ALGUNHAS NOVIDADES DIVULGATIVAS


A combinación de imaxe e texto na banda deseñada fai dela un vehículo perfecto para transmitir datos ou explicar conceptos dun xeito claro, ameno e facilmente entendible.  Esta evidencia faise cada vez máis notable e raro é o mes no que non aparezan novos ensaios en viñetas.  Aquí vos deixamos cinco exemplos  moi diversos que vos recomendamos de obras divulgativas recentemente aparecidas:

altLA INCREÍBLE HISTORIA DE LA COCINA, de Benoist Simmat y Stéphane Douay (Norma): A historia da humanidade está, en moitos máis sentidos dos que pensamos, intimamente ligada á evolución da nosa alimentación e do xeito de preparar estes alimentos.  Este título convídanos a percorrer esta evolución dende a prehistoria ata a actualidade, cunha abondosa documentación e numerosas curiosidades que fan deste libro un prato perfecto e moi aconsellable.  Apto para todo tipo de comensais.  

altSISTEMAS OCULTOS, de Dan Nott (Planeta):  Esta curiosa e enfeitizante novela gráfica desexa dar respostas a preguntas que todo o mundo se ten feito sobre como funcionan sistemas básicos para as nosas vidas, como Internet, a electricidade ou a auga corrente.  Ofrécenos unha viaxe interesantísima cara épocas pasadas e futuras, analizando o funcionamento, consecuencias e posibles futuros destes “sistemas ocultos”.

altLA MITOLOGÍA EN CÓMIC, de Sandrine Mirza y Clotka (Anaya):  Empregando un estilo sinxelo e atractivo, tanto no textual como no gráfico, este libro achéganos aos principais relatos da mitoloxía grega e romana a través de vinte e tres historias curtas que resultan ser unha introdución perfecta no mundo clásico para os primeiros lectores.

altGLOBAL, de Eoin Colfer, Andrew Donkin y Giovanni Rioganno (Alianza): Os autores de Ilegal regresan con outra interesante obra de denuncia, desta volta sobre o cambio climático global.  Para isto elixen dous protagonistas ben afastados no espazo, unha rapaza do norte do Canadá e un rapaz do Golfo de Bengala, pero que comparten situacións comprometidas provocadas por algunhas das consecuencias desta desfeita ecolóxica.  Tanto Yuki como Sami procurarán atopar as causas da destrución progresiva das súas contornas, unha busca que os levará a vivir unha chea de aventuras. 

altLOCURA, UN ELOGIO DE LA DIFERENCIA, de Jose Valenzuela y Alfredo Borés (Norma): Cunha exhaustiva documentación e un enfoque ben orixinal este título vainos mergullar na situación da saúde mental e dos seus coidados en España, un título sorprendente e necesario que trata de disipar dúbidas e medos arredor dun tema que moitas veces segue a ser tabú.