Recomendacións para os Reis Magos: os nosos cómics españois preferidos de 2019

Komic Librería: cómics recomendados


Proseguimos co repaso aos cómics máis salientables do ano, grazas ás peticións que nos fan para acertar plenamente cos agasallos. Tras facelo co Apalpador (cómics galegos) e con Papá Noel (cómics internacionais), neste caso respondémoslle a Baltasar, Gaspar e Melchor. Os Reis Magos solicítannos dúas seleccións: unha de obras de autores e autoras españolas, e outra de títulos dirixidos cara o público infantil e xuvenil. Comezamos pola primeira e, nos vindeiros días, compartiremos convosco a segunda. Xa que logo, aquí vos deixamos os dez cómics de autoría española que máis nos gustaron neste 2019:


Miles en París

Miles en París
Salva Rubio / Sagar
Norma

Ler recensión >

No ano 1949 un aínda prometedor Miles Davis viaxa a París como convidado dun festival de jazz. Alí coñece á bohemia parisina da época (Boris Vian, Sartre, Camus, Picasso…) e vive un intenso e breve romance con Juliette Gréco, un amor que mudará a súa vida para sempre e que Salva Rubio e Sagar recrean con agarimo, documentación e un espectacular traballo gráfico. Sagar, por certo, é o responsable tamén do debuxo en Intisar en el exilio, outro dos títulos máis recomendables destes últimos meses.


El Buscón en las Indias

El Buscón en las Indias
Ayroles / Guarnido
Norma

O debuxante Juanjo Guarnido (Blacksad) une as súas forzas coas do guionista francés Alain Ayroles para retomar as aventuras de Pablos, o pícaro creado por Francisco de Quevedo. Unha emocionante aventura que nos permite coñecer, catro séculos despois, a conclusión dun dos cumios da literatura española do Século de Ouro.


¡Socorro!¡Socorro!
Roberta Vázquez
Apa-Apa

Existencialismo urbanita contemporáneo presentado con moita retranca e protagonizado por alimentos antropomórficos. Da man dunha das nosas autoras preferidas, a compostelá Roberta Vázquez, chega esta auténtica xenialidade traxicómica que retrata algunas das grandezas e das miserias da vida contemporánea.


Carvalho. La soledad del managerCarvalho. La soledad del manager
Hernán Migoya / Bartolomé Seguí
Norma

Con gran fidelidade e moito talento Migoya e Seguí adaptan de novo unha das novelas protagonizadas polo detective galego Pepe Carvalho. Un sobrio relato negro que plasma con autenticidade a prosa de Vázquez-Montalbán, transportándonos á Barcelona de finais dos setenta e mergullándonos nunha complexa e interesante trama.


Carne de cañónCarne de cañón
Aroha Travé
La Cúpula

Sen dúbida unha das sorpresas máis agradables deste ano foi a descoberta desta autora, digna herdeira do espírito da mítica revista El Víbora, que nos sorprende coas peripecias dunha familia nun arquetípico barrio de arrabaldes. Costumismo underground con moito humor e unha sutil crítica social.


Las edades de la rataLas edades de la rata
Martín López Lam
Salamandra Graphic

Con esta obra, gañadora do XII Premio Fnac-Salamandra, o autor peruano afincado dende hai anos en España desprega un relato situado en distintos espazos e tempos, o Perú dos anos trinta e corenta, a Barcelona e a Roma da actualidade, no que trata temas como o sentimento de pertenza a unha comunidade ou o desarraigamento cun persoal e enfeitizante realismo máxico.


InframundoInframundo
Pep Brocal
Astiberri

Unha particular e sorprendente versión da Divina Comedia protagonizada por Amalia, unha moza porteira dun edificio que realizará unha abraiante odisea na que terá que viaxar ata o Inframundo. Un título magnífico e moi imaxinativo no cal o historietista catalán amosa a súa gran categoría como ilustrador.


Dos monedasDos monedas
Núria Tamarit
La Cúpula

Unha moza española viaxa coa súa nai a Senegal para colaborar nun proxecto de cooperación, a descoberta dunha cultura distinta será para ela unha experiencia máis que enriquecedora. A autora valenciana confirma o seu talento atopando o seu propio estilo nun álbum fermosísimo cheo de cor no que nos presenta a súa ollada sobre o país africano.


La Divina Comedia de Óscar WildeLa Divina Comedia de Oscar Wilde
Javier de Isasi
Astiberri

Este artista vasco, responsable de obras tan recomendables como Asylum ou He visto ballenas, achégase aquí aos últimos anos do grande escritor irlandés en París. Un retrato agridoce feito dende o agarimo e a admiración.


La balada del norte #3La balada del norte #3
Alfonso Zapico
Astiberri

A terceira entrega da serie centrada na revolución asturiana de 1934, unha ficción histórica na cal Zapico recupera un interesantísimo episodio con gran respecto e acerto.