Recomendacións para os Reis Magos: Top 10 de comics nacionais editados en 2014

Top 10 Komic Librería


Dicía a miña avoa que non hai dous sen tres así que, tras as peticións de ideas para agasallar estes días do Apalpador (BD galega) e de Papá Noel (cómic internacional), tamén chegou a Komic Librería a das súas maxestades os Reis Magos.  Como cada un ten a súa especialidade pedíronnos suxestións en distintos campos, e así Melchor preguntaba por bonecos, figuras e demais merchandising (contestámoslle o pasado venres), Baltasar necesita información sobre obras destinadas ao público infantil e xuvenil (responderémoslle este vindeiro venres 2 de xaneiro) e, por último, Gaspar quería coñecer a nosa opinión sobre os títulos que máis salientamos a nivel nacional, e aquí ten a nosa resposta...


10

Bella muerteBella muerte
Kelly Sue DeConnick / Emma Ríos / Jordie Bellaire
Astiberri

A primeira entrega deste western atípico e onírico, unha obra na que, con moita acción, se mesturan os estereotipos do oeste cos cantares de cego, as historias de samurais e a fantasía. Sorprendente, atrevida e nominada a catro premios Eisner neste 2014, entre eles o referente ao magnífico debuxo da nosa aprezada vilagarciá Emma Ríos.


09

El momento de Aurora WestEl momento de Aurora West
Paul Pope / JT Petty / David Rubín
DeBolsillo

David Rubín, un autor que comparte con Pope un trazo dinámico, unha grandísima imaxinación e un grande amor pola novena arte, encaixa á perfección no universo creado polo norteamericano e debuta no mercado USA cun traballo sobresaliente.

Leer reseña completa >


08

ToreromausToreromaus
Los Bravú
Fulgencio Pimentel

Unha auténtica viaxe lisérxica que se desenvolve ao longo dunha noite de entroido e na que o anónimo protagonista da historia, cunha actitude digna de A Esmorga, vive unha chea de situacións surrealistas (diálogos sobre a evolución das especies, conversas con estatuas ou carreiras metafísicas) tras as que se agocha unha elegante retranca mollada en viño e licor e plasmada no papel con inxenua brillantez.

Ler reseña completa >


07

El Folies BergèreEl Folies Bergère
Zidrou / Francis Porcel
Norma Editorial

Excelente e durísima narración ambientada na Primeira Guerra Mundial que retrata de xeito cru a vida nas trincheiras e expón de maneira maxistral a tolemia da guerra. Afastándose do documentalismo co que tratan o tema autores como Jacques Tardi, Zidrou emprega de novo os recursos do realismo máxico para achegarnos a historia da 17ª Compañía de Infantería do exército francés que, tratando de fuxir do horror da guerra, chaman ao seu barracón o Folies Bergère, coma o famoso cabaré parisino onde soñan con atoparse todos ao rematar a contenda.

Ler reseña completa >


06

Las oscuras manos del olvidoLas oscuras manos del olvido
Felipe Hernández Cava / Bartolomé Seguí
Norma Editorial

O argumento xira arredor de Antoine, un mafioso marsellés, extremadamente culto e solitario, que vén de saír da cadea tras cumprir trinta anos de condena, e que ao recobrar a súa liberdade céntrase en cumprir un encargo que lle fixo antes da súa entrada en prisión un empresario vasco ameazado polo entorno de ETA: no caso de que alguén rematara coa súa vida, quería que Antoine asasinara ao seu verdugo.

Ler reseña completa >


05

He visto ballenasHe visto ballenas
Javier de Isusi
Astiberri

O autor colócase, con acerto e realismo, na pel de tres persoas con traxectorias vitais moi distintas pero que non están tan lonxe o un dos outros na realidade. Sen xulgalos. E deste xeito, con moito coidado e respecto, vainos metendo de maneira sublime no interior dunha reflexión crúa e necesaria que convida a ollar con esperanza cara o futuro.

Ler reseña completa >


04

Yo, asesinoYo, asesino
Antonio Altarriba / Keko
Norma Editorial

A agardada nova bd do guionista de El arte de volar, que neste caso muda totalmente de estilo e, acompañado do certeiro traballo do veterano Keko ao debuxo, cóntanos a historia de Enrique, un profesor de Historia da Arte na Universidade do País Vasco, obsesionado co asasinato coma forma de arte.


03

Las guerras silenciosasLas guerras silenciosas
Jaime Martín
Norma Editorial

Jaime Martín vén de construir un relato sólido e moi sincero onde nos deixa ver o como e o porqué exerce a profesión de escritor e debuxante. O único que precisa un autor coma este para accionar os seus resortes creativos é atopar algo co que realmente se identifique, como textualmente explica na escena inicial do libro.

Ler reseña completa >


02

Las meninasLas meninas
Santiago García / Javier Olivares
Astiberri

Unha auténtica marabilla sobre un dos maiores xenios da pintura universal, Diego Velázquez, e a influencia que ao longo da historia tivo o seu cadro máis famoso en pintores, escritores e mesmo filósofos. Cun Javier Olivares en estado de graza, Santiago García presenta un texto sorprendente en todos os sentidos, con moita documentación e imaxinación.


01

Historias del barrio. Caminos
Gabi Beltrán / Bartolomé Seguí
Astiberri

Historias del barrio. Caminos

Gabi Beltrán bota peito outra vez e móstrase tal e como sempre foi. Dende os corenta e moitos anos que agora ten ve con claridade o que lle interesa contar, e para a nosa fortuna o que quere é contar a verdade. Os textos que preceden a cada capítulo son fondas reflexións escritas con mestría sobre as cousas que fixeron del a persoa que agora é. Non se chega a isto de calquera xeito, é necesario vivir toda unha vida para estar aí e sabelo, e fai falla ser un escritor enorme para contalo.

Ler reseña completa >