ROXÍN ROXAL. A DAGA DO CONDE, de Brais Fierro e Manel Cráneo (Demo): O nacemento dun heroe de lenda.
A Ponte do Porco, que atravesa o
río Lambre e conecta os concellos de Miño e Paderne, debe o seu nome á historia
de Roxín Roxal, unha lenda medieval galega ben coñecida no norte da Coruña,
especialmente na comarca do Eume, que narra un tráxico episodio protagonizado
por un doncel ao servizo da casa dos Andrade, señores de Pontedeume. Este
relato, transmitido oralmente de xeración en xeración, foi recollido e
reformulado por literatos como Benito Vicetto, Uxío Novoneyra ou Leandro Carré
Alvarellos. Precisamente a través da
obra deste último chegou ata un noviño Manel Cráneo que ficou enfeitizado coas
andainas do intrépido escudeiro e que agora, anos despois, une forzas coas do
debutante Brais Fierro para tentar levalas á banda deseñada.
Esta adaptación ás viñetas,
porén, non tenta ser unha obra de carácter histórico nin procura unha
fidelidade absoluta e milimétrica aos feitos acontecidos. De xeito semellante a outros títulos mestura
personaxes históricos con outros ficticios respectando, iso si, os puntos
esenciais da lenda pero deixando espazo aos autores para que se permitan
algunha que outra licenza, empregadas con moito tino. Gustáronnos especialmente, nunha historia que
ten como escenario fundamental unha ponte, a aparición do xenealoxista e
historiador Vasco da Ponte e a da cantiga de amor Senhor do corpo delgado, obra de Pero da Ponte.
O resultado é un álbum altamente
recomendable, dirixido ao público xuvenil pero que tamén está a ter unha
excelente acollida entre os lectores e lectoras adultas polo interese do que se
conta, a fluidez da narración escrita por Cráneo e un debuxo amable e atractivo
polo cal debemos felicitar a Brais Fierro, que nesta a súa primeira obra amosa unha
versatilidade notable e un emprego moi axeitado da cor.
Así pois atopámonos perante un
título que acada sobradamente o seu obxectivo de recuperar esta lenda
tradicional e achegarlla ás novas xeracións e no cal podemos intuír unha
posible continuidade futura, como se A
daga do conde fose a primeira das aventuras deste doncel “lanzal de corpo,
ledo, loiro e sorrinte”.
Aproveitamos así mesmo para vos
anunciar a presenza dos autores en Komic este vindeiro venres 21 de outubro
para presentar e asinar exemplares desta obra.
Agardámosvos!!!