Recomendacións para os Reis Magos: os nosos cómics infantís e xuvenís preferidos de 2020

Komic Librería: cómics recomendados


E hoxe, para rematar coa nosa particular revisión dos títulos que máis nos gustaron entre os editados neste 2020, contestaremos a petición de Baltasar que, coma sempre, anda preocupado por atopar as lecturas perfectas para os máis novos das casas, e pregunta por obras dirixidas cara o público infantil e xuvenil.

E o certo é que poderiamos recomendarlle cousas e cousas, xa que foi moito o interesante editado durante este ano, obras en galego e obras en castelán, tanto novidades como novos números de series tan celebradas na nosa librería como Súper Pataca, La caja de música, La brigada de las pesadillas ou a nova edición en galego dos álbumes de Tintín. En todo caso, e sen querer desmerecer aqueles que quedan fóra da nosa selección, aquí vos deixamos as dez recomendacións que lle facemos ao Rei Mago (coas idades a partir das cales aconsellamos a súa lectura):


Aleida II, Cruzada

Aleida II, Cruzada
Víctor Boullón
Demo Editorial / Komic Librería
+8

A segunda entrega das aventuras desta intrépida moza no Santiago do século XII, nesta ocasión forma parte dunha particular «cruzada compostelá» na procura das reliquias do Apóstolo. Aquí atoparedes máis información sobre este estupendo libro.


Tigresa contra Pesadilla

Tigresa contra Pesadilla
Emily Tetri
Astiberri
+6

Afrontar os pesadelos cando somos nenos non é tarefa doada, mesmo tendo a axuda dun pequeno monstro amigo, como é o caso desta cachorra de tigre, pero co traballo en equipo todo é posible.


Varamillas

Varamillas
Camille Jourdy
Astronave
+9

A autora de Rosalie Blum regresa con este fermoso relato no cal unha rapaciña vai vivir unha aventura fantástica ilustrada co coidado e exquisito estilo gráfico de Camille.


Carriandola, as abraiantes aventuras de Mariña

Carriandola, as abraiantes aventuras de Mariña
Aloysius / Simón Blanco
Aira
+9

Para nós foi toda unha agradecida sorpresa a chegada deste álbum, que mestura escenarios coñecidos e fantasía, moita fantasía, na viaxe dunha nena moi especial pola Vía da Prata.


Calle de los Suspiros, 109

Calle de los Suspiros, 109
Mr. Tan / Yomghi Dumont
Jaguar
+9

Neste divertidísimo libro vemos como convivir coas pantasmas que habitan na túa nova casa pode ser toda unha experiencia.


Uxío

Uxío
Martín Romero
Deputación da Coruña (Galego)
Astiberri (Castelán)
+6

Nesta obra, que gañou o premio Castelao na súa categoría infantil, acompañamos a Uxío, un meniño rebuldeiro e moi imaxinativo, nas aventuras que vive coa súa amiga Ana e a súa cadela Rosenda.


Avni

Avni
Romain Pujol / Vincent Caut
Astiberri
+7

Outra boa sorpresa a que levamos coas pequenas historias cotiás protagonizadas por Avni, un estraño animal cheo de habilidades extraordinarias que comeza o curso na súa nova escola.


Las hermanas Gremillet – 1. El sueño de Sarah

Las hermanas Gremillet – 1. El sueño de Sarah
De Gregorio / Barbucci
Astronave
+10

As tres irmás Gremillet deberán mergullarse no revirado pasado da súa familia para resolver un misterio que ten que ver coa súa nai e cos intrigantes soños que a maior delas ten cada noite.


A proba de auga

A proba de auga
Anémona de Rio
Xerais
+9

Da autora de Tam chega este relato, que foi merecente do primeiro premio de bd do Garaxe Hermético e no cal acompañamos a unha pinga de auga na súa viaxe polo interior do corpo humano.


Champignac - Enigma

Champignac - Enigma
Beka / Etien
Nuevo Nueve
+10

Nesta pequena marabilla atopamos a Pacôme, o conde de Champignac a quen coñecemos pola colección de Spirou e Fantasio, de quen é bo amigo, nunha aventura de mocidade. E é que moito antes de coñecer ao popular botóns este sabio distraído participou, durante a Segunda Guerra Mundial, no crucial proxecto da intelixencia británica para descifrar a máquina codificadora Enigma que empregaban as forzas alemás.