LOCURA: ELOGIO DE LA DIFERENCIA, de José Valenzuela e Alfredo Borés (Norma)
Falamos hoxe dunha das novelas gráficas máis salientables deste 2023 en España aínda que se cadra acáelle mellor o termo “ensaio gráfico”, xa que a obra trata de ser un estudo e unha ferramenta sobre un tema que require cada vez máis atención por parte da sociedade: a saúde mental, achegando unha visión actualizada e contextualizada.
Polo notable traballo de estruturacion e documentación previa deducimos a intención dos autores deste álbum: observar e afondar nas distintas doenzas ou trastornos así como nos seus distintos enfoques terapéuticos.
O título semella unha clara referencia á obra de Erasmo de Rotterdam “Eloxio da loucura” e dende as súas primeiras páxinas atopamos máis, tanto pictóricas como literarias, que funcionan como símbolos e nos fan pensar na ambiciosa idea que tanto José Valenzuela como Alfredo Borés, guionista e debuxante respectivamente, pretenden desenvolver nunha obra densa pero moderada na súa extensión.
Un episodio de perda de control dun operario nunha empresa de transportes que está a baleirar un piso dunha anciá desaloxada é a maneira de introducirnos á forma e aos medios que a sanidade pública ten a día de hoxe para tratar unha situación deste tipo.
De súpeto vemos como os autores, dispostos a abordar a complexa tarefa de construción desta obra, son citados a través dunha carta para ser recibidos nada máis nin nada menos que por un trasunto de Virxilio. O poeta romano será o encargado de acompañalos, do mesmo xeito que na “Divina Comedia” guía a Dante no seu descenso aos infernos, a bordo dun bote (nunha clara referencia ao cuadro do pintor flamenco O Bosco “A nave dos tolos”) nun periplo de entrevistas a distintos personaxes que nos irán contando de primeira man a súas experiencias. Este Virxilio é na realidade un psiquiatra que, tal e como nos conta José Valenzuela no epílogo do libro, non aforra saliva nas súas críticas a médicos e burócratas cos que ten que interactuar no día a día do seu traballo.
Algúns dos doentes cos que nos imos atopando son os casos que nos serven de exemplo para entender os distintos trastornos ou enfermidades máis comúns do amplo abano que os autores poderían abordar, polo que supoñemos un laborioso traballo de síntese e criba que axuda a dixerir e precisar moita da información que esta obra nos achega.
O mesmo poderiamos dicir das localizacións, das persoas que aportan distintos puntos de vista sobre diagnose e tratamentos, das que falan desde organizacións e colectivos socias que traballan activamente e os problemas cos que se atopan...
Toda esta información vese complementada con cartas escritas nun caderno que o autor dirixe á súa filla para que sexan lidas cando esa nena que ainda non naceu sexa maior. Son outra aportación reflexiva e necesaria que, ao ser unha comunicación directa, persoal e familiar contrasta no ton co resto da obra.
Un ensaio gráfico riguroso que contribuirá sen dúbida a aclarar moitas cousas, aliviar e axudar a convivir con este estigma que pode que teñamos que afrontar en calquera intre das nosas vidas, ben como doentes, ben porque algún familiar ou persoa achegada o sufra. Unha obra, en definitiva, que mudará a visión que temos sobre un tema que segue a ser tabú na nosa sociedade.