar solicitounos información sobre as bandas deseñadas máis gorentosas para o público infantil e xuvenil —información que compartiremos proximamente convosco— e a terceira maxestade, Melchor, que adoita preguntar polas últimas novidades en merchandising, decidiu que este ano ía centrar os seus agasallos en recipientes para gardar a mirra, que está seguro que vai volver ser algo de uso maioritario —o mesmo pensou dos vídeos Betamax e do Láser Disc, non imos ser nós quen lle levemos a contraria...—. Así que aquí vos deixamos coa nosa resposta para Gaspar:


Estimado Rei Mago Gaspar:

Coma sempre agradecemos a súa inquedanza sobre as novidades máis salientables para poder facer os mellores agasallos. A verdade é que moito nos gusta cando resulta tan difícil seleccionar unha decena de obras entre todo o publicado, e neste ano que está a piques de rematar, malia os atrancos de todo tipo que provocou a pandemia, apareceron unha chea de títulos interesantes e, sobre todo, moi diversos.

Dende adaptacións literarias, como o excelente traballo de Toni Fejzula trasladando ás viñetas a exitosa novela Patria de Fernando Aramburu, ata olladas cara outra realidades, tanto actuais (Ofensiva final, de Miguel Ángel Giner e Susanna Martín ou Transparentes, historias del exilio colombiano de Javier de Isusi) como pasadas (De Trastévere al paraíso, de Felipe Hernández Cava e Antonia Santolaya), pasando por auténticas xoias humorísticas da altura de El murciélago sale a por birras, onde Álvaro Ortiz mestura os estereotipos do confinamento co mundo de certo Cabaleiro Escuro, ou novas entregas de series tan impactantes como ¡García! en Catalunya, de Santiago García e Luís Bustos.

E, finalmente, as dez obras que máis nos chamaron a atención neste último ano:


Siempre tendremos 20 años

Siempre tendremos 20 años
Jaime Martín
Norma

Tras contar a historia dos seus pais e a dos seus avós, Jaime Martín atrévese coa súa propia neste agradecidísimo álbum. O retrato dunha xeración e dunha época, os anos da transición, feito con honestidade a través da mirada dun mozo nun barrio obreiro nos arrabaldos de Barcelona. Unha obra que nos tocou por dentro e da que vos falamos aquí.


La cólera

La cólera
Santiago García / Javier Olivares
Astiberri

Anos despois de fascinarnos con Las meninas, estes dous nomes fundamentais da viñeta española regresan cunha sorprendente reflexión arredor da carraxe de Aquiles, revisitando o relato homérico cun emprego magnífico dos recursos expresivos da novena arte.


Matadero cinco

Matadero cinco
Albert Monteys / Ryan North
Astiberri

Coa boca aberta nos deixou esta adaptación da famosa novela satírica de Kurt Vonnegut que mestura xénero bélico, existencialismo e ciencia-ficción, e que Albert Monteys e Ryan North converten nunha fascinante viaxe, respectando todo o seu humor negro e a súa potente mensaxe antibelicista.


Django, mano de fuego

Django, mano de fuego
Salva Rubio / Ricard Efa
Norma

O historiador e guionista Salva Rubio é xa toda unha referencia no xénero biográfico e, tras El fotógrafo de Mauthausen, Monet ou Miles en Paris presenta, acompañado do gran traballo gráfico de Ricard Efa, os primeiros anos dunha auténtica lenda do jazz e da música do século XX: o guitarrista Django Reinhardt.


Primavera para Madrid

Primavera para Madrid
Magius
Autsáider

Un retrato mordaz, esperpéntico e bastante exacto da corrupción do poder. Unha obra necesaria e crítica onde a realidade supera a ficción e o seu autor plantexa unha radiografía centrada na podredume da política na comunidade madrileña disfrazada de parodia.


Llamarada

Llamarada
Jorge González
ECC

Nesta auténtica delicia gráfica o autor arxentino afincado en España fala de catro xeracións de homes da súa familia, do seu avó aos seus fillos, pasando polo seu pai e por el mesmo, nun relato íntimo e persoal que trata das relacións paterno-filiais e onde o fútbol serve como nexo de unión (ou desunión) dos seus protagonistas.


Regreso al Edén

Regreso al Edén
Paco Roca
Astiberri

Co seu recoñecible estilo, o autor valenciano volve afondar no pasado tratando de reconstruír o que agocha unha foto familiar dos anos corenta.



Tarde en McBurger’s

Tarde en McBurger’s
Ana Galvañ
Apa-Apa

Unha situación totalmente cotiá, como pode ser que un grupo de mozas adolescentes vaian pasar unha tarde nunha hamburguesería, desenboca nunha abraiante experiencia que desafía convencionalismos temporais e gráficos dun xeito enfeitizante.


No te vayas sin mí

No te vayas sin mí
Rosemary Valero O’Connell
Astiberri

A través de tres relatos dunha atípica ciencia-ficción esta autora hispano-estadounidense reflexiona sobre as relacións humanas, ao tempo que amosa un marabilloso talento como ilustradora.


El humano

El humano
Diego Agrimbau / Lucas Varela
La Cúpula

Co trasfondo dunha historia futurista onde a intelixencia artificial ten un peso fundamental, este dúo de autores arxentinos traza unha fascinante reflexión sobre un posible mañá para a especie humana. Un relato que nos obriga tamén a replantexarnos moitas das nosas actitudes, do que vos falamos hai meses nesta recensión.