ESPADA, de Anabel Colazo (La Cúpula): maxia e aventuras cun aquel reflexivo na consagración dunha autora inclasificable.

Espada

Cando hai cinco anos foi publicada Encuentros cercanos, a primeira obra longa de Anabel Colazo, atopamos unha autora cunha personalidade propia e unha gran capacidade para contar máis do que semella a primeira vista. Prometimos daquela seguir de preto os seus pasos e así o fixemos, tanto con No mires atrás (2019) como con este Espada que hoxe vos presentamos e que esgotou a súa primeira edición en menos de tres meses. E o certo é que non podemos máis que nos congratular polo seu éxito, xa que implica que a proposta de Anabel, a priori arriscada, acadou o favor dos lectores e lectoras.

Malia a súa mocidade –aínda non fixo os trinta anos- esta artista ibicenca residente na Coruña amosa ter un criterio propio máis que interesante, mesturando sempre nos seus álbumes distintos temas e xéneros, apoiada nun grafismo moi recoñecible onde percibimos unha salientable e continua evolución.


Espada portada

En Espada, obra concebida e realizada durante unha bolsa creativa na Maison des Auteurs de Angoulême, atrévese co xénero de fantasía heroica, ou iso pensamos ao comezar a lectura deste relato ambientado nun reino onde noutros tempos a maxia circulaba libremente pero que na actualidade, e por mor dun enfrontamento cun terrible demo, quedou restrinxida tan só á súa raíña e a Ania, a herdeira do trono e gran protagonista desta historia.


Espada 1

Pero, como vos diciamos ao comezo e adoita acontecer nas obras de Anabel, non todo é como parece, e así, a través dos monólogos interiores da propia Ania, descubrimos que nos mosaicos dunhas ruinas antigas existe outra versión sobre o pasado do reino e a orixe do poder máxico na cal ten un papel fundamental unha espada portada por un heroe.


Espada 2

Unha idea inicial que puidera ser considerada típica ou tópica e na que podemos aprezar influencias do mundo do cómic, a literatura e o cinema fantástico ou mesmo os videoxogos, pero que pouco a pouco Anabel vai enriquecendo con ingredientes tales como a ciencia-ficción ou a aparición de diversos dilemas morais que convidan á reflexión dos lectores e que lle aportan a Espada o seu carácter único.


Espada 28

Con estes vimbios constrúe un relato atípico onde a introspección prevalece sobre a acción e que nos leva a pensar en cuestións que podemos extrapolar ao noso presente como son a dicotomía entre maxia e ciencia, o paternalismo sobreprotector das clases dirixentes cara o pobo ou a responsabilidade que conleva todo poder.


Espada 49

Xa que logo estamos perante un título que bebe de moitas fontes e onde aprezamos un progreso enorme no traballo gráfico da súa autora, tanto no debuxo coma na cor, con algunhas páxinas enteiras realmente espectaculares e unha paleta cromática marca da casa que acompaña á perfección o desenvolvemento da historia.

Unha novela gráfica que vos recomendamos tanto se procurades un relato fantástico como se o que queredes é unha lectura con máis profundidade.

Aproveitamos tamén para vos anunciar a vindeira visita, o venres 8 de xullo, de Anabel Colazo a Komic para presentar e asinar exemplares deste álbum do que hoxe vos falamos.