LA ESPADA DE SAN EUFRASIO #5, DESCANSE EN PAZ, de Manolo L. Poy, Miguel Fernández: o xermolo das Revoltas Irmandiñas en viñetas.
Hai poucos meses saía do prelo o
quinto e derradeiro volume desta interesantísima serie de ficción histórica
ambientada en terras luguesas durante os anos previos ás Revoltas Irmandiñas da
segunda metade do século XV. Unha obra
que chamou a nosa atención dende 2017, cando apareceu a súa primeira entrega, e
que con cada novo álbum facía medrar o noso interese. Agora, ao ter a posibilidade de ler o relato
enteiro de seguido, vemos confirmadas estas sensacións positivas e podemos
afirmar que estamos ante unha lectura máis que recomendable para as persoas
amantes do xénero ou simplemente interesadas na historia.
E é que son moitos os acertos que
acadan en La Espada de San Eufrasio
Miguel e Manolo, un tándem creativo que encaixa á perfección, como xa amosaran
en títulos como O fillo da furia, Os días do cometa ou A las cinco de la tarde. Desta volta baséanse nunha novela inédita do
escritor e xornalista Pepe Rey para levarnos ata a década de 1460 e
mergullarnos na complicada situación social na cal a fame e a miseria, e sobre
todo os abusos da nobreza, provocaron a maior revolta social da Europa do
século XV.
Neste contexto atopamos a Rosendo
e a súa familia, uns humildes labregos da Terra Chá que se van ver obrigados a
se enrolar nunha cuadrilla de bandoleiros tras se converter en prófugos por
defender o seu. Con estes personaxes
ficticios funcionando como motor narrativo do relato imos asistir ás loitas de
poder, enfrontamentos e conflitos entres os distintos nobres ou figuras das que
si temos constancia histórica. Estas
múltiples intrigas e tramas son desenvoltas cunha intelixente dosificación que
lle aporta á obra unha gran fluidez no ritmo narrativo e que quedan ben
pechadas e resoltas neste derradeira entrega.
Esta multiplicidade conleva,
evidentemente, un carácter coral onde, sobre todo os roles principais, son
construídos e definidos con solvencia, algo no que axuda tamén o excelente
traballo de documentación que, sen procurar un rigor histórico impecable,
aporta unha corrección que se agradece e que dá verosemellanza ao relato.
A esta acertada planificación do
guión de Manolo únese o excelente traballo de Miguel Fernández no apartado
gráfico, cunha progresión notable e unha mellora constante, especialmente no
tratamento e emprego da cor.
Xa que logo aquí vos deixamos esta recomendación, un proxecto que naceu cun aquel arriscado, xa que o xénero histórico, tan popular no mercado franco-belga, non é tan habitual na banda deseñada galega ou española, pero que acadou chegar ao seu final de xeito notable. E non só estamos diante dun entretido relato de aventuras, senón que tamén é unha estupenda oportunidade para se achegar a unha época e uns intres importantísimos na historia de Galicia.
Por último, temos o pracer de vos anunciar a visita a Komic Librería do seu ilustrador, Miguel Fernández, o vindeiro venres 10 de febreiro. A partires das 18 horas asinará exemplares dos distintos álbumes que conforman La Espada de San Eufrasio, agardámosvos!!!