SEICA SON UNHA PENDANGA (DEMO) RETRATO PSICOLÓXICO, DO INDIVIDUO Ó GRUPO.

Carlos Barros Guerton, artista coruñés que foi un activista da movida dos fancines nos ´90, continúa dando renda solta a súa creatividade, máis como escritor que como debuxante, así como producindo unha chea de pezas de videocreacción e ata participando como actor nalgunha delas.
É toda unha agradable sorpresa a aparición dunha obra de tanto calado e debuxada de xeito tan visceral e orgánico no panorama da BD galega neste 2025. A nós gústanos o underground, se está ben feito e ambientado en Galicia aínda o imos a valorar mellor. Certo é que foi realizada hai xa máis de vinte anos e co estilo das que se facían nos tempos na que se sitúa, 1993, ou máis ben aínda na década anterior. Talvez por isto resulta tan chamativo e positivo que sexa narrativamente tan fresca.

A primeira ollada lévanos a lembrar aquelas revistas dos oitenta, sobre todo a “El Víbora” e a autores como Pons e moitos outros que se poderían adscribir ao que se denominou entón “liña chunga” en contraposición á outra corrente coa que convivía nesa época, a “liña clara”. Carlos recoñece máis influencia, seguramente polo contido e tratamento da obra, do autor italiano Guido Crepax, xa que ten claramente a intención de profundizar no carácter e no perfil psicolóxico de Lena, a súa protagonista de “Seica son unha pendanga?”. Igual que nas historias de Valentina, a persoaxe máis emblemática de Crepax, a vida de Lena, estrutúrase desde áreas do subconsciente e a opresión da súa contorna.

A obra ven construída en capítulos que se corresponden coas sesións de terapia psicolóxica ás que Lena asiste forzada pola súa nai e nas que vai narrando a súa percepción das relacións familiares desde nena así como as que mantivo con outros perxoases na súa infancia e xuventude. Así, nesas lembranzas, imos observando grupos de nenos e adultos, arquetipos de homes e mulleres que marcaron a súa vida. Son experiencias das que non consigue desprenderse.
Algúns destes episodios derivan en situacións grotescas e case sempre a relación coa sexualidade marcada polos tabús da sociedade da época como consecuencia da educación represiva mantida durante todo o século XX. O sutil bosquexo psicolóxico de Lena proxéctase dalgún xeito sobre o resto dos actores deste reparto e o retrato persoal se convirte nunha visión da sociedade da época que nos fai reflexionar sobre cantas destas actitudes e prexuízos mudaron e cantos non.
Lena segue ahí, percorrendo á cidade da Coruña de hai trinta anos, tanto a ela como á cidade seguimos a lembralas con nostalxia algúns días despois de rematar esta lectura. Outro motivo para felicitar a Carlos por este traballo e a Demo Editorial por rescatalo.


