Recomendado para Papá Noel: os nosos cómics internacionais preferidos de 2018

Cómics recomendados


Como vén sendo habitual nestes últimos anos hai uns días recibimos unha carta de Papá Noel pedíndonos consello para acertar o máximo posible nos agasallos deste Nadal. Este entrañable velliño residente en Laponia, afeito a viaxar por todo o planeta, preguntounos cales serían os títulos escollidos por nós de produción internacional. E a verdade é que custounos un mundo reducir o número de obras ata elixir tan só dez neste ano de boa colleita. Aquí vos deixamos as nosas escollas, deixando ben claro que, coma sempre, estas listaxes son moi relativas e nela poderían estar moitos relatos, pero, tras moito pensar, decantámonos por estes:


La edad de oro

La edad de oro
Cyril Pedrosa / Roxanne Moreil
Norma

O autor de Tres sombras, Portugal o Los equinoccios regresa acompañado de Roxanne Moreil para narrarnos unha epopeia medieval que agocha unha sutil fábula social. Un libro delicioso, cheo de aventuras e esperanza, que chama a atención poderosamente por un traballo gráfico excepcional.


Berlín

Berlín
Jason Lutes
Astiberri (3 tomos)

Coa publicación hai uns meses do seu terceiro e derradeiro volumen o estadounidense Jason Lutes remata a súa interesantísima crónica sobre o Berlín do periodo de entreguerras, concretamente entre os anos 1928 e 1933. Unha triloxía que bota luz sobre un momento crucial da historia alemá e europea, unha lectura máis que necesaria nestes tempos estraños que estamos a vivir e nos que, tristemente cada vez máis, atopamos máis dun paralelismo con aquela época. Aquí podedes ler máis polo miúdo sobre esta obra.


Un verano diabolik

Un verano diabolik
Smolderen / Aléxandre Clérisse
Norma

Un sorprendente relato no que se mesturan diversos xéneros (policial, aventuras iniciáticas, espionaxe…) cun marabilloso estilo gráfico pop que lembra á ilustación clásica dos anos 60.


Lo que más me gusta son los monstruos

Lo que más me gusta son los monstruos
Emil Ferris
Reservoir Books

Poucas veces aprezamos que unha novela gráfica tivera un impacto semellante no público e crítica. O asoballante (tanto polo seu debuxo como polo seu guión) retrato que da súa familia e veciños fai Karen, unha rapaciña de dez anos amante da ciencia-ficción, a serie B e os tebeos de monstros que se ve a si mesma como unha pequena detective licántropa.


El hombre garabateado

El hombre garabateado
Frederik Peeters / Serge Lehman
Astiberri

Outro título cheo de sorpresas e, malia o seu nome, protagonizado por unha saga de mulleres poderosas. Podedes coñecer máis sobre esta bd no artigo que sobre ela escribimos.


El jugador de ajedrez

El jugador de ajedrez
David Sala
Astiberri

A adaptación á banda deseñada da magnífica novela póstuma de Stefan Zweig, onde o autor austríaco empregou dun xeito moi sutil o xogo do xadrez para mostrar e denunciar a barbarie nazi. O francés David Sala plasma con mestría e acerto este relato cun abraiante estilo pictórico. Tamén podedes ler a recensión que sobre ela escribimos.


La Patrulla-X original

La gran novela de la Patrulla-X 01. La Patrulla-X original
Ed Piskor
Panini

Como ben di o propio autor estamos ante toda unha declaración de amor, co seu estilo persoal e recoñecible, deliberadamente vintage, Ed Piskor narra os primeiros anos da Patrulla-X, o grupo de mutantes máis importante do Universo Marvel. Unha insólita obra de superheroes chea de agarimo que fascinará aos nostálxicos ao tempo que resulta ser unha estupenda porta de entrada cara este mundo para os neófitos.


Los maestros cerveceros

Los maestros cerveceros
Jean Van Hamme / Francis Vallès
Dolmen (2 tomos)

Si, sabémolo, este título non é unha novidade, pero levabamos tantos anos sen podelo recomendar que cómpre lembrar que, ata que se esgotou a súa edición anterior foi a obra máis vendida en Komic Librería. Esta adictiva saga dunha familia cervexeira belga, dende 1850 ata finais do século XX, regresa agora nun formato de dous integrais de gran tamaño que xa vos comentamos hai uns meses.


Cuadernos japoneses #2, el vagabundo del manga

Cuadernos japoneses #2, el vagabundo del manga
Igort
Salamandra

O italiano Igort volve falar da importancia que ten na súa vida e no seu camiño existencial o seu país adoptivo, o Xapón. Unha narración intimista, fermosísima e fascinante coa cal o artista sardo realiza unha viaxe espiritual e física e onde afonda no seu achegamento cara unha cultura enfeitizante, tralo contado no seu primeiro volume.


El janitor

El janitor
Yves Sente / François Boucq
Ponent Mon

Un extraordinario relato de aventuras e intrigas conspirativas a alto nivel, a través das andainas dun intrépido axente pertencente á elite dos servizos secretos vaticanos. Unha trepidante historia de espías co mellor regusto do xénero que, outra vez máis, xa tedes comentada na nosa páxina web.