Día da música en Komic Librería

Komic Librería: Cómics + Música


@s komiqueir@s máis fieis coñecedes o moito que nos gusta a música tanto a Pío como a Xaime, así que, co gallo da Festa da Música (que se celebrou este pasado mércores 21 de xuño), non vos estrañará que conmemoremos a data cunha pequena selección de títulos de banda deseñada musicais. Así pois, aquí vos deixamos dez títulos onde a música ten unha presenza especialmente salientable.  Agardamos que vos gusten estos acordes en viñetas:

CARA A
(BIOGRAFÍAS)


01

Love in vain

Love in vain
Mezzo / J.M. Dupont
ECC

Esta auténtica marabilla, que xa comentamos hai tempo nun artigo, vainos presentar a biografía do enigmático Robert Johnson, pioneiro do blues e personaxe fascinante, cunhas elegantes e fermosas ilustracións en branco e negro.


02

Glenn Gould, una vida a contratiempo

Glenn Gould, una vida a contratiempo
Sandrine Revel
Astiberri

Con moito agarimo e delicadeza a historietista francesa plasma nas viñetas a vida dun xenio da música clásica do século pasado, un excéntrico e solitario pianista nado en Canadá que nos legou interpretacións dunha beleza sublime.


03

La Familia Carter, recuerda esta canción

La Familia Carter, recuerda esta canción
Frank M. Young / David Lasky
Impedimenta

Nos Estados Unidos de comezos do século XX, e debido á aparición da industria discográfica, agromaron numerosos artistas que pronto acadaron a sona e o recoñocemento do público.  Poucos comparables a esta familia que revolucionou a música popular norteamericana coas súas pezas country e folk, ademais de realizar un traballo enorme recollendo cancións tradicionais.


04

Billie Holiday

Billie Holiday
Muñoz / Sampayo
Salamandra Graphic

Billie Holiday, Lady Day, é unha das intérpretes máis aprezadas e intensas da historia do jazz, malia vivir unha vida realmente difícil e chea de atrancos que o mítico dúo creador de Alack Sinner recrea con orixinalidade e mestría.


05

Brassens, la libertad

Brassens, la libertad
Joann Sfar
Fulgencio Pimentel

Máis de 35 anos despois do seu pasamento a influencia do poeta e cantautor francés segue totalmente vixente.  A súa figura, inimitable e fascinante, recibe neste libro unha fermosa homenaxe a cargo de catro artigos escritos por xornalistas especializados e, sobre todo, as historietas e ilustracións de Sfar, o que todo xunto conforma unha sorte de fermosa «enciclopedia» sobre Georges Brassens.

CARA B
(DE XIRAS E OUTRA AVENTURAS)


01

Alfa, beta, Bronson

Alfa, beta, Bronson
Ramón Rodríguez / José Ramón Grela
La Cúpula

A vida de Chema está a derrubarse de xeito inevitable, e xusto nese momento recibe o convite da súa antiga banda de música para acompañalos na súa nova xira... Unha obra realista chea de referencias musicais e cinéfilas na cal os autores realizan un interesante retrato xeneracional.


02

Avery’s blues

Avery's blues
Angux / Núria Tamarit
Dibbuks

Un relato sorprendente que revisita a mítica lenda bluseira que fala do guitarrista que vende nun cruce de camiños a súa alma ao demo.  O estupendo estilo gráfico de Núria Tamarit acáelle de marabilla a esta historia sureña.


03

Heavy 1986

Heavy 1986 / Heavy, los chicos está mal
Miguel B. Núñez
Sapristi

O persoal autor madrileño viaxa no pasado neste par de libros para mostrarnos como era o ambiente heavy na súa cidade durante os anos 80, nun relato que encherá de nostalxia aos amantes do rock duro e aos que vivimos aquela época.


04

Héroes del blues, el jazz y el country

Héroes del blues, el jazz y el country
Robert Crumb
Nórdica

Malia non seren unha banda deseñada non podemos deixar pasar a oportunidade de falarvos desta xoia froito dun dos nosos artistas preferidos, Robert Crumb.  Este libro recolle as tres coleccións de postais que fixo sobre grandes pioneiros do jazz, do blues e do country. Esta obra vén acompañada, ademais, dun cd con 21 temas musicais seleccionados polo propio Crumb.


05

El rock y yo

El rock y yo
Joe Sacco
La Cúpula

Neste divertido e imaxinativo álbum o autor de obras como Gorazde ou Palestina afástase do seu habitual xornalismo en bd para contarnos as súas experiencias coa música, especialmente os dous meses que bota de xira acompañando a un grupo de rock.

HIDDEN BONUS TRACKS


Evidentemente deixamos fóra bastantes títulos musicais nesta selección, máis que nada por falta de sitio, pero antes de rematar este artigo queriámosvos recomendar, a modo destas pezas que ás veces agochan nos seus discos os artistas, dúas obras magníficas pero que actualmente levan moito tempo descatalogadas, por se acaso tedes a sorte de atopalas na vosa biblioteca ou perdidas nalgunha libraría:


01

Rebétiko

Rebétiko
David Prudhomme
Sins Entido

O rebétiko é un estilo de música popular que naceu en Grecia nos anos vinte, pero que logo foi perseguida polo rexime dictatorial de Metaxas. O autor preséntanos 24 horas na vida de varios artistas deste xénero.


02

El sueño de Meteor Slim

El sueño de Meteor Slim
Franz Duchazeau
Ponent Mon

Unha xenialidade sobre un ficticio artista de blues nos primeiros anos do século vinte, chea de cariño cara esta música.