Recomendacións para Papá Noel: Top 10 de comics internacionais editados en 2017

Una hermana


Ho, ho, ho! Pois nada, proseguimos coas nosas recomendacións entre as obras editadas neste 2017, neste caso compartimos o que lle dixemos a un entrañable señor de barba branca e traxe vermello, Papá Noel, ou Santa Claus, ou Pai Natal, ou San Nicolás.  Moitos nomes para un mesmo personaxe que nos solicitou os títulos máis salientables entre as obras internacionais. Aquí tedes a nosa escolla, as dez bandas deseñadas de autoría estranxeira que máis nos gustaron en Komic Librería...


El informe de Brodeck

El informe de Brodeck
Manu Larcenet
Norma

Un dos nosos autores preferidos, creador de títulos fundamentais como Blast ou Los combates cotidianos, regresa con esta extraordinaria adaptación da novela de Phillipe Claudel. Un relato cru e duro, pero tamén conmovedor, que fala do ser humano perante a guerra e as súas circunstancias, cun tratamento gráfico maxistral e sobre a que podedes atopar máis información aquí.


Supervivientes

Supervivientes
Leo
ECC

Hai anos que o autor brasileiro e a súa cativadora saga de ciencia-ficción Los mundos de Aldebarán son recomendación obrigada na nosa librería. Agora, cando por primeira vez están dispoñibles ao mesmo tempo os tres ciclos desta colección (Aldebarán, Betelgeuse e Antares), chega Supervivientes, o primeiro tomo integral dunha serie paralela e coetánea ás aventuras de Kim Keller e os seus amigos. Novos personaxes e novas situacións co particular e imaxinativo estilo de Leo. Aquí vos falamos máis polo miúdo desta obra..


El arte de Charlie Chan Hock Chye

El arte de Charlie Chan Hock Chye
Sonny Liew
Dibbuks

Sen dúbida a gran sorpresa deste 2017 foi esta magnífica obra mestra que nos convida a pasear pola historia contemporánea de Singapur, un tema exótico e case descoñecido por estas terras que cobra especial relevancia polo xeito escollido para falarnos dela: un xenial percorrido, a modo de completo e variado catálogo, pola vida e traxectoria artística dun historietista imaxinario.


El Club del Divorcio

El Club del Divorcio
Kazuo Kamimura
ECC

Esta obra de tremenda delicadeza, realizada nos anos setenta, forma parte do manga máis realista e traza un interesante retrato da sociedade xaponesa, do papel da muller nela, e dalgunhas das súas peculiaridades e tabúes, a través do día a día dunha muller divorciada que rexenta un bar no que se entrecruzan distintas historias e personaxes.


Una hermana

Una hermana
Bastien Vivés
Diábolo

O enfant terrible da bd francesa regresa con esta auténtica marabilla na que demostra a súa madurez á vez que mostra as súas principais virtudes. Un relato persoal e aparentemente sinxelo que narra un verán iniciático na vida dun adolescente de 13 anos. O espertar sexual, o primeiro amor, as dúbidas e preguntas que isto provoca... todo contado coa sensualidade e a minimalismo típicos neste autor.


Valerosas (Tomos 1 + 2)

Valerosas (Tomos 1 + 2)
Pénélope Bagieu
Dibbuks

Trinta pequenas biografías doutras tantas mulleres que tiveron vidas extraordinarias están recollidas nestes dous volumes, nunha obra atractiva, necesaria e interesantísima que nos presenta grandes exemplos de superación e liberdade. Hai pouco falamos dela na nosa páxina.


Kobane Calling

Kobane Calling
Zerocalcare
Reservoir Books

En primeira persoa o dinámico e comprometido historietista italiano narra a situación que viven nos últimos anos nunha franxa do Kurdistán. Á persecución e opresión que o pobo kurdo leva séculos sufrindo por parte de turcos, sirios e iraquíes hai que sumarlle a aparición do Estado Islámico, nunha das zonas do planeta máis inestables politicamente. Kobane Calling cóntanos, de xeito fondo pero desenfadado, as experiencias e situacións observadas polo autor en dúas viaxes á zona realizadas nos últimos anos.


Sostiene Pereira

Sostiene Pereira
Pierre-Henry Gomont
Astiberri

A difícil tarefa de adaptar un texto literario á novena arte atopa aquí un dos seus mellores exemplos nestos últimos anos. A poderosa novela de Antonio Tabucchi, un fermoso canto á humanidade, cobra nas páxinas debuxadas estupendamente por Gomont unha nova entidade.


Los cuadernos de Esther (Tomos 1 + 2)

Los cuadernos de Esther (Tomos 1 + 2)
Riad Sattouf
Sapristi

O talentoso e prolífico autor francés (é recente aínda a publicación do terceiro volume de El árabe del futuro) volveunos abraiar coa súa capacidade de observación e o seu fino humor nestos dous álbumes nos que transforma en pequenas historias dunha páxina as vivencias dunha nena parisina na actualidade. Neste artigo atoparedes máis información sobre esta obra.


Un noruego en el Camino de Santiago

Un noruego en el Camino de Santiago
Jason
Astiberri

E para rematar non podemos obviar este título, no cal o persoal autor noruegués comparte connosco a súa experiencia como peregrino cara Compostela, unha viaxe que comentamos máis a modo na nosa páxina.