Día do Pai III: 10 lecturas máis para proxenitores komiqueiros

Dad


En 2013 celebramos o Día do Pai publicando un artigo no que faciamos un pequeno repaso por historietas protagonizadas por figuras paternas. Completámolo un pouco máis ao ano seguinte e, hoxe, queremos incrementalo con dez novas propostas editadas desde entón...


Las guerras silenciosas

Las guerras silenciosas
Jaime Martín
Norma

O autor catalán decide contarnos o servizo militar realizado polo seu pai, coa relevancia de que foi feito en Marrocos nos anos sesenta, nun intre moi relevante da historia española recente. Falamos deste título máis polo miúdo na nosa páxina.


Dad

Dad
Nob
Dibbuks

O autor de Marieta, unha serie de grande éxito dirixida cara o público infantil e xuvenil, trata con moito humor as peripecias dun pai divorciado que ten que sacar adiante ás súas catro fillas, todas elas de distinta nai. Un divertido retrato cheo de retranca que dá visibilidade a tipos de familia menos convencionais.


La casa

La casa
Paco Roca
Astiberri

Con gran delicadeza o autor valenciano homenaxea ao seu propio pai nesta evocadora historia que xira arredor das lembranzas agochadas na segunda residencia da súa familia e sobre a que podedes atopar máis información aquí.


¿Podemos hablar de algo más agradable?

¿Podemos hablar de algo más agradable?
Roz Chast
Reservoir Books

Os derradeiros anos dos pais da autora estiveron cheos de problemas de saúde que, unidos ás súas particulares personalidades, derivaron en todo tipo de situacións estrambóticas que Roz Chast recorda con gran profundidade emotiva.


Los buenos veranos

Los buenos veranos
Zidrou / Jordi Lafebre
Norma

Nesta agarimosa serie chea de humanidade acompañamos aos Faldérault, unha familia belga, nas súas vacacións nos anos sesenta e setenta e, evidentemente, nas súas peripecias xoga un papel importante Pierre, a figura paterna que é fillo dun exiliado español e que, ademais de ser autor de banda deseñada, enche de imaxinación as viaxes familiares.


Una semana de cada dos

Una semana de cada dos
Pacco
Planeta

O autor, historietista e pai separado, ocúpase unha semana de cada dúas da súa filla Maé, e neste libro cóntanos a súa vida cotiá con tenrura e humor.



Batman e hijo

Batman e hijo
Grant Morrison / Andy Kubert
ECC

Hai máis de dez anos que o carismático guionista escocés sorprendía ao presentarnos neste relato a Damian, fillo de Talia Al Gul e do propio Bruce Wayne, que descoñecía a súa existencia. Criado e adestrado pola Liga dos Asasinos Damian queda a vivir co seu pai para se converter nun novo Robin, o que suporá todo un desafío para o Home Morcego, que terá que engadir ás súas extraordinarias habilidades físicas e mentais cualidades paternais.


Padre e hijo

Padre e hijo
Mi Tagawa
Milky Way

No Xapón do século XIX un boticario ambulante, Torakichi, terá que facerse cargo do seu fillo Shirô tras morrer a súa nai. Por mor das súas viaxes case non coñece ao pequeno, polo que os dous terán que aprender en que consiste ser pai e fillo.


El árabe del futuro

El árabe del futuro
Riad Sattouf
Salamandra

Nesta triloxía, da que falta por publicar o derradeiro tomo, Riad Sattouf narra a súa nenez durante os anos oitenta, cando viviu en Francia, Libia e Siria. A figura do seu pai, sirio de nacemento, ten un peso fundamental na historia, como podedes comprobar aquí.


La nña de sus ojos

La niña de sus ojos
Mary M. / Bryan Talbot
La Cúpula

A guionista desta obra, casada co historietista Bryan Talbot, é filla dun notable experto na obra de James Joyce, e neste libro propón unha biografía cruzada entre ela mesma e Lucia Joyce, filla do escritor irlandés, centrándose principalmente na relación das dúas nenas cos seus proxenitores.