PLUS ULTRA, TRANSICIÓN AO FUTURO, de Alberto Varela Ferreiro: unha completa, agradecida e paranormal viaxe á Galicia dos setenta.
Presentámosvos hoxe a última obra
de Alberto Varela Ferreiro, un autor moi interesante que posúe un estilo
persoal e recoñecible, caracterizado por un estilo gráfico que bebe da liña
clara da bd europea e unha narrativa cunha evidente vocación histórica.
Malia a súa ampla experiencia
como deseñador gráfico e ilustrador, e ter participado no pasado en diversas
publicacións e fanzines entre as que sobresae a revista Golfiño, o nome deste artista carballés non era moi coñecido no
mundo da banda deseñada. Por este motivo
foi toda unha sorpresa para nós e boa parte das lectoras e lectores a
aparición, en 2018, de Ulf de Jakobsland, un documentado
achegamento á relación dos viquingos coa Galicia da Alta Idade Media. Un
relato, non obstante, que constituía a segunda incursión de Alberto na banda
deseñada, tras 1809-A rebelión Neria (2010).
Deseguido, en Wolfram (2020), convidounos a
revisitar outra época histórica de grande interese, a Segunda Guerra Mundial e
a relevancia que cobrou a nosa terra pola súa posición estratéxica e, sobre
todo, por mor da súa riqueza en volframio.
E hai uns meses saía do prelo o
título que hoxe nos ocupa, Plus Ultra, transición ao futuro, un
relato no que regresa de novo ao noso pasado, desta volta vainos levar ata a rebuldeira
segunda metade dos anos setenta a través dos pasos de Pepe Pardiñas, emigrante
galego en Suíza que vén de retornar á terriña xunto á súa filla Laura.
Pardiñas, no tempo que botou no
país helvético, ademais de traballar e formar unha familia, entrara en contacto
coa ufoloxía e os fenómenos paranormais.
Nunha época na que proliferaban os avistamentos de ovnis esta
circunstancia vaille servir ao autor como fío narrativo nesta evocadora colaxe,
xa que, como nas súas obras anteriores, Alberto vai amosar o seu gusto pola
historia e mesturar unha chea de acontecementos, anécdotas e personaxes para
reflectir este tempo de mudanzas e conflitos, sempre cun prisma retranqueiro e
cun fino humor que igualmente detectaramos nos álbumes precedentes.
Deste xeito podemos ver desfilar
polas súas páxinas persoeiros tanto da política como da cultura (Adolfo Suárez,
Fraga, Carrillo, Juan Carlos I, Jiménez del Oso, Luís Seoane ou Isaac Díaz
Pardo), desfeitas urbanísticas (a torre de Toralla ou o desaparecido
“scalextric” vigués) e medioambientais (os residuos nucleares na Fosa
Atlántica, o comezo das vagas de incendios forestais ou o verquido do Urquiola
na Coruña), conflitos sociais en Galicia (as mobilizacións e cargas policiais
nas Encrobas ou en Baldaio, a oposición á construción da autoestrada) e alén
das nosas fronteiras (a Marcha Verde en Marrocos) e ata acontecementos
culturais (como as estreas de Grease
ou Star Wars) ou curiosidades
históricas como o reinado dun galego entre os xíbaros. Mesmo se atreve con algunha chiscadela
retranqueira (impagable a sutil referencia ao xermolo do actual xigante
empresarial Inditex…).
Con gran tino Alberto Varela
Ferreiro vai encaixando esta morea de pezas ata acadar unha imaxe global que
literalmente nos transporta ata aqueles anos, pero que tamén nos permite viaxar
ao futuro e espreitar unha hipotética Galicia convertida en Eucaliptustán. Unha boa mostra máis dese irónico humor do
que falabamos antes.
Así pois aquí vos deixamos esta
recomendación, unha fabulosa oportunidade para viaxar ata os anos setenta e tamén
para coñecer un chisco máis a un autor que cada vez aprezamos máis e a quen
coñeceremos este vindeiro venres 28 de abril, cando presentará e asinará
exemplares deste Plus Ultra, transición ao futuro.