AS NOSAS OBRAS INFANTÍS E XUVENÍS PREFERIDAS DE 2024

alt


Non podemos rematar a nosa revisión do publicado durante 2024 sen vos falar dos títulos dirixidos cara o público máis novo.  Escollemos sete obras en galego e outras tantas en castelán entre a inmensa oferta editada para estes lectores e lectoras, engadindo ao final de cada descrición a idade recomendada para mergullarse nas súas páxinas.


EN GALEGO

Antes de comentar os títulos elixidos cómpre lembrar a aparición de novos números de series xa clásicas entre os máis pequechos como “Capitán Lentella” ou “Miñoca e…” e comentar tamén, ao igual que fixemos no artigo adicado á banda deseñada en galego, o moito que agradecemos e aprezamos a tradución á nosa lingua de títulos estranxeiros relevantes, como “Eu mato xigantes”, “Heartstopper” (da que falamos máis abaixo) ou “Ideáfix e os irredutibles”.   


altIDOL

Alba Chan e Ene
Xerais

Obra gañadora da quinta edición do premio da escola O Garaxe Hermético, narra a historia de dúas mozas adolescentes que deciden participar nun concurso de talento musical para se converter en estrelas da música. (IR: +12)






altA MANSIÓN MISTERIOSA

Marcos B
Demo

Autoeditado en castelán hai anos aparece agora en galego este título, unha estupenda historia de intriga e humor protagonizada por unha parella nalgún lugar da costa galega. (IR: +9)




altPEDRO E O LOBO

Inacio Vilariño e Iván Suárez
Demo

O dúo Inacio/Iván volve marabillar coa súa versión da composición clásica de Prokófiev, nun relato fermosamente ilustrado e axeitado para os máis cativos. (IR: +7)



alt

AVELAÍÑA E O CAMIÑO Á ILLA

Bea Gregores
Antela

Unha fermosísima fabula protagonizada por unha avelaíña antropomórfica que realizará unha viaxe na que aprenderá moito sobre o mundo e sobre si mesma.  Un relato sobre a aceptación de nós mesm@s e as descobertas que nos fan medrar, feito cun estilo gráfico engaiolante e agarimoso que serve como magnífica carta de presentación para esta prometedora autora.  (IR: +10)



altHEARTSTOPPER

Alice Oseman
Xerais

Unha estupenda nova a aposta de Xerais por publicar na nosa lingua esta serie, convertida en todo un fenómeno global e adaptada tamén ao audiovisual, que conta con moito agarimo e delicadeza a historia de amor entre dous mozos compañeiros de instituto. (IR: +12)




alt

BANAINAS

Fon e Pazos Miranda
Aira

Divertidísimo álbum protagonizado por unha recua de pequenos cachorros antropomórficos e as diversas trasnadas que fan no seu cole.  (IR: +8)




alt

MAIA E A TROITA PERLADA

Lucía Cid
Demo

Unha simbólica aventura coa cal debuta esta nova autora, un relato no que unha nena parte na procura dunha troita mítica para recuperar a saúde da súa avoa.  Podedes ler máis sobre ela aquí.


EN CASTELÁN:

Pois aquí tamén, alén das obras nomeadas, debemos falar da aparición de novas entregas de series como “Bárbara” ou a publicación de adaptacións de obras literarias dirixidas cara un público xuvenil, como son “El señor de las moscas”, “Rebelión en la granja” ou “Ayla, el clan del oso cavernario”.




alt

LA ESPERANZA PESE A TODO

Émile Bravo
Dibbuks

Coa publicación do seu cuarto tomo péchase esta magnífica tetraloxía coa cal Bravo afonda na orixe de Spirou, un dos personaxes máis icónicos da bd franco-belga.  Esta “traxicomedia humanista” preséntanos ao noso protagonista atravesando os difíciles anos da Segunda Guerra Mundial nunha lectura excelente recomendada para todas as idades.  (IR: +12).



alt

COSMO EN EL ESPACIO

Javi de Castro
Astiberri

Auténtica marabilla formal este relato sobre un rapaz astronauta que ten que atopar o camiño de volta ao seu planeta, coa peculiaridade de ser un álbum que se debe ler do dereito e do revés para completar a historia.  (IR: +8)



altPEPÍN Y OLIVIA

Camille Jourdy
Astronave

Unha nova obra da autora de “Rosalie Blum” sempre é unha boa nova, e máis cando se trata das historias, delicadamente debuxadas, que nos contan unha parella de irmáns describíndonos á súa familia e veciños xusto o día que celebran unha festa. (IR: +9)



alt

EL OJO DEL LOBO

Mathieu Sapin
Astiberri

Adaptación dunha fermosa novela de Daniel Pennac que narra a relación entre un neno inmigrante e un lobo pechado nun zoo. Unha emotiva historia sobre empatía, aceptar os demais ou respectar os animais.



alt

ANZU Y EL REINO DE LA OSCURIDAD

Mai K. Nguyen
Brúfalo/La Cúpula

Unha rapaza que vén de mudarse de vila coa súa familia e que non está a pasar un bo momento chega accidentalmente ao inframundo, onde vivirá unha emocionante aventura para regresar ao noso mundo.  (IR.+10)



alt

BONI VS. MONO

Jamie Smart
Destino

Cun estilo moi dinámico chegan as aventuras dun coello e dun mono algo rebuldeiros.  (IR: +7)




alt

MAGDA, COCINERA INTERGALÁCTICA

Mathilde Van Gheluwe e Nicolas Wouters
Astiberri

Primeira entrega desta nova serie que promete, e moito.  Celébrase un concurso infantil de cociña entre distintos planetas da galaxia e Magda é a seleccionada para representar ao seu.  Gastronomía, emoción, sorpresas e humor neste delicioso libro. (IR: +9)