Recomendacións de banda deseñada galega e en galego neste 2018

Komic Librería: cómic galego


Hoxe queremos compartir convosco algo extraordinario que nos aconteceu hai uns días. Estabamos Pío e Xaime en Komic Librería cando comezamos a percibir un agradable arrecendo a castañas e a lareira, a monte, a leña e a carbón. Mirámonos estrañados e, de súpeto, na nosa porta apareceu unha figura que recoñecimos ao instante...

Un home grande, moi grande, cunha barba rubia e longa, un sorriso amigable e uns ollos cálidos que espreitaban con atención os andeis da librería. Imaxinade a nosa sorpresa, e máis cando dixo con voz alta e fonda:

—Moi boas, rapaces! Que tal andades? Estades ben alimentados? —preguntou mentras comprobaba esta última cuestión tocando agarimosamente os nosos bandullos.

—Recoiro, o Apalpador! —berramos sorprendidos e algo incrédulos— Nós estamos moi ben, preparándonos para traballar arreo durante o Nadal, e que che trae a ti por aquí?

—Pois a ver, meus benqueridos libreiros, veño porque preciso as suxestións que cada ano facedes para agasallar con banda deseñada galega. Iso si, nesta ocasión decidín achegarme ata aquí no canto de facelo por correspondencia. Que vos parece?

—Estupendo, home, que xa tiñamos ganas de te coñecer en persoa. Supoñemos que quererás saber do máis salientable deste ano 2018, non si?

—Si, si, claro, teño boa conta das vosas recomendacións de anos anteriores e se falla a memoria sempre podo entrar na vosa páxina web e botarlle unha ollada para quitar boas ideas, pero quería coñecer máis polo miúdo as novidades deste ano.

—Mmmm... —dixo Pío con aire pensativo— pois, tristemente, temos que volver a falar dun número non moi grande de publicacións, coa cantidade de talento que teñen as autoras e os autores da bd galega manda truco que non haxa máis edición. Pero cousas apetecibles hai, a nós unha das obras que máis nos gustou foi O tesouro de Lucio, a biografía do anarquista navarro Lucio Urtubia…

—Lucio Urtubia? —preguntou.

—Coñécelo? —dixemos ao unísono.

—Si, home, si, é moi amigo do meu curmán Olentzero, algunha vez temos parolado comendo castañas pola súa terra.

—Vaites! Que sorpresa! —comentamos.

Komic Librería: O tesouro de Lucio

—E que máis tedes por aí? —insistiu o noso visitante.

—Pois este ano a meirande parte das obras en galego que recomendamos teñen un aquel de xénero histórico moi interesante, comezando por A Tumba de Breogán, un relato de ficción histórica coprotagonizado por Eduardo Pondal na Coruña de 1870 —apuntou Pío.

—Si, é ben certo. Outra das novidades ás que se refire Pío foi Ulf de Jakobsland, de Alberto Varela Ferreiro, onde fala da relación dos viquingos con Galicia na Alta Idade Media —proseguiu Xaime.

—Sen esquecer, claro, Tierra de lobos, o segundo tomo de La espada de San Eufrasio, que, malia estar editado en castelán, está feito por autores lugueses e conta unha historia ambientada no século XV por aquelas terras —rematou Pío.

—Pero tamén temos outras cousiñas gorentosas que recomendar, por exemplo as dúas obras estranxeiras que publicou este ano a editora canguesa Rinoceronte, que segue a traducir á nosa lingua títulos emblemáticos: Pyongyang, de Guy Delisle e Fun Home, de Alison Bechdel. E dúas obras atípicas e moi rechamantes: O puño e a letra, onde unha chea de autores e autoras ilustran poemas de Yolanda Castaño, e esa marabilla chamada Alter-nativo.

—Sen esquecer ese delicioso manga chamado Tam, obra dunha nova promesa da bd galega coñecida como Anémona de Río.

—Mimá, cousas ben interesantes! —exclamou o Apalpador.

Komic Librería: cómic galego

—Si ho, e áinda hai maís. Se o queres é que a persoa agasallada escache co riso só tes que regalarlle Mas futvol por fabor ou o oitavo volumen de O Bichero, son man de santo! —retrucamos nós.

—Sen esquecer Segunda venida, a divertida historia construída por Abel Alves, o mesmo escritor de A Tumba de Breogán —lembrou Pío.

—Ou os novos números de publicacións como a terrorífica Altar mutante na súa sétima entrega ou a nova revista A viñeta de Schrödinger, da que está a piques de saír o segundo número. E tamén novas series que comezan e que pintan moi ben, como Amair ou Legado.

Komic Librería: cómic galego

—E para os máis cativos? —volveu preguntar o noso ilustre visitante.

—Pois mira, aí temos que falar do agardado e segundo tomo das aventuras de Astro Rato e Lampadiña, titulado A chegada de Astro Polo, e as aventuras dun rebuldeiro golfiño que conta Tokio en Gol.

Komic Librería: cómic galego

—Abofé que temos bo material para agasallar con viñetas galegas —concluiu o Apalpador—. Unha cousiña máis, a edición en galego das obras de David Rubín non ía saír por estas datas?

—Ao final adiouse para o ano que vén, pero se queres pódeslle botar unha ollada a Sherlock Frankenstein, o último álbum deste fenómeno.

Komic Librería: Sherlock Frankenstein

—Tomo nota, rapaces, e vou ir marchando que teño moito que argallar para ver como organizo o de ir casa por casa. Coma sempre graciñas polas vosas recomendacións, alimentádevos ben e que teñades moi boas festas —despediuse mentras nos daba unha aperta inmensa a cada un.

E deste xeito, tal como chegou marchou.

E así volo contamos polo fantástico da historia e por se as nosas suxestións poden ser de utilidade para vós, agardamos que así sexa e, de paso, vos desexamos un feliz 2019!