RECOMENDACIÓNS PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025

Chega o 17 de Maio e para celebrar o Día das Letras imos a recomendar algúns dos títulos de BD editados nos primeiros meses do 2025 na nosa lingua.
Non queremos esquecer as obras de autoría galega editadas noutras linguas polo que comezaremos mencionando a moi orixinal e persoal Anzuelo de Emma Ríos (Astiberri) realizada orixinalmente en acuarela que a propia autora define como unha historieta enmarcada nos xéneros da fantasía e o terror mariño que, desde o noso punto de vista resulta ser unha desacougante metáfora naturista e pacifista, que recomendaríamos aos que buscan nestas lecturas máis as sensacións que as resolucións racionais.
Editadas orixinalmente en castelán e destinadas para o público infantil destacamos a moi agardada quinta entrega de Marcopola, Tierra adentro (Bang) de Jacobo Fernández así como Dinocarreras (Astronave) de Lucía Cid da que xa falamos aquí.

Das editadas en galego e comezando polas infantis faremos referencia ás dúas publicadas por Antela:

EREA E AS AGULLAS MÁXICAS
Sarai Lorenzo
Antela
Unha historia con libros e maxia protagonizada por unha nena que vive nunha aldea da costa co seu gato Fento. Sarai móstrase como unha autora completa ao culminar un guión ben estructurado que contén unha lenda e obxetos máxicos debuxando e coloreando con moi bo gusto.

A BUSCA DE MUNCHO
Tiago Delgado
Antela
Muncho é un gatiño ao que lle desaparece o sombreiro mentras durme, para recuperalo comeza unha búsqueda na que se irán sumando novos persoaxes que terán que estar unidos e agudizar o seu inxenio para resolver unha situación que se vai complicando ata convertirse nunha disputa territorial.

A brigada iridiscente #2 o fantasma no vestiario das rapazas
Elena Andrés
Galaxia
Xa nos gustara a primeira das aventuras deste grupo de rapaces de primaria que vivían unha truculenta xornada nas atraccións das festas da súa cidade. Agora teñen que lidiar con sucesos paranormais no seu colexio polo que esta lectura é so para os cativos máis valentes.

Sentinelas no limiar das tebras
A. Castro, O. Perozo e A. Senande
Galaxia
A continuación de Sentinelas da lúa carmesí na que sube o nivel de tensión e oscuridade con respecto á primeira entrega e na que Lara, a nosa protagonista, xunto aos seus amigos adolescentes teñen que enfrentarse directamente tanto cos malvados da súa propia vila como cos seres doutro mundo.

A pausa, diario dun confinamento
Ana Moreiras
Aira
A terceira obra da inqueda autora luguesa que nos leva nunha viaxe regresiva a aquel tempo do confinamento pola pandemia do COVID. O tema pode parecer a priori pouco apetecible pero o tratamento con un matiz persoal, e a envexable imensidade do ceo e do océano de Lira que a rodeaba, fai desta lectura un exercicio de memoria nada desprezable. Cantas ideas que pasaron eses días pola criba da nosa razón e do noso sentemento se cumpliron tal e como as pensamos daquela? O libro é outra demostración da valentía e da determinación de Ana y eses son valores que debemos de agradecer sempre.

ROSALÍA OCULTA
Paula Mayor
Galaxia
Esta obra, que foi premiada pola Deputación de Coruña co Premio Castelao de BD na edición de 2023, é a carta de presentación en Galicia para a autora coruñesa. É tamén un detallado percorrido a través da vida de Rosalía de Castro baseado nun exhaustivo traballo de documentación que sirve para estructurar un relato cronolóxico que nos leva a través dos seus lugares e as súas relacións e que dá unha axeitada idea da dimensión desta figura esencial e inmortal da literatura galega. Cabe destacar o persoal, fermoso e evocador exercicio de estilo que Paula consegue desenrolar de principio a fin e que, de maneira fantástica, nos traslada e mergulla directamente na época.

Seica son unha pendanga?
Carlos Barros Guerton
Demo
Primeira obra no mercado profesional do coruñés Carlos Barros ao que xa coñecíamos desde hai tempo polas súas aparicións en fancines como OVO e que está a ser unha sorpresa para moitos visitantes da librería nestes días.
Pouco underground se publica nestes tempos e moito menos feito e ambientado en Galicia. Unha primeira ollada ao seu interior lémbranos o estilo dos cómics que se publicaban nas revistas dos oitenta e no seu día foi chamado “liña chunga”
O certo é que está ambientada no 1993 e foi debuxada algúns anos despois. Carlos, que se recoñece máis como escritor que como debuxante, e que conta cunha chea de traballos de videocreación a súas costas a admite certa influencia de Guido Crepax. Estructurado en episodios nos que a protagonista, Lena, unha moza estudante que asiste a sesións de terapia psicolóxica vai narrando lembranzas do seu pasado e das súas relacións coa familia e as amizades. Esto resulta nuhna descarnada e peculiar disección dos ambientes e da sociedade da época que a algún dos lectores máis maduros non resultará allea.
OBRAS TRADUCIDAS
Talvez o máis sorprendente destes primeiros meses do 2025 sexa o maior número de obras traducidas ao galego:
Salvo o primeiro título, Hilda e Twig editado en galego por Sushi Books, todas estaban editadas antes e eran xa coñecidas por nós polo que deixámosvos a lista co seu correspondente editor en galego e a imaxe portada.
• Hilda e Twig resgárdanse da chuvia (Sushi books)
• Kururo e o brazalete do mestre ( Bang)
• Corpo de Cristo ( Astiberri)
• Heartstopper tomos #2 e 3 (Xerais)
• Black is Beltza #1 ( Demo)
• Guerra en Gaza( Rinoceronte)
• Gosht World de Daniel Clowes ( Rinoceronte)


